Opinión

Serigrafías poéticas para unha viaxe

Sol Mariño presenta con As alas da serpe a súa primeira publicación poética editada por Aira. Unha afouta estrea na que reflicte a fonda experiencia dunha viaxe que converte unha xeografía e unha escolma de experiencias sensoriais e vitais na tinta da súa poesía.
Sol Mariño
photo_camera Sol Mariño

Uunha frase da escritora Ursula K. Le Guin que nos recibe nas páxinas previas ao libro e que di: "O retorno é a verdadeira viaxe", convértese nunha luminosa pista sobre o que nos imos atopar ao longo deste poemario co que Sol Mariño se presenta ante nós dende o territorio da poesía. Unha faciana artística que convive nunha muller tamén vencellada a outras disciplinas creativas, como a fotografía ou o teatro nas que leva xa varios anos participando de diferentes proxectos e experiencias, como coas fotografías do libro de Lino Braxe, Baixo o sol de Mesina, autor co que tamén colaborou de xeito recente dende as táboas teatrais coma intérprete dentro da obra O paseo das esfinxes de Luisa Villalta.

Unha multidisciplinaridade que tamén agroma neste libro fermosamente editado pola alaricana editora Aira no que tamén se inclúen fotografías da propia autora e que na biografía que nel atopamos podemos ler que na súa contorna vital, na Costa da Morte, adícase á serigrafía textil, a fotografía e á pintura mural. Tamén nesas liñas nos atoparmos o xermolo deste poemario, unha viaxe feita en 2009, que ao final foron moitas máis por Suramérica, nomeadamente entre a Arxentina e o Brasil, nun itinerario no que os diferentes poemas que forman As alas da serpe medraron a partir dun conxunto de experiencias que son as que inzan nestas páxinas cheas de emocións unhas palabras empregadas cunha tremenda forza capaz de suxerir toda unha chea de imaxes pertencentes a aquela contorna autóctona, pero que Sol Mariño é quen de transformar nese territorio sensorial, de percepcións dunha realidade nun proceso de mestura coa propia personalidade da artista e que fai realidade esa frase de "tudo faz parte de mim", que pouco a pouco convértese nunha revelación dese tempo vivido e que no regreso, no retorno ao fogar, e como xa advertimos na frase de Ursula K. Le Guin, signifícase como un novo proceso, desta vez de asimilación das experiencias e como cada unha delas forma parte dunha canle de evolución que na medida en que a súa protagonista se dea conta del e o entenda como parte dun tempo de maduración converterao nun impagable aproveitamento.

Ese aproveitamento, como podemos comprobar, xa non é só vital, senón que en mans e na mente dunha creadora é quen de abrollar neste monllo de poemas no que o tránsito, o contacto con persoas e ambientes daquela xeografía tan concreta, o corpo ou a natureza, compoñen un ámbito de experimentación creativa no que Sol Mariño reubica todo ese contexto do exótico na propia identidade e que ao longo do libro amósase dividida en varias etapas relacionadas co feito de desprazamento, o coñecemento doutras vidas naquel ámbito, o contacto coa natureza, a asimilación das experiencias o corpo e o feito de volver. Espazos que non deixan de ser de resistencia fronte a diferentes realidades que acontecen noutra parte do mundo, alleas a nós e que Sol Mariño descobre para si, pero visibiliza para os demais como un xeito de aferrarse á vida, de convertela nun horizonte que amplíe a nosa condición humana alentando, ao mesmo tempo, unha reflexión sobre outras vidas e outras realidades nas que non adoitamos deternos dentro dunha vertixe vital que pouco ou nada ten que ver coa vivida pola poeta naquel ámbito.

Nesa contorna se un elemento o define todo en gran maneira é a natureza. Unha dimensión que non é tan só de acollida, senón dunha absoluta implicación no que acontece en cada xornada, ou como vai ser a vida dos protagonistas que se relacionan con ela nun proceso de complicidade, sempre hai unha árbore na que confiar, máis tamén de esgotamento fronte as feridas que nós mesmos somos quen de enxertar nese ámbito natural do que tanto dependemos e co que non somos o necesariamente consecuentes que deberiamos ser.

Un libro de experiencia e de lembranza, mais tamén unha ollada convertida nunha serigrafía dunha viaxe de peles sobre as que se escribiu todo ese feixe sensorial que dende a Costa da Morte tensa un horizonte vital que se perde no infindo, pero ao que sempre poder regresar dende un poema.

Comentarios