Opinión

O traxe da raíña

O mellor traxe que podo poñer é o único que teño. Merqueino no bazar de oportunidades do Corte Inglés, no polígono industrial do Porriño. Cando vivíamos en Tui, hai xa uns anos. É un sitio estraño aquel, coma todos os polígonos industriais galegos
Lois Pérez.
photo_camera Lois Pérez.

UN AIRE DE antiga Iugoslavia, un toque de Blade Runner e algo de feísmo autóctono. Aínda non fixera nada no plano artístico, pero intuía que ía precisar aquel puto traxe do Porriño chegado o momento. E souben que era meu nada máis sentir o seu pano no corpo. Supoño que, ao primeiro, entrei no tema artístico por darlle saída ao traxe do armario. Se tivese que pagar o que valía orixinalmente non podería permitirmo. Mais a roupa que chega alí presenta defectos que ningún mortal do común pode distinguir. Por iso custa menos. Ademais hai que saber elixilo, quero dicir: teño ido a vodas co noivo vestido de branco. E cando me vin de azul naquel tres pezas pensei... Que ben lle quedaría a isto un teatro.

Así que hai algo máis dunha semana volvía estar fronte ao espello, poñendo o traxe azul. Recibira unha chamada dunha produtora uns días antes. Unha proposta para dar un pequeno recital de poesía que sería gravado no auditorio Gustavo Freire de Lugo polas Letras Galegas. A chamada collérame por Sanfiz nunha mañá da Fase 1, observando o balón de meu fillo entre as silveiras. Guindárao alí sen querer xusto antes de coller. Respondera que si namentres tentaba rescatar o balón, un Tango do Mundial 78 de Arxentina. "Papi, porque miras así o balón". E pensei en Kempes na final, deitando holandeses no céspede cheo de confeti do Monumental de River, en galopada triunfal. Á mesma hora en que na Esma, o centro de detención, tortura e exterminio da ditadura tiña lugar o horror. "Porque hai que dominar o pase, fillo. Quen domina o pase, domina o xogo". Preguntou de novo: "E quen non o domina? Quen non o domina, mira prá silveira". Pensei en López Rekarte.

Escribimos poesía porque nela encontramos o que non sempre encontramos na vida. Eu moitas veces tampouco o encontro na poesía. Tampouco son músico. E moito menos guitarrista. Pero poucas veces me separo da miña guitarra. Por algún motivo que non sei agarrámonos a certas cousas e iso é o que acaba por definirnos. Elixín catro composicións, tres delas novas para Lugo Philadelphia, un novo libro de poemas e fotografía que fixen coa Alba durante a viaxe do pasado verán a Philadelphia e New York. Vimos os Stones. É a poesía daqueles días. O meu paxaro, Muiñeira do BronX e 4699. E berrar Lady Glosia alumándolle á eléctrica.

 Oito minutos de versos que comecei a escribir ese verán, unha madrugada no Harlem, na Taberna dos Mortos, tequila mediante

Puxen a máscara facial, gardei as guitarras nos estoxos, metín un par de cuartillas, o afinador, as púas, o amplificador e os cables. Prometinme non esquecer nada. Aparquei na parte traseira do auditorio. Un garda de seguridade con guantes e máscara recibiume na porta. Situoume sobre unha alfombra enchoupada en desinfectante, deume un bote de líquido co meu nome e unha botella de auga rotulada. Recibiume o produtor, Blanco, falando por uns auriculares cos técnicos da gravación. Falamos do contacto co público, fundamental para alimentar o que sucede alí arriba. Relatoume a complexidade da situación para o negocio. Fomos ao escenario, había unha cámara colgando da nada, dúas ao fondo, unha no lateral e outra sobre uns raís ao pé do palco. Catro ou cinco técnicos ían dun sitio para o outro. Saquei as guitarras e a caixiña de música. Conectei e probamos o son. Quitei as cuartillas cos versos novos, por se precisaba mirar. Entón reparei en que esquecera o atril na casa. Se botamos a vida recollendo as partes que nos faltan ata telas todas e marchar, eu aínda tardarei tempo en morrer.

Iniciamos a gravación, dediqueilla á platea deserta do Auditorio, o soño de calquera artista: ser máis no palco ca no público. E cheguei a 4699, a peza diabólica: 8 minutos de versos que comecei a escribir ese verán, unha madrugada no Harlem, na Taberna dos Mortos, tequila mediante. E por baixo, a instrumental elixida, nunha afinación bastante estraña na que investín bastantes noites. Debía ser quen de tocala e botar toda a merda boa fóra ao mesmo tempo. Os versos son como unha caixa negra do onírico, costoume aprendelos deslizando a man polo mastro. Pero a canción fala da raíña Xenebra, muller do rei Artur, e o seu amor tráxico con Lancelot, que con tanta fortuna escribiu Chrétien de Troyes. Recitar é ir nunha barca á deriva. Na Piringalla tardamos en saber a utilidade dun Auditorio. Aclaroumo o Saavedra: "Es como ir a clase del Graña, pero estando en silencio y haciéndole caso al notas que habla”.  

Espertei da sesta no Día das Letras Galegas entre traxes, ningún era meu. Eran vestidos da Alba, miña muller. Estaban ao clareo. Teño que facerme cun traxe verde. 

Despois sentina chegar, a raíña de galácticas auroras.

Comentarios