Opinión

Limpar o borrón

Diego Moldes ballena

ALGO BO de ter unha columna de libros durante moitos anos é que ás veces o crítico pode conceder segundas oportunidades. Hai autores nos que un observa grandes posibilidades, tamén dentro do ensaio, que non rematan de ter éxito cun libro ou un proxecto... pero que poden chegar a telo porque a sabedoría e o talento atópanse aí.

Vén de me ocorrer isto co autor pontevedrés e doutor pola Complutense Diego Moldes. O seu libro anterior, dedicado ás contribucións dos xudeos ao mundo moderno, recibiu boas críticas en xeral mais non neste espazo, onde se anotou que un bo ensaio non pode nunca conter páxinas e páxinas de listas con pouco ou ningún sentido. Algo moi distinto é En el vientre de la ballena, un ensaio de definición da cultura que publica Galaxia Gutenberg.

Para comezar, temos que dicir que nesta ocasión Moldes usa con todo o acerto e a súa potencialidade o molde do ensaio. Non estamos perante un libro de divulgación enciclopédica e aséptica senón que temos na man un libro de actualidade, que ten un carácter confesional e vivencial –sen caer no autobiográfico– e dialoga continuamente co lector, con permanentes suxestións cinematográficas e literarias e, ás veces, moi oportunas digresións. Polo tanto, un ensaio de manual que ademais aparece alimentado pola imaxe da balea, sempre poderosa –de feito, o limiar relacionado con este animal non pode deixar de remitir ao lector cultivado a Melville e as súas citas de Moby Dick–.

Como o autor é consciente da complexidade do tema a tratar e dos múltiples tratamentos que se lle deu presta a súa voz a outras moitas persoas –coa oportuna axuda da tecnoloxía–. Por correo electrónico pide opinión sobre a cultura a tres ducias de persoeiros, pertencentes a distintas disciplinas e separados na súa idade por varias décadas. Sorprende, dado este último detalle, que as definicións ofrecidas sexan máis ou menos uniformes, o que fai pensar en que a uniformidade chega polos criterios de selección do propio autor.

En todo momento aparecen unha erudición escintilante e unha recoñecíbel vontade de estilo

Unha vez usado o criterio de autoridade con notábel éxito pasa Moldes a ofrecer as súas propias notas para unha delimitación do concepto. A impresión é que segue o modelo dun excepcional libro escrito por un autor alemán, Dietrich Schwanitz, sobre o tema: non se trata tanto de facer fondas explicacións da cultura senón de pequenas catas nas que se tratan temas concretos ou conceptos coma o de canon no coñecido uso que lle deu Harold Bloom. En todo momento aparecen unha erudición escintilante e unha recoñecíbel vontade de estilo.

E malia o que vimos de dicir, o trazo sobranceiro do volume é a capacidade de facer pensar ao lector. É case que imposíbel que un remate a lectura e non teña a súa propia definición de cultura e, en especial, do desenvolvemento da idea no século XXI. A miña non se afasta moito da do propio Moldes e a do noso mestre común, Darío Villanueva –unha das figuras citadas no libro–. A cultura é aquilo que permite ás persoas relacionarse co alleo, con todo aquilo que o rodea. Canta máis cultura, máis posibilidade de establecer relacións e máis fondas serán estas. Esta definición é tan útil para os habitantes das Illas Trobiand como para os europeos do século XXI... pero nós temos que nos enfrontar a unhas sociedades moito máis complexas, o que debería dar máis importancia nelas á cultura e o coñecemento –aínda que moito tememos que isto nin está a suceder nin ocorrerá no futuro próximo–.

Comentarios