Opinión

Cen pegadas

Javier Nogueira - Cen pegadas

COMO becerrense que son, o meu modelo literario e cívico non pode ser outro que o da escritora Helena Villar Janeiro, con quen teño o pracer de tratar decote grazas a ese milagre das redes sociais.

A razón pola que é un modelo cívico é pola súa permanente defensa da Memoria Histórica nun lugar, Os Ancares, onde non houbo guerra e si unha represión salvaxe que endexamais chegou a se investigar como se debía. Nela finaron o alcalde e o seu cuñado, de só quince anos, familiar da propia escritora. Semella que os seus cadáveres veñen de se atopar na foxa de Vilarraso, xa na provincia da Coruña.

Con ela debatín outro famoso caso que, por fortuna, vén de acadar unha maior relevancia ao se incluír en La guerra civil española en 100 objetos, imágenes y lugares, obra escrita por unha ducia de autores coordinados por Antonio Cazorla e Adrian Shubert (catedrático en Canadá) e publicada por Galaxia Gutenberg. É o de Gonzalo Becerra, transportista da aldea de Vilaicente (As Nogais) con simpatías anarquistas. Fórono buscar para pasealo e librou grazas ao seu pai. Viviu nun furado de catro metros cadrados durante os seguintes 39 anos. Saíu ao morrer Franco e finou só tres meses despois.

As guerras deixan millóns de pegadas durante décadas, ás veces durante séculos, e neste caso os editores e autores tiveron que limitar a súa escolla a cen, entre elas esta que vimos de relatar. Con elas construíron un libro de máxima axilidade na lectura, algo pouco frecuente nun tema tan suxeito a controversia coma o da Guerra Civil en España: ningún capítulo supera as catro páxinas de extensión e todos se poden ler coma pequenos e moi contundentes artigos de prensa.
Agora que están tan de moda termos coma adoutrinamento ou equidistancia, o libro de Cazorla e Shubert ilústraos á perfección. Para a dereita española –que, non esquezamos, aínda non condenou o franquismo abertamente– supoñemos que un libro coma este sería exemplo de adoutrinamento: non chegan a dez os artigos que expoñen a violencia exercida pola República contra os golpistas. A maior parte de obxectos e lugares relacionados cos sublevados contan, porén, a historia de quen destruíu a democracia no nome das vantaxes só para uns poucos.

Encádrase este relato de obxectos, imaxes e lugares no marco da microhistoria

Non é nada estraño e, por suposto, non se trata de adoutrinamento. Estamos perante a verdade histórica establecida hai tempo e só negada na dereita española e as que con ela se relacionan en Europa ou Estados Unidos. De feito, o grande mérito de autores e editores consiste en evitar tamén a equidistancia, un carro no que aparecen cada vez máis intelectuais do extremo centro español. A Terceira España aparece apenas nun par de pezas e os escritores son moi contundentes á hora de criticar os erros e crimes da República cando corresponde... sen que isto impugne a tese principal da obra.

Encádrase este relato de obxectos, imaxes e lugares no marco da microhistoria, esa liña de investigación que pon os seus ollos non nos grandes persoeiros ou acontecementos senón en pequenos elementos a partir dos que se pode reconstruír a vida cotiá dun período concreto. Mestura así arquivística, arqueoloxía, pescuda histórica e interpretación para facer un libro distinto e que merece un lugar de seu dentro do inacabábel panorama bibliográfico do grande conflicto español do século XX.

Comentarios