Opinión

120 anos depois

Pertencente ao grupo dos artistas renovadores da arte galega no periodo de entreguerras a súa obra non deixa de sufrir un proceso de revisión que pon luz alí onde houbo moita escuridade debido ao seu exilio en México e a súa morte cando preparaba o seu regreso

FILLO doutro pintor sobranceiro, Alfredo Souto, a presenza de Arturo Souto non deixa de facerse máis firme co transcurso do tempo, formando parte recentemente dun ciclo que dende o Consello da Cultura Galega revisa a nomes destacados da nosa arte que convén sempre ter presentes. E semella ben axeitado achegarse a súa fingura nun mes de xullo tan marcado na súa biografía ao ser o mes no que naceu, un 4 de xullo de 1902 en Pontevedra, mais tamén no que morreu, de xeito inesperado o 3 de xullo de 1964, cando preparaba o seu regreso a España, da que marchara obrigado polo seu compromiso coa República.

Cúmprense, daquela, 120 anos do seu nacemento, da chegada ao mundo dun dos nosos pintores mellor dotados aos que o tempo quixo xuntar con ese grupo de artistas que, con individualidades moi específicas, conformaron unha xeración que se deu en chamar Os Novos ou Os renovadores dunha arte vencellada ao pintoresquismo ou o rexionalismo cheo de tópicos que marcou boa parte da pintura en España entre os séculos XIX e XX. Laxeiro, Colmeiro, Maside, Souto e Torres, pertencentes a un novo tempo, a unha xeración nada arredor do comezo do século XX, afastáronse desa mirada e dende a implicación cos novos postulados estéticos das vangardas históricas, con París como gran centro e as súas repercusións noutras cidades como Madrid, conxugaron unha nova mirada cara a identidade galega, empregando a arte como unha declaración de intencións máis alá do puramente formal.

A todos eles tamén lles uniu o ser bolseiros da Deputación de Pontevedra, un innovador e institucionalizado sistema de becas que cunha boa dotación económica permitiu que todos eles viaxasen e se adicasen a coñecer outras realidades e contextos artísticos. Detrás desas bolsas Carlos Sobrino, Eduardo Castelo, Losada Diéguez e, sobre todo, Castelao, e a súa clara intención de que unha nova fornada de mozos repetise o seu contacto coa Europa creativa do momento.

A pintura de Souto énchese da alma humana cunha forte compoñente social, sendo xa gabada dende o primeiro momento polos críticos  que o suliñaron como o mellor artista galego

Arturo Souto con catorce anos xa ingresa na Escola de Artes de Sevilla a onde fora destinado o seu pai como maxistrado, e alí non só descubriu a ensinanza nas aulas senón todo un universo vital e emocional que prendeu xa para sempre na súa obra. Eses territorios paralelos da vida, cheos de claroscuros, de noites onde todo é posible, de locais de ocio onde a realidade se dilúe entre o alcol e unha serie de miradas, foron as que protagonizaron moitos dos seus cadros dende entón. Madrid, coa Escola de San Fernando e eses baixos fondos galdosianos coas texturas da pintura de Solana, acabaron de marcar ao novo pintor que xa tiña posta as súas arelas de coñecemento nese París da bohemia que non o defraudou. Todo o contrario, aquel universo xa se converteu para sempre nun paraíso perdido do que nunca foi quen de desprenderse. As pinceladas de Delacroix ou Bonnard conxugáronse cos desafíos que propuxo Cèzanne sobre unha superficie do cadro que nunca volveu a ser a mesma. A pintura de Souto énchese da alma humana cunha forte compoñente social, sendo xa gabada dende o primeiro momento polos críticos  que o suliñaron como o mellor artista galego. Outra beca lévao a Academia de Roma, para situarse cerca da pintura metafísica de De Chirico e Carra. A súa pintura ábrese aos grandes espazos e a un silencio que se condensará a través desa pincelada chea de materia que caracterizou sempre a súa obra en contraposición as súas características estampas dunha contida e xenial augada.

James Ensor ou Jean Cassou alaban dende Bélxica e París a súa pintura no tempo no que comeza o seu exilio. Cuba, Nova York e finalmente México, ao que chega en 1942 e no que pasou máis de vinte anos, sempre coa ollada posta en Galicia a través do contacto coa emigración naquel país e con tantos españois e intelectuais despoxados da súa terra polo fascismo. A súa pintura desenvolveuse aínda moi ligada ao contexto europeo pero pouco a pouco achegouse a ese universo mexicano, a unha nova luz, a unha nova paisaxe e, sobre todo, a unhas novas cores. A compoñente indíxena e certas experiencias coa abstracción marcan a súa pintura na década dos cincuenta. En 1962 regresa a España e a Galicia, onde plantexa diferentes exposicións, e decide que é hora de volver de xeito definitivo, pero todo remata no sofá do seu estudio mexicano dende onde observaba os seus cadros. No cabalete quedaba un cadro, ‘Dobre maternidade’, no que unha nai galega acouga ao seu fillo e, ao fondo, unha vaca fai o mesmo co seu xato.

Comentarios