Opinión

Arte de guerra e exilio lonxe do soto

As obras de Uxío Souto, Federico Ribas e Arturo Souto completan a visión do Museo de Pontevedra sobre o periodo vencellado á Guerra Civil, amosando unha arte de compromiso e, sobre todo, sendo o reflexo notarial dunhas escenas que nunca teríamos que esquecer.

SORPRENDE ao mesmo tempo a calidade das pezas que dende hai uns días forman parte da colección permanente do Museo de Pontevedra, como que ata agora estivesen agochadas formando parte de tantos tesouros artísticos que penan por sotos e arquivos, lonxe da mirada da cidadanía. O proceso de revisión dunha etapa esencial da nosa historia, como foi a Guerra Civil, dende diferentes espazos museísticos, está a desterrar do esquecemento toda unha serie de pezas ocultas que explican moito desa historia a través do traballo plástico e creativo dos seus protagonistas, que, coa súa mirada, achégannos á crúa realidade daqueles momentos aos que nunca teríamos que darlle as costas.

Recintos como o Reina Sofía ou o Museo de Arte Nacional de Cataluña levan varios meses artellando un proceso de renovación das súas coleccións, concedéndolle un novo protagonismo ao tempo artístico vencellado á Guerra Civil e ao exilio.

Nesa liña o Museo de Pontevedra, onde esta arte de guerra ten un dos seus cumes na obra de Castelao, nomeadamente cos seus Álbums de guerra, especialmente Galicia Mártir e Atila en Galicia, completa esa traxectoria coa recuperación de tres nomes senlleiros deste momento: Uxío Souto, Arturo Souto e Federico Ribas. Os dous primeiros formaron parte do exilio mexicano, ese mesmo no que a Real Academia Galega vén de poñer o foco grazas á designación de Florencio Delgado Gurriarán como homenaxeado no vindeiro Día das Letras Galegas, no que desenvolveu un papel sobranceiro naquel espazo da obrigada diáspora galega despois da sublevación militar; mentres que Federico Ribas fixo de Bos Aires o seu espazo vital tras a fuxida da terra.

Se comezamos precisamente polo ilustrador vigués, vemos como se recuperan seis augadas co título de Visións galegas baixo o yugo da Falanxe, nas que se reflicte a brutal represión que percorreu ese Bueu no que adoitaba pasar os veráns, como aquel do 1936 no que coincidiu coa mesma Maruja Mallo, e que inmortalizou nestas obras a través de diferentes estampas que amosan o terror, o medo e a desfeita no pobo. 

Da man de Arturo Souto, un dos nosos grandes artistas daquel momento, recupéranse tres pezas dunha arte que, como fixera Castelao, o artista pontevedrés puxo ao servizo do Ministerio de Propaganda do goberno republicano, publicando en numerosas revistas e participando en mostras como a do Pavillón Español na Exposición Internacional de 1937 en París, a carón do Guernica, sendo algunhas destas pezas as recuperadas e exhibidas no Museo de Arte Nacional de Cataluña. 

Dúas augatintas de Uxío Souto e tres esculturas son as que completan este mural adicado á Guerra Civil.

A obra de Uxío Souto, quizais sexa a máis abraiante, precisamente por ser a menos coñecida. O aclamado escultor, nado en Cuntis, amosa coa súa obra gráfica unha parte da Guerra Civil que, como acontece con el é pouco coñecida, a vida nos campos de refuxiados. A Guerra Civil cólleo de viaxe en Madrid e en 1937 marcha a Cataluña onde traballa como profesor no Instituto de Igualada.

En 1939 atravesa a fronteira e é internado en Saint-Cyprien, como nos conta Carlos L. Bernárdez no xa imprescindible para achegarse a este momento artístico Fronte da Arte. A arte galega no contexto europeo dos anos trinta (Laiovento) que se vén a sumar ao catálogo da exposición Diáspora. 10 artistas galegos no exilio latinoamericano 1930-1970, por el mesmo comisariada, para ter así unha fotografía daquela creatividade que xorde do compromiso co ser humano, a denuncia da barbarie e o elo coa terra.

Dúas augatintas de Uxío Souto e tres esculturas son as que completan este mural adicado á Guerra Civil. As primeiras, dúas impresionantes pezas que por si mesmas xustificarían toda esta recuperación: Paso dos Pirineos e  Véspera no campo de concentración, ambas datadas en 1939, e nas que vemos unhas figuras cheas dunha potencia escultórica que lle concede ese senso heroico á estampa propio dun sacrificio clásico. 

As esculturas reflicten a Camilo Díaz Baliño, fusilado ao comezo da guerra, e dúas escenas que participan da mesma linguaxe das augatintas: Procesión del amanecer e Solidaridade.
Pezas que nos falan duns intres de dor e barbarie pero que tamén conversan con nós sobre a necesidade de facer unha lectura da nosa historia a través destes documentos incomparables na súa calidade e capacidade de transmitir un tempo que non pode seguir agochado nos sotos.

Comentarios