Opinión

Aniversarios que carga Belcebú

Este 2023 cae en centenario de Manuel Murguía. Atendemos soamente a que fundou a Academia Galega? Actuamos honestamente confesando o seu supremacismo? Somos ateos dos nosos mitos. Supoño que lle botaremos a culpa ao espírito do tempo de Murguía, salvavidas biográfico.
Manuel Murguía. EP

O historiador Ramón Menéndez Pidal fixo Historia cun sombreiro de ilusionista. Escondeu no fondo que El Cid era un mercenario e quitou unha espada de atrezzo. A Tizona era a saba santa de Turín que necesitaba para asentar o patriotismo español sobre Castela. "Suelo polvoriento y yermo", escribía Curros Enríquez. Pidal afiou a espada, botoulle abrillantador de prata e presentoulla a Franco. O xeneral superlativo aceptou que o engano era tan auténtico como a propia ditadura, que se rexiu por un libreto do mestre Ruperto Chapí.

Voltaire chamaba grandes homes aos que destacaron no útil ou no agradable, «os saqueadores de provincias son soamente heroes». Franco nunca tivo ningún problema co relato, sempre que respondese ao seu interese. Non había dificultade política que non resolvese contra a tapia dun cemiterio. Pero si que lle preocupou a sombra que deixaría nos manuais de Historia. Ese é o relato do Val dos Caídos, coa súa tumba no máis alto, a xeito de trono da inmortalidade.

Entre o supremacismo suevo de Murguía e o ocultamento de Galicia como primeiro reino de Europa que nos furtou a historiografía española hai un punto medio. A Historia nunca é obxectiva, pero debe ter intención de rigor. Miguel Anxo Murado explica que os textos medievais do resto de Europa "falan sempre de ‘Galicia’ ou de ‘Galicia e Asturias". O truco de maxia fíxoo Pelayo, o bispo de Oviedo —nada que ver con Don Pelayo—. "Ordeou aos seus escribas imitar a caligrafía visigoda para facela parecer máis antiga" producindo un rico arquivo de textos falsos sobre os que foi erixido o Reino de Asturias.

Manuel Murguía andaba tamén no xogo das falsedades. Entendía que a verdade non constrúe unha nación, porque a verdade é malencarada e túzara. Na beira oposta estaba a longa tradición de humillar galegos. Prende con Quevedo —"Antes puto que gallego"— e sigue aventada con Unamuno —"El gallego se inventó para el descanso del asno"—, así que poderíamos ver a intención do autor de Arteixo como reparadora.

Logo de morrer Rosalía, o seu home ocupouse de vestila para levala en procesión polas enciclopedias da literatura. Deu instrucións ás fillas para remarcar a dozura e a xenerosidade maternas e queimou todo aire negro que empañase o cristal. A elevación ao Ceo foi instantánea, suavemente mariana. Non hai máis que ver a resposta que dá en xaneiro de 1906 no Diario de Pontevedra a Celso García de la Riega, quen o acusara de cobrar dúas veces o monumento á Santiña sufragado polos galegos de Cuba: "El importe de la suscripción hecha en La Habana vino dirigida a Santiago en dos partidas porque dos fueron las cantidades que reunieron".

O propio García de la Riega tivo que soportar ser acusado polos seus inimigos —entre eles, Murguía—, de crear uns documentos que demostraban a estirpe galega de Colón. Fora pioneiro nesa teoría que achegaría un santo maior ao nirvana galego.

O problema de  Manuel Murguía xurde cando quere estender o individual ao nacional, trascender de Rosalía a Galicia, a través dunha nebulosa elucubración celtisueva. O asunto arranca no Mar Suevo sobre o que escribira Ptolomeo, na redonda do actual Brandemburgo. Os suevos aparecen por primeira vez polas campañas de César nas ribeiras do Rin. En decembro do ano 406 vinte mil suevos atravesan o xeo do Rin con pés de gato. Asolan as Galias e despois Hispania nunha invasión que toleou a brúxula do Imperio de Occidente. Os suevos deron en caer na Gallaecia. Murguía navega nesa corrente, mesmo desprezando os habitantes orixinarios do noso país:

—El día en que las tribus célticas se apoderaron del extenso territorio que componía la provincia gallega, a la cual dieron nombre, lengua, religión, costumbres, en una palabra, vida entera; ese día concluyó el poder de los hombres inferiores en nuestro país. Fuesen fineses o gente más humilde todavía, de color amarillo, lengua monosilábica y vida intelectual rudimentaria, tuvieron que apartarse y desaparecer. Ni en la raza ni en las costumbres y supersticiones, ni siquiera en los nombres de localidad dejaron las huellas de su paso. El celta es nuestro único, nuestro verdadero antepasado.

García de la Riega xa lle saíra ao paso en 1904 para asegurar que "los gallegos no son celtas ni suevos, sino que son iberolatinos, tanto por el suelo, como por la raza, por la lengua y por la historia". Murguía considera que o pobo galego é "numeroso y superior por ser céltico, más germanizado, y por no haberse contaminado con la sangre semita".

O asasinato dun sancristán en Alxeciras cometido por un transtornado vai alimentar un sinalar colectivo a todo musulmán. Toda relixión é a sofisticación dun mito.

Ese sentimento é angular na españolidade, que leva séculos borrando a mancha estendida durante os oito séculos nos que a forza civilizadora da Península Ibérica se guiaba polo Corán.

Hai unha preocupante proporción de españois que chama Reconquista a unha guerra étnica. Caricaturizan como "invasión" un periodo longo, que vai do 711 ao 1492. Unha conquista empeza pola barbarie e acaba pola civilización. Os patriotas pregúntanse qué fixeron os musulmáns de Al Andalus a parte da transmisión de textos clásicos e das achegas en regadío, medicina, botánica, farmacia, astronomía, matemáticas, seda, vidrio, cerámica e xadrez. Como consecuencia, xustifican o labor positivo dos iletrados que guerreaban coa Biblia baixo a coraza, comían patas de cordeiro coas mans e lavaban o corpo de agosto en xullo. Lenda negra, ben sei.

O sentimento de desprezo ao musulmán sigue estendido. En Francia manchou a literatura. Michel Houllebecq ten o olfacto necesario para agarrar esa pestilencia. Volveu poñer a cara para que lla partan. A súa anterior novela, a distopía islámica Sumisión, era un artefacto explosivo. O día no que ía presentala os irmáns Kouachi vingaron ao Profeta polas caricaturas que publicara a revista satírica Charlie Hebdo. Acribillaron catorce persoas sen que houbese indicios de que Alá estivese molesto coas burlas. O escritor tivo que saír correndo nun coche anodino. Non freou ata chegar á fronteira de Bélxica. Coa súa nova obra, Aniquilación (Anagrama), sitúase na estirpe con ese xénero literario tan francés que é o Reaccionarismo; onde atopamos a Barrès, Maurras ou Céline. Unhas pingas de odio ao xudeo, unhas notas de noxo polo xermano, unha pizca de desprezo á muller,...  Abascal podería artellar un discurso; pero en Vox soamente le libros Espinosa de los Monteros.

Federico II de Prusia mandou ser enterrado entre os seus cans, «lonxe da raza humana». Nesta última novela, Houellebecq pasa dun nihilismo occidentalísimo a un reaccionarismo compasivo. Escribe de pobres "franceses de pura cepa" que sufren por amor, mesmo por un amor africano. Esa concesión á humanidade foi corrixida nunha entrevista recente. Contoulle ao esquerdopatriota de Michel Onfray que existe un perigo de que na Francia civilizada haxa bolsas de musulmanismos fanáticos no que "os franceses de pura cepa" cometerían atentados —"Bataclán ao revés"—, pero os islamitas "non reaccionarían poñendo flores".

O imán da Gran Mesquita ameazouno cunha demanda por racismo, pero Michel é como ese amigo sobre o que sabes que é un caradura, aínda que o ves coma un demo que precisa un abrigo. Ambos tiveron un encontro no que Houellebecq lle asegurou que non dixera o que notoriamente dixera. Quedaron coma amigos. "Xa nos chamamos para celebrar a fin do Ramadán".

Comentarios