O Reino Eterno de Galicia

Nos últimos anos volven as narrativas ao redor do Reino de Galicia e a súa relevancia no pasado. Non se trata só de saudosas olladas ao pasado. Aínda que non o calibremos, esta historia fálanos tamén sobre o presente

"Louvado seña Deus, que me permitiu facerme home neste grande reino que chamamos Galicia”
Álvaro Cunqueiro. Lauda sepulcral en Mondoñedo.

70. O outro día escribín un fío de Twitter explicando unha curiosa historia ao redor da denominación do país. En Galicia, cando nós a título particular descoñecemos un episodio do pasado, polo motivo que for, tendemos a explicalo publicamente con que esa historia foi silenciada ou ocultada. Nos últimos anos iso sucede con moita frecuencia co tema do Reino de Galicia. En realidade, a golpe dun simple clic hai moitísima información accesible en moitas fontes dixitais distintas; fóra fican sobre todo as fontes para especialistas, en gran medida publicada nos 80 ou nos 90. Moita xente cre que ao reino de Galicia alguén o soterrou baixo sete chaves para que non se soubera da súa existencia, pero a realidade adoita ser máis sinxela. Nos últimos anos, existe un auténtico revival ao redor desa realidade histórica. Publicacións, elementos divulgativos ou mesmo liñas de financiamento públicas. O interese do público é innegable. Eu, como escritor de moitas pequenas pezas de divulgación sobre os avatares dese Reino, seino polas miñas propias estatísticas, pero hai fontes terceiras que nos permiten comprobalo, como o feito de que un documental sobre o reino suevo sexa un dos contidos máis vistos en liña da Televisión de Galicia. 

O meu fío de Twitter tentaba demostrar que o fenómeno era máis complexo que esa simplificada retórica da ocultación. A través da hemeroteca podiamos ver como na Transición, a finais dos 70 e principios dos 80, determinados grupos políticos e poderes locais do país invocaron en numerosas ocasións o Reino de Galicia como precedente para o novo poder autonómico que se ía constituír. Á fin e ao cabo, a Ofrenda do Antigo Reino que se celebraba en Lugo era practicamente a única institución ou cerimonial non vinculado ao franquismo ou ás deputacións provinciais, de carácter galego, que se conservaba, case como un relicto. Diferentes grupos chegaron mesmo a poñer sobre a mesa que o nome oficial do país fose Reino de Galicia. Pero pasou o día e pasou a romaría. Unha vez constituída a Xunta (que lembremos que vén da Xunta Suprema do Reino de Galicia), o novo gran axente de poder institucional, pero tamén os diferentes círculos e elites intelectuais do país orientáronse cara outros tempos e olladas. O Reino de Galicia desapareceu do discurso público  por unha combinación de factores. Si, Anselmo López Carreira e José Miguel Andrade demostraron na recente publicación O reino de Galicia: crónica dunha desmemoria (Xerais, 2020), como a existencia desta instancia de poder foi ocultada a conciencia pola historiografía. Pero a súa desaparición da esfera pública -e a súa reaparición- é máis complexa.

O Reino volve aparecer no primeiro Rexurdimento, a partir da burguesía e do liberalismo, con Benito Vicetto escribindo sobre a monarquía sueva practicamente desde o aire

“O Estatuto é a restauración visible do Antigo Reino de Galicia, Fisterra de Europa, tumba de Santiago, berce de Rosalía, fiel aos Reis, avanzada en todos os Océanos”. 
Alianza Popular, ano 1981.

71. A presenza do Reino de Galicia introdúcenos nun curioso universo de debate intelectual que fala sobre as tensións, contradicións ou mesmo relatos conflitivos na construción da identidade histórica de Galicia. O Reino de Galicia sempre funcionou como un estraño mecanismo asociado ás estratexias de reivindicación do país ou dos seus grupos de poder. Foi no século XVII, cando a aristocracia galega quería reclamarase diante do monarca, cando se comezaron a financiar historias que tiñan por obxectivo construír o pasado do Reino. O Reino volve aparecer no primeiro Rexurdimento, a partir da burguesía e do liberalismo, con Benito Vicetto escribindo sobre a monarquía sueva practicamente desde o aire, e coa Galicia medieval escrita por autores como Murguía. E na Transición o Reino de Galicia foi reclamado sobre todo polos conservadores e a dereita. Para eles, o Reino de Galicia representaba un vínculo cunha institución sobre a que na Idade Moderna a baixa fidalguía tivera gran control sobre o país e, ao tempo, enlazaba á perfección coa monarquía borbónica reinstaurada na Transición. Ao tempo, neses finais dos 70 e principios dos 80 a participación das esquerdas nacionalistas en todo o proceso autonómico foron escépticas e renuentes, agás o clarividente Camilo Nogueira e algúns máis. Por republicanismo, por escepticismo autonómico e por viren esas propostas de ‘restauración’ simbólica do reino de quen viñan, polo que fora, esa proposta non foi adiante. 

Sería desatinado pensar que quen hoxe se interesa polo reino faino no mesmo sentido que este tiña para María Victoria Fernández España, Álvaro Cunqueiro, Manuel Fraga ou mesmo José Quiroga, primeiro presidente da Xunta. Como calquera feito histórico, a súa lectura depende das xentes, dos tempos e dos fins. A procedencia, filiación familiar,  social ou política dos que hoxe escriben sobre o reino é notablemente distinta a aquela. Ás veces diametralmente oposta. Nos anos 70 non o darían crido, de feito.

O pasado do país segue aparecendo como esvaecido na brétema: cando esta se disipa, sorpréndese, dubida, ou se fascina

E iso é o fascinante. Quen hoxe se interesa polo Reino de Galicia faino desde coordenadas diferentes aos discursos conservadores dos 70. Presta atención a un rango de tempo máis dilatado, desde os orixes suevas do reino, párase máis no exercicio do poder e da soberanía, no papel das elites galegas, nos monarcas e na idea de hexemonía, nos seus símbolos ou, de xeito notable, na visibilidade internacional do reino. E hai eséxetas do Reino con maiores licenzas imaxinativas , coma sempre, pero tamén outros cinguidos ás narrativas producidas pola historiografía recente, perfil no que eu me quero considerar. A estas alturas do partido sabemos que o presente sempre condiciona como miramos o noso pasado e en que aspectos nos fixamos.

Ao botar un ollo ás temáticas abordadas en relación ao Reino nos últimos anos, decatámonos, como nun espello, no moito no que Galicia ten cambiado, e que pouco ten que ver con aqueles anos 70 no que as elites reitoras querían encaixar, ao seu xeito, no novo modelo autonómico. É unha Galicia moito máis complexa, con aspiracións diferentes, socialmente máis diversa, politicamente tamén máis plural e cunha idea de poder máis disperso e atomizado: convive ben con esta nebulosa idea de reino medieval. Pola miña experiencia cos lectores, esas pequenas historias dun reino occidental interaccionan cunha capa da nosa identidade que vai máis alá de opcións específicas concretas, que funciona á esquerda e á dereita, e nun espectro político amplo. Máis alá do que se podería agardar. Iso si, algo é similar aos 70: para estes consumidores de historias, o pasado do seu país segue aparecendo como esvaecido na brétema: cando esta se disipa, sorpréndese, dubida, ou se fascina. Creo que o Reino xoga un papel case artúrico nese eterno retorno. 

Por certo, un último dato. No momento no que pecho este texto, boto unha ollada á enquisa que puxen ao final do meu fío de Twitter. Preguntaba cal sería o nome oficial que lle gustaría  que tivera este territorio.  Con case 1.300 votos, os lectores preferían, nun 68%, o Reino de Galicia fronte ao simple nome de Galicia. 

Nunca deixaremos de aprender sobre nós mesmos.

Máis en Táboa Redonda
Comentarios