Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

O equilibrio da Terra

A nova novela gráfica de Miguelanxo Prado, O pacto do Letargo amosa unha obra que, máis alá dos sobranceiros detalles creativos e plásticos, propón unha mirada sobre as nosas lendas e mundos antigos, os que non é sinxelo achegarse, así como a nosa relación co planeta.
Prado
photo_camera Prado

SON PARTE de nós. Lévedo da nosa condición de galegos. Historias de trasnos e meigas que xorden onde non sempre se pode achegar a razón. O Pacto do Letargo, confórmase como unha acaída revisión dese universo que semella quedar no alén dos tempos ou, quizáis non tanto. Miguelanxo Prado fía todo un relato que se relaciona entre diferentes tempos. Xerar un corredor polo que desfila o lector ao longo dunha historia de equilibrios entre as forzas do ben e o mal, co ser humano sendo o elemento xerador de incertidumes e tensións polos seus comportamentos, non só entre semellantes, senón na relación cun ecosistema maltratado e desprezado.

Publicado pola Editorial Retranca o que primeiro chama a atención é o coidado do produto, a calidade nos materiais e un deseño que fai gozar. A iso xúntaselle a habitual mestría de Miguelanxo Prado cando se enfronta a un proxecto. De novo sorprende a construción da historia, a capacidade para xerar un universo plástico engaiolante e, neste caso, para configurar personaxes os que a fisonomía define dun xeito contundente, ao tempo que compón uns caracteres que pasan xa a todo o rico imaxinario co que nos vén agasallando este creador.

Eses personaxes son os que se adican en O pacto do letargo a buscar un obxecto, un elemento que será o que permita ás forzas do mal triunfar na súa loita fronte ao ben, motivado en boa parte, polos actos dos humanos ao longo dos séculos. Seres anónimos que se vén envoltos nesta trama, inexplicable nun primeiro momento, pero que, a medida que se van atando cabos nas súas investigacións, comezan a descubrir o porque de todos eses feitos.

Son espazos míticos na natureza cheos de sinais, tamén lendas que veñen a nós dende a noite dos tempos e que se foron transformando e incorporando á nosa sociedade,

Nese proceso de investigación Miguelanxo Prado sitúa os elementos que lle interesa salientar como o soporte narrativo para que emerxa ese universo visual. O primeiro deles é o mundo lendario, tan presente na nosa cultura e moitas veces afastado do seu papel na nosa cultura. Son espazos míticos na natureza cheos de sinais, tamén lendas que veñen a nós dende a noite dos tempos e que se foron transformando e incorporando á nosa sociedade, pero que manteñen a forza case telúrica que nos conecta co senso diferencial que xorde do territorio e dos nosos devanceiros. Outro deses elementos esenciais é o ecoloxismo, presente tamén noutros traballos de  Prado. Recupera ese panteísmo que tivo dende a antigüidade, afrontando tamén a relación tensa do home coa natureza.

Xunto a eses dous elementos o ser humano e a súas miserias ocupan tamén boa parte do contido, xa que elementos como a violencia, a traizón, o engano ou a avaricia marcan moitas relacións humanas e complican a nosa posición nese ecosistema proposto polo autor entre o ben e o mal, entre os anxos e os demos. Todos eles teñen poderes que esvaecen na nosa dimensión humana, sendo os nosos actos os que nos definen como especie e os que, se facemos uso da imaxinación, nos poden levar a pensar de xeito diferente arredor da nosa presenza nesta terra na que o egocentrismo nos leva a desbotar  posibilidades arredor do que sucede.

Xunto a este libro a Editorial Retranca inicia unha colección adicada a amosar o proceso e o ámbito cretivo dos autores de banda deseñada. Atelier Miguelanxo Prado é un  tesouro para coñecer o feito creativo dun dos nosos autores máis importantes. Unha fonda entrevista e a visualización das diferentes etapas do proceso de xerar unha historia, dende o guión pasando polo debuxo ao coloreado ou o story board, convértese nun compás para deixarnos levar pola obra de quen fixo un pacto coa cultura, a sensibilidade, a intelixencia e a arte.

Comentarios