Opinión

Jamas busca un termómetro fiable

Jamas foi pirata. Asoma á terraza de Compostela, na rúa do Home. Inspira con toda forza que lle consinte o alcatrán que lle pinta as paredes dos pulmóns para ulir o recendo do Caribe. Jamas, de Jamaica, foi un capitán de 15 anos.
Jamas. SOKRAM
photo_camera Jamas. SOKRAM

O PECHE domiciliario do ano pasado foi tan pandémico para a nosa literatura coma os Séculos Escuros. O confinamento supuxo unha acumulación de ocio polos baleiros da vida laboral e social. Durante a clausura elaboraron masa nai. Cocer pan no forno da cociña  foi o novo andar de bares, pero tamén cansa. Excusados da docencia e a tapa de callos, os autores tiveron tempo para escribir.

O diario do confinamento converteuse nun xénero. Jamas (Madrid, 1983) vén de publicar Diario dun pirata confinado.  Falou con Teresa Moure para que lle escribise un cariño no limiar.
—Pedínlle o prólogo porque temos trato. Ao dicirlle que era un diario de confinamento contestou: "Oh, non! Outro non". Leuno e deuse de conta de que non era o que pensaba.

Cando me chegou Diario dun pirata confinado (Editora Urutau) collín un pao para abrilo e botarlle un ollo. Logo de empezar a lelo decateime de que o único que non era acertado era o título. Tiña algo de diario, Jamas era bastante pirata pola querencia libertaria; pero  non falaba do confinamento. Todo o confinado que ten a obra é ser unha historia con poucos personaxes. A familia de RH —Iria, a parella; Arela, a filla—, a familia de emocións —Dios Ke Te Crew, o grupo de rap no que se consagrou— e a familia social —Harry, o policía que representa a autoridade; o Doutor Cazalla,que receita escapadas: o repartidor ao que Jamas fire nun ollo—. Todo pode solventarse co alento dos "metódicos nostálxicos do 'imos emborracharnos o venres'", aínda que sexa na casa e se comparta a absenta etéra por Skype—.

—Non tiña pensado facer un diario do confinamento, pero o 14 de marzo do ano pasado fun facer compras. Ao rematar sentei no coche,  quitei o móbil e empecei a escribir: "Amanece asollado, respírase un ambiente a campamento de verán. Un can pasea o seu dono polo Home Santo,un peregrino perdido contempla en silencio a catedral. O protocolo de confinamento comeza de xeito normal".

A súas arelas concretáronse na adolescencia cando o tío Fernando o levaba dous ou tres días mar afora para pescar bonito no seu barco de madeira

Jamas foi un corsario de estradas levado de casa en casa durante os 19 primeiros anos por Pinto, Tenerife, Santiago, A Coruña, Corme, Ordes, A Coruña e Santiago. Os pais eran mestres de itinerancias. A nai daba educación especial. Marcouno Corme. O Roncudo, a praia da Ermida; foron soamente cinco anos, entre os 5 e os 10 anos. Definiuno Ordes, onde formou Dios Ke Te Crew. A súas arelas concretáronse na adolescencia cando o tío Fernando o levaba dous ou tres días mar afora para pescar bonito no seu barco de madeira Altarrío. Unha parte da familia é rioxana. Bautizaron o baixel pirata como Altarría polo nome dunha bodega da que emana un viño curto de botellería; segredo e sabroso. O patrón, Manolo, era de Camariñas; pouca broma.
—Ás veces íamos máis perto da terra, á xarda, ao calamar,...; pero gustábame ir ao bonito porque perdías de vista o porto e vías delfíns xogando co barco. O meu tío enfadábase cos golfiños porque espantan á pesca. Métenlle medo. Unha vez vimos uns cachalotes e gravámolos en VHS.
Jamas di que a única sensación desagrable era volver a porto:
—Na primeira noite na casa deitábaste na cama, pechabas nos ollos e o barco movíase.

O peche serviulle para facer exercicio na terraza. «Un día, depois de xantar desempoei a bicicleta e metinlle once quilómetros e dous terzos». A terraza seguiu tendo uso durante os tres meses longos de confinamento; a bicicleta, nunca máis. Nin un terzo. O Diario dun pirata confinado foi escrito na terraza.

Non pasan dúas semanas e xa está aburrido. "Saio facer a compra, sitúome de último na cola. Como un acto reflexo, poño a capucha. Imaxino que nas mans porto un cirio branco, que máis que unha cola é fila, vexo un señor trazar un círculo cunha póla de oliveira..."
Tres días máis tarde, o 30 de marzo, párano dous axentes da policía na Praza de Galicia, en Compostela.
—¿A donde va usted?
— Bo día,señores axentes. Vou á ferraxería, facer unha copia da chave do portal e mercar un alambique.
Expón aos policías o problema de cargar co alambique ata a rúa do Home Santo. Ao cabo Jamas, o alambique e  a chave acaban dentro do coche patrulla. Os axentes esperan a que probe se a chave funciona e despídense do estrano home que vai destilar alcool no medio dunha peste. O aburrimento é un sentimento á que todos lle temos a mesma simpatía e o mesmo noxo.

Jamas escribe "dende neno", pero faino para esconder os textos, como todos os incertos que se cren perdedores en cada comparación.

O internet serve tamén a Jamas para mercar "unha bandeira do tamaño de Cerceda... a miña única bandeira... a do fondo negro sobre o que emerxen en branco dúas tibias cruzadas baixo unha caveira".
Confía en que un día lle toque o Euromillóns para comprarlle un barco ao pai.
—O problema é que non compro.
—O Euromillóns é exquisito: se non xogas non che premia.
Para o 3 de abril xa está imaxinando a King Kong, "o gorila xigante agarrado á cúspide da Berenguela, suxeitando as Dúas Marías coaman libre".

Jamas escribe "dende neno", pero faino para esconder os textos, como todos os incertos que se cren perdedores en cada comparación. Todo o que oculta é literatura persoal, mesmo poemas; pero non oculta a poesía rimada que escribe para Dios Ke Te Crew, porque iso non debe de ser poesía, cando é a poesía máis difícil, a que esixe sentido do ritmo, da medida do verso e da rima. Segue traballando coa banda, cos amigos de Ordes,no estudo de Ordes.
—Como non podemos actuar estamos compoñendo un EP. Serán máis de catro cancións.

Non son bos tempos para ser corsario. O día 5 de abril sofre unha queixa vecinal e unha visita dos policías que colaboraran no alambique.
—¿Tiene usted permiso de la comunidad de vecinos para colgar esa bandera? ¡Está tapando medio edificio!
O único bucaneiro que visita a rúa do Home, o pirata involuntario, acaba sendo o repartidor.  Volve entregarlle un paquete. Levaba "un elegante parche de coiro no ollo esquerdo".
—Xa ves, aínda non me recuperei do reparto anterior.

A rutina corsaria continúa o seu rumbo. Apenas hai sorpresas. Unha noite Arela ten febre. O 25 de abril o confinado Jamas esperta á súa Revolución dos Caraveis. "Fixen a primeira expedición nocturna en todo o que levamos de  cativerio". A escapada non é para beber na "óptica do Doutor Cazalla", senón para comprar "un termómetro fiable". Jamas ten unha cativa de 17 meses. Aínda ignora que para un pai primeirizo nunca hai un termómetro fiable. E sa desconfianza unicamente se cura co segundo fillo.

Define o momento de desánimo funerario que viven Santiago e o noso país; define o momento que vive Españae o mundo: "A cidade no durme, hiberna".

Comentarios