Opinión

A importancia das bibliotecas

TODA COLUMNA TEN algo de confesión e esta non é diferente, así que alá vou: eu teño unha biblioteca. Non, non me refiro a unha colección máis ou menos grande de libros senón a unha biblioteca, co seu espazo particular e dende hai un par de anos organizada segundo o sistema universal Dewey, xa que comezaba a desbordar os límites da miña memoria e abranguía xa practicamente todas as pólas do coñecemento.

Por que un particular pode querer unha biblioteca? Pois polas mesmas razóns que esta é necesaria para unha sociedade. Explícao Richard Ovenden, bibliotecario en xefe da Bodleiana de Oxford, unha das bibliotecas máis senlleiras do mundo, ao final do seu excelente Quemar libros (Editorial Crítica), unha historia da destrución do coñecemento e, en particular, da sabedoría libresca. A biblioteca representa un apoio á educación, proporciona diversidade de coñecemento e ideas, apoia os dereitos fundamentais e a integridade na toma de decisións, proporciona un punto de referencia para xulgar con claridade a verdade e a mentira e axuda a recoñecer a nosa identidade cultural e histórica.

Por isto é cada vez máis frecuente que as forzas violentas que tratan de destruír unha sociedade se centren en bombardear e incendiar arquivos e bibliotecas. Os millennials medramos cunha imaxe concreta do asunto: a dos serbios lanzando morteiros contra a biblioteca de Saraxevo e apostando francotiradores en lugares estratéxicos para disparar aos bombeiros que tentaban extinguir o lume e os empregados que trataban de salvar a memoria dunha cidade multicultural. O que non soubemos é o que despois relata Ovenden: a moi complicada reconstrución, na que os países occidentais non se implicaron coma, por exemplo, no caso da ponte de Mostar. Quizais vendía menos cara a opinión pública.

Qin Shi Huang, fundador da dinastía Han en China, quen queimou todos os libros do reino agás os Anais… e estes porque contiñan informacións técnicas sobre a agricultura, a gandería e a industria.

A pesares de que o intre máis simbólico deste crime contra a cultura tivo lugar na alba do réxime nazi, que botou ás cacharelas entre outros os proféticos libros de Heine, quen dixera que «onde se comeza queimando libros, remátase queimando persoas», o erudito oxoniense demostra que non se trata dunha conduta illada na historia. Elixe Ovenden comezar coa (falsa) destrución da Biblioteca de Alexandría, aínda que mellor tería sido que dedicase o primeiro capítulo ao emperador Qin Shi Huang, fundador da dinastía Han en China, quen queimou todos os libros do reino agás os Anais… e estes porque contiñan informacións técnicas sobre a agricultura, a gandería e a industria.

A continuación atopamos un relato que demostra que case que non hai países e culturas que teñan escapado da tentación de destruír a tradición dos seus inimigos, recollida nas páxinas de papel. Os ingleses arrasaron os libros dos católicos despois da reforma anglicana, as tropas do rei Xurxo fixeron lume coa agora biblioteca máis famosa do mundo, a do Congreso en Washington, e os soldados das distintas forzas coloniais expoliaron os legados de países de cultura milenaria coma Etiopía.

Un último desafío atópase no proceso de dixitalización e o que trae de seu. Grandes corporacións preservan por unha banda o escrito na Antigüidade grazas aos procesos de escaneado masivo… mais tamén controlan esa información con pouca transparencia e poden eliminar a vontade aquilo que recuperaron sen render contas a ninguén. Tamén afronta Ovenden un debate candente: que facer coa información suprimida por parte dos propios protagonistas? Hai décadas que todos os presidentes dos Estados Unidos deixan un arquivo coa súa documentación persoal. Deben incluírse nel os chíos suprimidos por Donald Trump? E se imos máis lonxe… deberían os arquivos conservar catas das nosas redes sociais como testemuño da revolución nas formas de comunicación? Moitas preguntas… e tamén moitas respostas ofrecidas nunha obra moi relevante.

Comentarios