Blog | Nube tóxica

Emir Kusturica, onde Europa manca

"Erguemos novas casas, con tellas vermellas, onde as cegoñas constrúen os niños e coas portas abertas aos nosos convidados. Agradecémoslle á terra que nos alimenta, ao sol que nos quece e aos campos que nos lembran os verdes pastos no fogar. Así, con dor, tristura e ledicia, lembramos o noso país cando lles contamos aos nosos nenos historias que comezan como todas as historias: 'Era unha vez unha terra…'". Velaquí o alegato final de Underground, a película filmada por Emir Kusturica en 1995, cando Iugoslavia se desangraba.
The No Smoking Orchestra
photo_camera The No Smoking Orchestra

Hai unhas semanas, a Unión Europea celebraba nas redes sociais 75 anos de paz, como se o que aconteceu nos Balcáns durante os anos 90 non tivese sucedido nunca. Emir Nemanja Kusturica (Saraievo, 1954) é o resultado dese mapa no que se fractura o vello continente unha e outra vez. Un lugar ás carranchapernas entre Mittleuropa e o Mediterráneo, de grafía latina e cirílica, preso entre imperios, onde historicamente se teñen atopado e enfrontado a Europa católica, a ortodoxa, protestante, a musulmá e a xudea. Un mundo cigano e errante, mais tamén eslavo, un chisco xermánico e románico e un moito otomano. Iugoslavia foi a creación de Josip Broz Tito logo da Segunda Guerra Mundial; unha terceira vía dentro do socialismo. Un construto que saltou polos aires coa fin da historia. Quizais por iso, os persoaxes que compón o cineasta Kusturica cantan, berran e rin canto poden. Esconxuran o medo e o desacougo. Aman, protéxense, pelexan, foxen da súa realidade en escenas orxiásticas e fantasiosas.

Emir Kusturica celebrou en 1981 o seu León de Ouro en Venecia —pola película Coñeces a Dolly Bell? — borracho polos bares de Saraievo, cagándose en Tito. Cos cartos do galardón, solicitoulle un piso ao Estado. A súa muller e mais el aínda vivían cos pais de Emir. "Na miña familia non eramos bos comunistas; meu pai tiña moitos amigos no cárcere, acusados de apoiar a Stalin. Occidente nunca falou do campo de reeducación de Goli Otok, porque non lle podía quitar ningún rendemento propagandístico". No que atinxe ao propio Kusturica, el déixao ben claro: "Nunca tería sobrevivido os boy scouts, como para sobrevivir o Partido Comunista".

Co tempo, o cineasta admite que chegou a entender "en parte" a Tito. "Iugoslavia tiña sentido; cando o capitalismo corporativo chegou a Leste, arrasouno; está asumido que é mérito exclusivo de Milósević, pero nunca se fala da responsabilidade de Estados Unidos e da Unión Europea". A globalización nos anos noventa destrozábao todo. Bruxelas e Moscú disputábanse a hexemonía na área. "Non podían permitir que un pobo de cultura eslava quedase baixo a órbita de Rusia".

El tivera que mentir para ser admitido na Escola de Cine de Praga, a máis prestixiosa da Comecon. "Quero facer películas porque creo que cómpre máis realismo socialista". Tivo sorte de que non descifrasen a ironía. O valor da Escola de Praga era estar aí, rodeado de teatros e dramaturgos. En Saraievo, afirma, só vía pelis americanas e de Chaplin. Vaia, tamén lembra que seguiu a carreira de Jean Vigo; que lle interesou algunha creación soviética. En Praga di que aprendeu "a medir a distancia irónica".

Non acudiu a recoller o premio baixo o pretexto de que estaba a mudar o parqué da casa

Na capital de Checoslovaquia viviu tamén a Primavera de 1968, reprimida polos tanques soviéticos. Pagou a súa primeira película grazas ao contrabando de discos de jazz e rock que ía buscar a Berlín. El considérao unha "misión cultural". Engade que a súa ética e moral non lle terían permitido ir máis aló: "Hai barreiras que non se poden cruzar". Con eses cartos, ademais de filmar películas, subía a trens búlgaros infestados de sarna. "25 horas para ir ver a moza, a que hoxe é a miña muller".

Ao Leste da Guerra Fría había censura; hoxe hai "máis limitacións capitalistas". A súa película Guernica gañou o festival de Karlovy Vary en 1978 e Kusturica comezou a traballar para a televisión iugoslava. Despois viría a antedita Coñeces a Dolly Bell? "Non chegou a censurarse, pero tiña a consideración de non recomendable". Xa en 1985, con Papá está en viaxe de negocios, Kusturica gañou a Palma de Ouro en Cannes. Non acudiu a recoller o premio baixo o pretexto de que estaba a mudar o parqué da casa. "Nunca entenden o meu humor". Sucedeulle outro tanto hai uns poucos meses, cando coincidiu con Vladimir Putin e os medios titularon que lle ofrecera ao mandamáis ruso o patio da súa casa para lanzar un cohete. "Pensaban que ía en serio".

De Kusturica dise que toda a súa cinematografía é unha reacción á súa infancia no barrio proletario de Gorica. "De non ter abrazado as artes, tería abrazado a delincuencia". Seu pai era de cultura serbia ortodoxa e converteuse ao Islam "para sobrevivir". Emir fixo o camiño inverso e abrazou a fe ortodoxa de adulto. Cando o punk era un movemento en declive en Londres, floreceu en Saraievo. Nalgún momento dos primeiros oitenta, Emir Kusturica coñeceu a Nelle Karajlić, fundador de Zabranjeno Pušenje (No Smoking), unha banda de rock asociada á new wave e ao novo primitivismo.

O cineasta aprendeu a tocar o baixo e a música integrouse dun xeito maxistral no seu traballo fílmico.
A asociación con Karajlić aínda segue en pé grazas á No Smoking Orchestra, unha banda de punk balcánico que xira por todo o mundo e remata as súas actuacións co himno da Unión Soviética e lanza mensaxes contra a MTV. "Cada país do mundo onde tocan os Rolling Stones entra na Otan; nós tratamos de oponernos a iso". Porén, a outra das alianzas musicais que tecera Kusturica quedou polo camiño. Goran Bregović era o músico rock máis famoso de Iugoslavia cando compuxo a banda sonora de Tempo dos ciganos (1988). Asinaría tamén as partituras de Arizona Dream (1993), a única incursión en Hollywood de Kusturica, e Underground (1995), o título que se considera a obra capital do director de Saraievo.

Underground olla por un buratiño un soto, a xeito de metáfora da caverna de Platón. É a historia de Iugoslavia desde a Segunda Guerra Mundial; un conto sen fin. Está estruturada en tres partes: guerra, Tito e, outra vez, guerra. Kusturica pasou por unha peneira crítica o pobo serbio, amais de realizar un exercicio que ridiculiza os cascos azuis e expón o tráfico de armas. Hai unha frase que se considera profética en Underground: "Se non son os nazis, son os aliados". O zoo de Belgrado sofre os bombardeos na ficción. Catro anos despois, en 1999, sería a Otan a que lanzaría a súa munición sobre a cidade. Do mesmo xeito, nunha das escenas considérase que Kusturica anticipa Bosnia-Hercegovina a desprenderse de Iugoslavia.

Ao igual que sucede en Tempo dos ciganos, a cruenta contemporaneidade balcánica cóntase  en Underground con humor negro e realismo máxico. Soan vibrantes as fanfarrias e os ventos metais cantan as virtudes do AK-47. Armas para o pobo. O desamor entre Kusturica e Bregović veu por un conflito de apropiación cultural de cando Rosalía nin nacera. "Goran Bregović chegou á world music a través dunha canción tradicional cigana, Ederlezi —tema central en Tempo de ciganos— e, despois, esqueceu que non era súa. Todo o que fixo a partir dese momento foi rearranxar a música doutra xente e dicir que era del". A música de Arizona Dream foi incautada, porque perdeu un xuízo. "Iggy Pop amolouse comigo porque lle dei unha canción roubada para cantar. Bregovič é desa xente que te convida a xantar, no camiño ao restaurante róubache a carteira, paga cos teus cartos e, canto estás por te poñer o abrigo, mete a carteira de novo no peto. Un moi bo home". Con estas palabras lle resumiría o desencontro ao diario Clarín Kusturica anos despois.

Co novo milenio, o cineasta diversifícase e deixa a súa pegada como director de documentais

Goran Bregović xa non estaba alí para Gato negro, gato branco (1998), a comedia romántica filmada en romaní, serbio e búlgaro que completa a tríade noventeira de Kusturica e pola que gañou o León de Prata á mellor dirección en Venecia. Co novo milenio, o cineasta diversifícase e deixa a súa pegada como director de documentais. Historias de Super 8 (2001) son gravacións da xira da No Smoking Orchestra. Maradona by Kusturica (2008) fíxoo célebre no Cono Sur, onde regresou recentemente para asinar O Pepe, unha vida suprema (2018), un filme arredor do expresidente de Uruguai José Mujica.

Polo que respecta á ficción, Emir Kusturica ten por certo que lle sucede como a Almodóvar, que relata unha e outra vez a mesma historia, que o seu é un mundo reducido ao mínimo. O conto reiterado de Kusturica é o de Iugoslavia inzada de personaxes nas beiras e comesta pola violencia. "É o noso carácter: cando dous pelexan os outros non damos estado á marxe". Fíxoo en 2016, como actor protagonista e con Monica Bellucci de compañeira de rodaxe en Na Vía Láctea. Sucedera de igual xeito en A vida é un milagre (2004), que conlevou a construción ex novo dunha vila de factura tradicional, Drvengrad, a 200 quilómetros de Belgrado, un proxecto que transcende o decorado e que mereceu o premio europeo de arquitectura Philippe Rotthier.

Kusturica resultou divo de máis para as feituras do socialismo de Estado e hoxe exerce de antisistema fronte ao Occidente colonizador que se abriu paso sen pedir permiso ao estomballarse o bloque soviético. "A liberdade non é a propina que lle deixas ao camareiro. Estamos sempre vixiados. A liberdade hoxe é un privilexio de moi poucos".

Forastero en el matrimonio y otros relatos (Editorial Acantilado)
Emir Kusturica xa nos deixara hai uns anos a súa pericia como contador sen imaxes en ¿Dónde estoy en esta historia? (Península), un volume de memorias, un anecdotario persoal, no que enfronta a realidade balcánica do último medio século. Agora chegan en castelán da man de Acantilado Forastero en el matrimonio y otros relatos, un volume que agocha minas da Segunda Guerra Mundial, campioas infantís de xadrez inexorablemente namoradas, dianteiros do Partizan de Belgrado, xente que bebe café e Cockta, persecucións de lobos e policías no barrio de Gorica, celebracións do 8 de marzo que enxalzan a Xoana de Arco, Marie Curie e Valentina Tereshkova e recomendacións de berrar como unha ovella na primeira cita.

 

Comentarios