Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

O desafío da noite

Luz que nunca se apaga é a mostra que acolle o Centro Cultural Marcos Valcarcel de Ourense coa pintura de Juan Rivas. Un reto como é o de pintar a noite, alí onde non hai luz e onde o pintor ten que multiplicar as súas posibilidades para facernos ver na escuridade.
Candosa
photo_camera Candosa

POUCOS desafíos atopo máis límite para un pintor que o de achegarse a pintar a noite. A pintura é luz, de aí que mergullarse onde se atopa desterrada ten moito de loucura, pero tamén é un marabilloso xeito de atoparnos coas posibilidades dun pintor cando se sae victorioso do reto é, vendo os cadros que compoñen a mostra Luz que nunca se apaga —aberta ata o 23 de febreiro—, rápidamente dámonos conta de atoparnos ante un creador inmenso.

De Juan Rivas (Pontevedra, 1974) coñecemos ben as súas posibilidades como paisaxista, sen dúbida un dos máis capacitados na actualidade, non só en Galicia senón no resto do Estado; xa non só no reflexo da realidade, senón na súa mirada acubillada alí onde a nosa paisaxe máis sofre, alí onde a pegada do home racha unha idílica visión da natureza. Nos últimos anos Juan Rivas amosou a esa Galicia esnaquizada por un feísmo urbanístico demoledor coa paisaxe, pero tamén coa nosa identidade. Os seus cadros tiñan sempre esa fenda que nun ou noutro recuncho da nosa xeografía reflectía a dor dunha natureza incrédula ante o que ten que aturar. Nesa indagación da realidade Juan Rivas afrontou outro desafío dunha enorme lucidez, como foi o de pintar sobre elementos que forman parte da natureza: valados, postes... soportes que recollían na súa superficie o motivo que tiñan fronte a eles. A paisaxe dentro da paisaxe.

Pero esa procura de recoñecer a nosa identidade dende o territorio tiña unha eiva: a noite. A luminosidade que adoitaba amosar nos seus cadros convertíase nun fulgor, un clamor visual da nosa paisaxe onde ver era o máis importante, tamén o máis necesario.
Agora a necesidade é outra e Juan Rivas buscou alí onde a luz non aparece, polo menos de xeito natural, nin máis nin menos que reflexionando sobre outro tipo de contaminación visual, neste caso a luminosa que nós mesmos somos quen de xerar. 
Luz que nunca se apaga constrúese como proxecto arredor da escuridade, na contorna dunha noite lóbrega cuxa iluminación descubre un novo xeito de contemplar a natureza. Cadros silenciosos nos que a noite impón o seu ritmo. Estradas baleiras, sen coches, sen persoas, sen fauna, un recuncho que se conxela na súa fermosa intimidade.

Focos ao pé das estradas, focos nunha corredoira na cerna da natureza, ventás que emiten un resplandor que amosa a existencia de vida no seu interior

Miradas que se recuperan grazas a unha luz, a da finitude do día, cando a pelexa do ocaso coa escuridade sabe xa do seu inevitable resultado, pero durante uns instantes todo amosa unha sensibilidade diferente. Outras miradas son as que xorden co final dese combate, cando o ser humano alumea na escuridade. Focos ao pé das estradas, focos nunha corredoira na cerna da natureza, ventás que emiten un resplandor que amosa a existencia de vida no seu interior.

 De novo a pelexa entre luz e escuridade recupera a súa enerxía, e é esa enerxía da que fai discurso Juan Rivas coa súa pintura de extrema realidade, tan real é que a sentimos como unha mirada dos nosos ollos. Unha realidade que emerxe da sensación do que se reflicte, non da mimese polo miúdo desa presenza nocturna. A sensación do real ten moita máis forza que a propia realidade e iso é o que lle aporta a intensidade e calidade á obra de Juan Rivas, converter a realidade en parte dun feito vivido tanto polo pintor como en diferentes ocasións ao longo da súa vida polo espectador.

Escribía ao comezo deste texto que a pintura é luz, pero tamén é atmosfera, e se algo é quen de acadar Juan Rivas con esta serie de traballos, aínda en maior fondura que nas súas paisaxes anteriores, é unha atmosfera que como unha ventá se abre á noite. Aí onde non adoitamos mirar é onde Juan Rivas descubre o que se agocha baixo esa capa negra, a carón desa luz humana que nunca se apaga e que racha unha realidade natural para modificala, para amosala dun xeito diferente ao desa noite que adoitamos eludir para desenvolver a nosa vida pero que Juan Rivas, dende o feitizo da pintura, converte en motivo de inspiración, pero tamén nun complexo desafío para o pintor.

Comentarios