Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Pioneiras da ilustración

O Museo de Pontevedra reabre as súas portas poñendo en valor a mostra Debuxantas. Pioneiras da ilustración, na que se reivindica o labor dunha serie de mulleres que participaron do mundo da ilustración en España, en medios como a revista Blanco y Negro e o ABC.
Rozas

EN 1931 celebrouse no Lyceum Club Femenino de Madrid o I Salón de Dibujantas que agrupaba a un conxunto de mulleres que adicaban as súas destrezas e esforzos a un mundo creativo no que a súa presenza non era nin moi habitual nin por suposto recoñecida tal e como se merecía. O seu traballo estaba vencellado a medios de referencia nese campo, como podían ser a revista Blanco y Negro ou o xornal ABC, e precisamente son os fondos do madrileño Museo ABC os que se exhiben no Museo de Pontevedra nunha posta en valor tan necesaria como a que se levou a cabo naquel Madrid onde as mulleres procuraban atopar un camiño de lexitimidade ao seu labor na sociedade, e que no hábitat republicano atoparon esa situación de recoñecemento que eclosionou coas coñecidas como as sinsombrero que, baixo ese espírito xurdido ao acubillo da xeración do 27, foron un grupo de mulleres que dende diferentes campos esixiron un protagonismo ben merecido.

Serve, precisamente, esta exposición, con preto de 130 obras de corenta creadoras, datadas entre 1891 e 1990, pero cunha especial relevancia neses anos anteriores á Guerra Civil, para recoñecer, non só o talento de todas elas, senón diferentes compoñentes da nosa sociedade, que era o xérmolo que nutría os contidos desas publicacións, así como as referencias visuais propostas polas autoras.

Dividida en catro seccións, as comisarias, Marta González Orbegozo e Josefina Alix, plantexan ese itinerario temporal que vai dende as que Abriron o camiño ata os Aires novos, que amosa as últimas tendencias na ilustración do pasado século, e pasando por dous espazos máis: As modernas e A posguerra.

Atopamos pegadas do Rexionalismo, do Modernismo, das Vangardas, que poden ir do cubismo ata o surrealismo, así como o influxo do cinema ou da moda,

Estes diferentes espazos xeran un espazo ben organizado e claro para poder seguir esa liña temporal e deternos no traballo destas creadoras nas diferentes seccións e nas que tamén imos comprobando a evolución estilística de cada unha delas, adaptando cada discurso ao momento creativo no que se desenvolve, comprobando como se van incorporando á ilustración xeitos visuais de análise da realidade a través de diferentes momentos artísticos, polo que atopamos pegadas do Rexionalismo, do Modernismo, das Vangardas, que poden ir do cubismo ata o surrealismo, así como o influxo do cinema ou da moda, nas décadas posteriores a II Guerra Mundial, e todas elas aplicadas nunhas publicacións dunha gran calidade, que viviron un momento de efervescencia nas primeiras décadas do século XX e no que as cualidades da súa impresión e tipografía converteron a estas publicacións en auténticas xoias, xa non só sociolóxicas senón tamén artísticas.

Así é como nos enfrontamos aos traballos de pioneiras como Madame Gironella ou Maroussia Valero; ou de mulleres tan modernas como Maruja Mallo, Ángeles Torner Cervera, Pizzi Bartolozzi, Viera Sparza ou Delhy Tejero; ou o de outras que se impuxeron ao desacougo da posguerra, como Coti Feduchi, Menchu Gal, María Antonia Dans ou Xelia; e os aires novos que chegaron do influxo dos medios audiovisuais e as novas tecnoloxías da man de Ana Muñoz Reyes, Isabel Uceda ou Mar Ferrero. Estas son só algúns dos nomes que aquí nos atopamos, algúns deles coñecidos, sobre todo polo seu labor en ámbitos como a pintura, pero a gran maioría son nomes ocultos, esquecidos polo público en xeral e o que é máis grave, polos textos da Historia da Arte que nunca lle fixeron demasiado caso ao traballo en feminino, a un traballo con calidades indudables que podían situar o seu traballo ombreiro con ombreiro co de homes que si pasaron á historia da ilustración.

Aquela exposición do ano 1931 é o elo con esta mostra, pero tamén tería que servir de alarma para reflexionar sobre en que grado mudou esa relevancia da muller na ilustración na nosa sociedade. Percorrer este espazo ao longo destas próximas semanas é darlle o valor que merecen todas esas mulleres, pero, sobre todo, é rachar un silencio que en cada un dos seus traballos é un berro de dignidade que nos descubrirá a talla de moitas das nosas creadoras que, debedoras do seu tempo, fixeron destes medios unha canle de expresión artística e persoal, constituíndose en toda unha descuberta.

Comentarios