Opinión

Que estrela cae sen que ninguén a mire?

Elvis foi o rei absoluto do rock and roll ata a súa repentina morte con só 42 anos. Protagonizou unha vida de éxitos e excesos, pero nunca deixou de ser o rapaz que nacera dun furacán en Tupelo. O recordo do seu talento e da súa voz sigue vixente hoxe, máis de corenta anos despois da súa morte, logo da publicación de The Searcher, un completo documental da HBO sobre a súa vida

Elvis

ELVIS QUIXO devorar América antes de que América o devorase a el. Non lle saíu de todo ben a xogada pero no camiño foi máis grande ca ninguén. Dacabalo dun soño de amor infantil percorreu un lugar máxico e inocente. O camiño que só se abre para quen se atreve a cruzalo: a selva virxe do rock and roll. E este xogo é basicamente así: non pararás de buscar e malia todo, o fin último da túa procura será retornar ao punto de partida. E quererás coñecer ese lugar de novo. E vivilo coma se fose a primeira vez.
No armario do xénero houbo sempre varios traxes recorrentes cos que poder baixar á verbena: o de xenio inadaptado, o de fráxil suicida, o da princesa rota, o do crooner co whisky ao piano, o do representante ladrón, o do vagabundo buscavidas... Elvis escolleu o da Estrela absoluta. Mais a experiencia da estrema pobreza no Sur profundo dos Estados Unidos nunca o abandonou.

Elvis Aaron Presley naceu en Tupelo (Mississippi, 1935). Súa nai Gladys tivo un parto problemático; nel morreu Jesse, o irmán xemelgo de Elvis. Enterrárono nunha caixa de zapatos e dende entón, Gladys viviría sempre agoniante pola sorte do seu fillo, xerándose unha dependencia mutua entre os dous. Aquel lugar era coma a postal dunha novela de Faulkner: granxas, ferralla e vellos camións, fame, tardes infindas caendo sobre longos camiños soleados, negros aínda escravos apañando no algodón, algún can. Unha zona castigada con frecuencia por tornados e furacáns. Din que con tres anos o pequeno Elvis, sempre baixo a saia da súa nai, parapetábase na porta da igrexa e marcaba o ritmo ao son do gospel. Nos sermóns das relixións do Sur, o Señor sempre advirte de que a vida será breve.

Unha noite do 1936 o pai de Elvis, entrou ás carreiras na habitación e colleu o pequeno en brazos, querendo protexelo daquel estrondo enxordecedor. O segundo tornado máis devastador da historia do país matou máis de cincocentas persoas e deixou sen casa a familia Presley. Ao pouco o pai foi mandado ao cárcere. Condenárano a tres anos, pero só botou seis meses. O seu delicto fora tentar cobrar un cheque falso. Para poder comer. Así as cousas, entre continuadas ausencias do pai, nai e fillo múdanse a Memphis, Tennessee no 1948. Luces brillantes, a gran cidade. Instálanse nunha vivenda social de Laudardale Courts, dentro do New Deal; a nai xunta todo o diñeiro que ten e con el mércalle unha guitarra ao seu fillo e faise cunha radio que aplaque a soidade. É permisiva co rapaz, que é un estudante discreto, pero sempre anda pendente de non desgustala. El goza escoitando na radio a emisora WDIA. Soan a todas horas os clásicos do country da época, os lamentos do gospel e os ouveos con dobre sentido do blues.

O seu comportamento é atípico nun rapaz branco do que se deu en chamar despectivamente o white trash (lixo branco). Era case o chanzo máis baixo da ríxida pirámide social de Memphis, só lixeiramente por riba da poboación negra. Xa nos anos 50, Elvis cóllelle gusto a se perder nos antros dos negros por Beale Street, pero hai unha intención de buscar, de se perder para encontrar; un día toca BB King, ao outro Rufus Thomas. Os corpos bailan ao son do desexo as músicas negras entre o fume e o alcohol. Elvis deu nun rapaz alto e atlético, de faccións suaves e mirada doce, indiscutibelmente atractivo e de natural alegre. Mais no fondo non deixa de ser un neno pendente de contentar a súa nai. Na misa, sentado ao carón de Gladys, repara no xeito do pastor ao cantar. O reverendo é quen xesticula, baila, ergue os brazos e dirixe o coro e os músicos. É o xamán da cerimonia. El é quen interpela o público e canta para escoitar unha resposta.

Acontece o primeiro incendio: suspéndeno en Música e ao pouco ten lugar un concurso de talentos da propia escola


Esa é a orixe do frontman no rock and roll, do xeito en que os cuartetos de doo wop son o alter ego dos coros relixiosos. No instituto métense con el porque anda sempre envolto en brillantina e elegante. Pero acontece o primeiro incendio: suspéndeno en Música e ao pouco ten lugar un concurso de talentos da propia escola. Sucédense as actuacións e ao final Elvis sube ao estrado coa guitarra. Interpreta a balada Old Shep, que trata sobre a tristeza dun rapaz pola morte do seu can. A rapazada non sabe ben o que aconteceu e faise o silencio antes dunha pechada ovación. Elvis ve claramente que aquilo será a súa vida. É un rapsodo sen mapa, pero está decidido a saltar as fronteiras sen licenza e coñece como poucos o repertorio popular.

A súa relación coa música é unha experiencia orgánica que integra o ritmo de xeito natural ao se mover e cantar. Ten voz de tenor, pero sabe entoar coma unha nena pequena; é quen de imitar os bailes máis desaforados, pero pode facer chorar a quen o escoite cantar o gospel máis triste do repertorio. Unha tormenta eléctrica está a piques de acontecer no cruce de camiños do blues negro e o bluegrass branco. Elvis idolatra a Dean Martin e copia aos Prisonaires, uns virtuosos que chegaran esposados ao estudo de gravación. Na súa camioneta de Crown Electric pasea durante semanas por diante da Sun Records. O mítico produtor, Sam Philips, observa os movementos da promesa local e acontece o milagre. Acompañado dun operario de lavandaría e do mecánico dunha tenda de electrodomésticos recrea unha improvisación de That’s all right, case antes de marchar. A emisora de radio WHBQ e o produtor fixeron o resto.

Elvis comparece cada noite —as sete noites da semana— en todo tipo de escenarios e palcos do Circuíto do Sur. A expresión artística afínase na súa intuición e gaña en profundidade. Flúe un diálogo continuo entre o público e o artista e, cando non é así, Elvis fai o primeiro que se lle ocorre; abandona o escenario, interrompe a canción, ponse a bailar, axeónllase... Abandónase e extravíase para encontrar ese algo.

Multitudes enfebrecidas, mulleres e homes asexantes, seducidos, anciáns desconcertados, caen rendidos á evidencia: naceu o Rei do Rock. Desfila polos circuítos tradicionais do country —o Gran Ole Opry de Nashville e o Louisiana Hayride— coas figuras locais e aos poucos meses xa o reclaman para que sexa el quen peche cada concerto. Confesa pola radio que só aspira a poder darlle aos seus pais as comodidades que non tiveron até entón. Os primeiros discos son éxitos absolutos. Merca un Cadillac que arde na estrada ao día seguinte. Toca o ceo do rock and roll con só 19 anos.
Do Coronel Parker, o home que gobernou implacabelmente a traxectoria de Elvis dende o 55 até a súa morte, cómpre dicir que tiña un extraordinario olfacto para os cartos ao igual que ignoraba o bo cine e estaba ilegal no país —por iso impediu a saída de Elvis a Europa—. Apareceu con camisa hawaiana e pucha de béisbol no enterro do Rei do Rock.

No ano 56 Elvis sae por vez primeira na televisión e chegan o escándalo e a fama. A sensualidade no baile, a espontaneidade nos movementos, a calidade das cancións e a conversión dos antigos ritmos en algo completamente novo fan de Elvis unha icona cultural da talla de Marilyn, Bogart ou Einstein. Aparece unha e outra vez na compaña de seus pais, apertado á súa nai. Para eles merca Graceland, a mansión que soñara nos tempos da pobreza e dos tornados. Os testemuños das persoas que o acompañaron dende o comezo corroboran que nada aconteceu por casualidade. Dan conta dun rapaz experto no material con que traballaba, resistente á frustración, estudoso, perfeccionista e artisticamente libre, que fluía con naturalidade polas cancións, acomodándoas á súa emoción e ao seu sentido da innovación. Nunca foi escravo da ansia da invención; limitouse a facer o que mellor sabía e teimou até acadar a excelencia. E iso incluía cousas que outros só podían soñar.

Elvis reaparece cun disco de gospel para despois botar sete anos percorrendo sen éxito estudos de Hollywood e recibindo guións, tempo no que coñece tamén a paternidade


Da man do Coronel grava tres éxitos cinematográficos, pero unha estraña chamada do exército interrompe a súa carreira fulgurante e morre súa nai. En Alemaña afondará no coñecemento do gospel e da música tradicional italiana. Alí coñece a Priscilla Presley, con quen anos máis tarde casará. Á volta do servizo militar, Elvis encóntrase coa irrupción de Dylan —a quen escoitaba con interese—, os Stones ou os Beatles. Pero Elvis reaparece cun disco de gospel para despois botar sete anos percorrendo sen éxito estudos de Hollywood e recibindo guións, tempo no que coñece tamén a paternidade.
A partir do 70, Elvis comparece en multitudinarios concertos no Hilton de Las Vegas: luce impecábel de físico e de voz, ataviado con esa indumentaria branca, vermella ou azul que será icónica, un superheroe do rock and roll. A histeria entre o público maiormente feminino e a asistencia das grandes estrelas ás súas actuacións é unha constante. Faino acompañado de decenas de músicos e coristas en escena.

O delirio consúmase no ano 73 cando fai o primeiro concerto da historia vía satélite para 1.500 millóns de persoas de todo o mundo. Podre de éxito, nese ano divórciase de Priscilla e atravesa o abismo do recoñecemento, a vertixe das xiras e o delirio. No naufraxio houbo tempo para o derroche, as débedas millonarias de xogo do Coronel, os agasallos de coches e xoias ao seu séquito de confianza, o exceso de peso e a escenificación de chaves de kung fu no medio dos concertos; tamén visitou a Nixon á Casa Branca, de onde saíu cunha placa de axente do FBI para perseguir o vicio en Woodstock. Morre no 1977 aos 42 anos no baño de Graceland, xa hipotecada, por unha mestura de pílulas para o sono e algunhas outras cousas. Dylan ten confesado que sufriu unha depresión logo da súa morte. Antes diso, Elvis conquistara o mundo sendo o fillo de ninguén, amando a música e as persoas que o rodeaban, coma saído dunha hecatombe da Biblia. Elvis plástico, elástico, extático. Transcendental e profundo, namorado da música tradicional coa que crecera, o blues, o country, o gospel. Nunca hai un bo final para o rock; tampouco para a vida, imperfecta e inmensa, pero tan curta. O poeta John Donne preguntouse no século XVII "quen quita os ollos do cometa cando estoura?" Vendo as chairas do Mississippi Faulkner lembrou o verso no século XX e preguntouse "que estrela cae sen que ninguén a mire?"

Comentarios