Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

A cara B na nosa historia

Contrahistorias de Galicia é unha engaiolante achega de Antonio Reigosa e Rita Gutiérrez a diferentes elementos do noso pasado que configuraron, co paso do tempo, boa parte da nosa identidade como pobo e como colectivo que tería que estar obrigado a coñecer todos estes acontecementos
John Balan.
photo_camera John Balan.

MERGULLARSE no libro —espectacularmente editado por Edicións Embora— de Antonio Reigosa con ilustracións de Rita Gutiérrez, é facelo na nosa propia esencia como pobo. Esta recopilación de feitos, personaxes e situacións que artellaron a nosa identidade propón unha interesante viaxe por diversas cuestións que a historia oficial deixa acotío de lado, non outorgándolle o valor que realmente teñen como parte desa singularidade común. Obxectos históricos, feitos xa lexendarios, preguntas que vagan polo devir dos séculos, inventos ou persoeiros da nosa historia conflúen neste volume que nos pon ante unha especie de cara b da historia, e que o seu autor presenta como a recuperación daquilo que todos tiñamos que ter ben gravado no noso interior ao tratarse de feitos que dun ou doutro xeito forman parte de nós.

Tanto a anécdota como a épica teñen cabida nesta selección feita por Antonio Reigosa entendida por el mesmo como unha fiestra á que asomarse para asexar ese pasado do que tamén formamos parte. Ben sexa un feito trivial ou un deses relatos que a historia oficial acolleu para explicarnos cada unha desas entradas funciona como unha especie de pedra que nos constrúe pouco a pouco. Un valado que se ergue para sosternos de xeito diferente a outras xeografías que tamén terán os seus relatos. Dende O Medulio, o mito das orixes ata O Merlín de Cunqueiro, pasando polo torques de Burela, a historia de Maria Rodrigues, Por que Rosalía de Castro deixou de escribir en galego?, Rubia galega, a nosa vaca ou a historia de John Balan, un home e unha porta, cada entrada revela unha historia, abofé, que pouco coñecida pola maioría da poboación e que aquí emerxe dendo o texto dun xeito tan didáctico como dinámico, e que se completa de xeito perfecto coas ilustracións de Rita Gutiérrez que dimensionan aquelas palabras e o fan dende unha serie de imáxenes moi atractivas, dotadas dunha gran plasticidade e que amosan un intelixente traballo de análise e interpretación do feito a representar.

Pensemos cómo sería de diferente a nosa contorna sen calculadoras, abrelatas ou clips, pois todo iso é obra de galegos

En non poucas ocasión é preciso fedellar na historia non dun xeito frontal, tal e como acontece nos manuais clásicos, senón achegándose a esa serie de ocos que ela mesma vai deixando como espazos que permiten respirar a eses feitos maiúsculos, ás grandes fazañas dos nosos héroes, e fronte ás que estes outros relatos son tamén parte desa outra historia colectiva. Atoparse coas lembranzas de Monchiño, o xigante de Magarelos ou a de Curuxas, o fuxido que non dobregou o franquismo ou a de Patricio Sánchez, el divino hojalateiro, amósanos como foron moitos os nomes que dende o común, dende o día a día, e dende o, en principio, modesto papel que lles concedeu a historia, sumaron o seu quefacer a nosa sociedade, ao igual que fixeron moitos outros a través dos seus inventos que tamén reflicten esa modestia da nosa tarefa común, pero cos cales o noso mundo é moito mellor. Pensemos cómo sería de diferente a nosa contorna sen calculadoras, abrelatas ou clips, pois todo iso é obra de galegos. Porque non só inventamos o futbolín, que así é como semella resumirse a historia dos nosos descubrimentos para a eternidade, senón que todos eses obxectos e algún máis saíron do maxín de galegos que, sen demasiadas posibilidades tecnolóxicas, foron quen de formar parte da historia, ou polo menos desa outra cara da historia.

Baixo as capas deste libro, tan fermoso na súa construción, non só temos aprendizaxe, senón tamén entretemento. Unha simbiose que moitas veces falla cando se contan as historias máis oficiais, pero que deste xeito nos permiten entender cada unha das súas entradas como unha aventura. Un desafío cheo de heroes e de personaxes cos que o tempo non foi moi agradecido. Historias que estarán contidas na fala popular, nos recantos do noso país onde cada un deles se desenvolveu, pero todos precisan de altofalantes como esta aposta de Antonio Reigosa necesaria para que cheguen a todos os que precisamos seguir sabendo de onde vimos e a importancia desas contrahistorias de Galicia.

Comentarios