Opinión

A guerra atrapada na cabeza de Louis Ferdinand

Ernest Hemingway tivo que matricularse na guerra para superar o trauma que lle causara a nai. Ela desexara unha nena e vestíao de nena. No combate, Ernest atopou o orgullo, a valentía e a honra; valores de arrogantes e inconscientes. Louis Ferdinand Céline foi soldado en 1914. Era médico. "Teño a guerra encerrada na cabeza", diagnosticaba.
Grande Amore
photo_camera Grande Amore. EP

Este tempo árido Putin teima na grandeza, en ser Pedro O Grande e en reproducir a Grande Rusia. Neste tempo en que a pequena e fráxil Ucraína sobrevive aos mísis que escupe o antigo espía os libros de Céline aclaran ideas. Tendo en conta o seu antisemitismo debe ser lido como cando comes un filete, separando coidadosamente a carne do sebo. As novelas  de Louis Ferdinand Céline (1894-1961) deben collerse cun coitelo na outra man, saboreando  a condena que fai contra a guerra e curtando a un aparte o seu odio aos xudeus, tan repugante como a propia matanza bélica.

En Viaxe á fin da noite avisa de que "cando os poderosos che amosan o que te aman é porque te queren coma carne de canón". Nun panfleto dos anos 30, A escola de cadáveres, escribe que "no rabaño humano os xudeus non son outra cousa que bastardos gangrenosos, destrutores, putrefactores". A oposición de Céline ás armas e ao xudaísmo son indisociables. Nunha entrevista que concede en 1957, seis anos despois de que o goberno francés lle permitise regresar do exilio, vincula:

—Dígamo claramente, señor Céline: vostede foi antisemita.

—Exactamente, na medida en que eu pensaba que os semitas incitaban á guerra —recoñece.

O autor fóra ferido por un obús xermano en 1914 en Bélxica. A onda expansiva lanzouno contra unha árbore. O golpe paralizoulle o brazo dereito —cervantinamente, lepantinamente— e transtornou a súa cabeza para o resto dos seus anos. Describe o ruído permanente no seu cerebro na novela Guerra (Anagrama) "como un tren que atravesa a cabeza". Cos anos aprenderá a "poñer orde nos zunidos: os trombóns dunha banda, os órganos unicamente ao pechar os ollos, o tambor a cada latido do corazón". Vai incorporando novos trucos:

—Antes de poder durmir tiña que organizar os ruídos na cabeza, agarrarme forte coas dúas mans á almofada, armarme de vontade; rexeitar a angustia de non volver durmir nunca máis.

Esas ideas, determinantes para o seu apoio ao rexime colaboracionista de Vichy, puxérono en fuga cara a Alemaña cando as tropas de Normandía entraron no París nazificado. Hemingway conducía un Jeep. Entrou tras os primeiros tanques aliado, os da Nove —a compañía da División Leclerc composta por republicanos españois—. Cando chegaron ao Arco do Triunfo, o escritor norteamericano acelerou:

—Onde vas, Ernest?

—Onde vou ir? Reconquistar a coctelería do Ritz!

Trinta anos máis tarde, Hemingway lembraría a George, camareiro dese local de luxo nun dos catro contos de La mariposa y el tanque. Son as memorias —suavemente perfumadas de mentira heroica, como todas as memorias— do seu tempo como corresponsal no Madrid liberal e moderno de novembro de 1937. Estaba sitiado xa por falanxistas, tradicionalistas, monárquicos, requetés e outras tribos urbanas. No relato La denuncia fala de Pedro Chicote, o dono da coctelería dese Madrid. Era o avispeiro da información e a luxuria. Subliña que Pedro Chicote "estaba contento e sempre alegre, e tiña ‘savoir faire’; agora pouca xente o ten durante moito tempo. De ningún xeito debe ser confudido co exhibicionismo. Chicote tíñao e non era impostado. Era marabillosamente eficaz, como George, o chasseur do bar do Ritz en París, que é a mellor comparación que pode facerse para alguén que coñece estes asuntos".

Penso que xa lles contei que o disco 19 días y 500 noches de Joaquín Sabina me parece unha obra mestra. Antes dese álbum gravou varios intentos e despois gravou varios epílogos fallidos. Nese disco hai unha canción, De purísima y oro, que describe o Madrid de 1938: "Habían pasado ya los nacionales/ habían rapado a la Señá Cibeles". A letra fala de Lupe Sino, camareira de Chicote, amor elevado e fugaz de Manolete, o toureiro predestinado na traxedia.

A tradución de La mariposa y el tanque é frouxa, pero custoume catro euros. Foi publicada nunha colección xuvenil de Bruguera en 1981. Nese mesmo ano Deutsch Amerikanische Freundschaft (DAF) publica Der Mussolini, o disco polo que Nuno Pico (Grande Amore) e máis eu compartimos favoritismo.
Ese ano, nun trance quente e perigoso da Guerra Fría, xurdiu en Londres o movemento dos Novos Románticos. Eran rapaces que se vestían ao xeito dos escritores do século XVIII para saír de noite ao aire vivo dos clubs. O seu lema era Bailemos mentres agardamos a que caia a bomba nuclear. Tal era a certidume nese ano que todos bromeábamos —con tremor de pernas— diante da probabilidade de que Yeltsin premese no botón vermello. Non deixamos de bailar en momento algún. Bailabamos a DAF: "Baila o Mussolini/ baila o Adolf Hitler/ baila o Xesucristo". Teño que contarlle estes recordos a Nuno Pico,  porque el soamente ten 28 anos.

Cando eu bailaba Der Musollini na discoteca Clangor de Santiago —onde estouparía unha bomba redentora que matou unha pobre rapaza— acordaba de Elizabeth Nietszche. A irmá do filosofo vitalista e fondamente humana reescribiu o seu pensamento para dotar dun código moral á monstrosidade nazi. Eu cumprira 20 anos, lera O anticristo na vella edición de Alianza e trataba de bailar para poñer en fuga o pánico a unha carreira que non me interesaba e a un futuro de páramo laboral.

Nuno Pico lanzou dous adiantos do seu segundo disco, II. O primeiro é Do meu corpo van saír outros corpos. Fala da soedade, a angustia e a raiba inspirado por falta de sentido da vida no pensamento de Albert Camus. Analizouno no traballo de fin de grao de Filosofía. No segundo tema, Pelea, canta: "Naide ten piso/ naide ten traballo/ dentro de nada imos ter trinta anos/ O único que quero é pelea".

Agora, mentres bailo as novas cancións de Grande Amore, penso nas obras en punta de prata de Manuel Ayaso, o artista de Ribeira. Empezaron a gravar de tensión e de amargura marcadas desde que lle morreu o fillo, único. Se Ayaso escribise música sería parecida á de DAF e á de Grande Amore: un bombo marcado e un baixo nervioso sobre os que avanzan melodías cargadas de ansiedade. Ayaso morreu con 89 anos o pasado  martes. Botou a vida en Estados Unidos. Contoume unha vez que durante traballaba como artista para o exército de Estados Unidos.

—Nunca tiven que vestirme de soldado. Pintaba carteis para o Terceiro Exército. Cando me chamaron para ir á guerra de Corea, a muller do xeneral convenceu ao seu home para que me deixasen quedar e me dedicase a pintar.

Ayaso emigrara a América en 1934. Foi demasiado para achegar a súa pincelada contra o Terceiro Reich. A irmá de Nietszche intentara crear un reino ario na terra antes que Hitler. O seu amigo e compositor Richard Wagner animouna a buscar un lugar virxe en Suramérica no que se fose posible levar unha vida nova e pura: vegana e libre de contacto con xudeos. Ela e máis o seu home compraran en 1887 unha chaira en Paraguai na que fundaron Nova Xermania, unha vila na que soamente estaban autorizadas a residir as persoas da raza pura. Aínda seguen vivindo nela 6.000 personas nel, pero o sangue xa está mesturado de xeito imposible de revertir ao seu estado orixinal.

Cando a compañía Nove pasaba onda o Arco do Triunfo en tanques que cheiraban a gasoil e liberdade, Céline marchou en dirección contraria, cara á fronteira da Selva Negra con Alemaña. Asaltaron a súa casa de París para levar varios manuscritos. Os ladróns non eran radicais da Resistencia, gardaron os papeis durante 77 anos. Devolvóronllos aos seus herdeiros en 2021; Guerra, entre eles. Céline non era inocente, como non o foi César González Ruano. Instalado no París xestionado pola Gestapo, o preciso columnista madrileño dedicouse a xestionar documentación para que ricos xudeus puidesen salvar a vida en Suramérica a través da suave pasarela española que tendía Franco. Logo de chegar a Irún eran detidos polos franquistas e entregados aos nazis. Grazas ás falsicacións, Ruano desvalixaba os seus pisos e vendía os seus cadros e os mobles. Ese estraperlo coas vidas alleas permitíalle pagarse dúas axudas imprescincibles: unha cociñeira e un axudante para vestirse.

Comentarios