Blog | O Cabaret Voltaire

O tren, Cristo dos tempos modernos

Luís García Mañá ten unha memoria do resplandor que deslumbrou o noso país nos anos 50. Despois dunha vida intelectual dedicada á fronteira portuguesa, atende á raia asturiana na novela Non é de Taramundi para falar do tren da Pontenova a Ribadeo.
Luís García Mañá. EP
photo_camera Luís García Mañá. EP

A TRAMA está protagonizada por Harry Evans, un enxeñeiro inglés de camiños, canais e portos que chegara a Bilbao nos anos 20. Envíao unha empresa británica que quere construír liñas de ferrocarril na Península Ibérica. Fai un intento de comprar o tren que leva mineral e pasaxeiros entre A Pontenova e Ribadeo, pero o seu colega Julio de Lazúrtegui oponse.

Harry Evans coñece unha rapaza nunha estadía en Madrid. Ela traballa Dirección Xeral de Minas. Deféndese no idioma del. Acaban entendéndose. Ata o extremo de casar en 1921 en Taramundi, a vila de Maruxa, un lugar asturiano situado no envés da raia con Galicia. Nace Rosalía. Aos catro anos Maruxa morre, polo que a filla, é enviada para ser criada no Reino Unido, onda os avós paternos.

O enxeñeiro vai vivindo entre o seu país e España, ata que en 1941 decide traer á filla de volta para afastala das bombas que deixa caer a Luftwaffe. Evans instálase de novo en España en 1955. Vai vivir a Taramundi, na casa da muller. Ese mesmo ano é asasinado. O crime vai soltando as ataduras da novela. Empuxa a Rosalía á casa familiar. O autor comenta:
—Rosalía é  unha personaxe actual no século XX, con miras; serve como enganche doutras mulleres non tan modernas, que viven amarradas ao pasado. Ela vive un amor prohibido, vive pola súa conta, conduce coches e viaxa soa.

No trasfondo de Non é de Taramundi (Galaxia) está o desenvolmento de Galicia por mediación do tren. Léramosllo a Curros cando sauda a chegada da locomotora a Ourense en 1881: "Por onde ela pasa/ fecunda os terreos,/ espértanse os homes, frolecen os eidos". Concluía con aquilo de "a máquena é o Cristo/ dos tempos modernos".

O autor concreta ese beneficio na banda leste da provincia de Lugo. A explotación da minaría de Vilaoudriz (A Pontenova) empezara en 1899. No ano seguinte empréndese o tendido dunha vía que leve o ferro dende as canteiras ata un embarcadoiro en Ribadeo. Durante toda a infancia, en Ribadeo, asistín ao colexio por unha pasarela de terra duns catro metros de ancho que camiñaba elevada sobre as fincas.  Sentira contar que se guiara un tren sobre ese túmulo longuísimo.

A familia paterna de García Mañá era de Taramundi. Vivía nun mundo de ferreiros, como toda esa contorna. O ferro moldeábase para elaborar navallas, coitelos, caldeiros ou trens. Tamén se fabricaban birimbaos para ambientar musicalmente o lecer.
—Debía este libro ao meu pai –conta García Mañá–. Hai pouca narrativa sobre esa zona da Pontenova, Vilaoudriz, Taramundi, A Veiga ou Ribadeo.

A Veiga é Vegadeo en toda a contorna, pero o escritor logo cambia o topónimo habitual polo legal. Cre na norma. "A policía cumpre a lei, non a crea". Luís García Mañá (Ourense, 1950) entrou de axente en 1975 e saíu como o comisario con máis responsabilidade en Galicia 46 anos máis tarde. Pregúntolle pola lexislatura como senador do PSOE.
—A política foi un experimento que durou catro anos. Estiven no momento máis intenso. Vivín o 155. Apoeino e defendín a actuación da Policía porque o meu papel era ese, defender a legalidade sen perxuizo do que decidan os xuíces. Estiven en moitas comisións de seguridade. Vin a referencia na lei, non entraba nas causas. Non había máis posibilidade que executar a lei como viña.

Por veces non comprende a norma, pero vai pola vía que lle indica. 
—Javier de Burgos creou en 1833 esa liña entre Lugo e Asturias sen ter en conta que Galicia viña da Gallaecia que non remataba nese sitio; que a paisaxe, o sentir e a fala son as mesmas dun lado e doutro. Falamos en galego. A diferenza é unha creacón política. Coñezo esa zona desde neno. Ía no verán onda os meus tíos e primos. Tardaba un día en chegar desde Ourense. O bus levaba ata Lugo. Alí faciamos un traslado. Agardabamos no café Metropol ata pola tarde, cando colliamos La Directa para ir á Pontenova e, dende alí percorrías sete quilómetros á casa do meu avó en Taramundi como podías, en taxi. A miña avoa morrera. Pasábao moi ben. Miraba outro mundo, animais como lucecús, ou cabras e vacas. Eu vivía en Ourense, polo que non os vías. A miña nai era de Calvos de Randín, pero cando ía non o miraba coa mesma intensidade. A luz eléctrica chegou antes en Asturias que en Ourense porque se producía nos ríos como o Turía. Era mala e inestable, pero en Randín non había luz.

As mulleres empezan a ter vida. Empezan a verse mulleres en bicibleta e mesmo, excepcionalmente, algunha conduce un coche

Esa diferenza na electricidade estaba relacionada coa extracción de ferro na zona e co remate do transporte ferroviario entre Vilaoudriz e Ribadeo en 1903. 
—En 1905 expandiuse á pasaxe e mercadorías. Había vagóns de primeira, segunda e terceira; mesmo dentro do mesmo coche. Os 34 quilómetros entre Vilaoudriz e Porto Estreito eran un xeito rápido de levar o mineral e embarcalo. O tren tardaba hora e media. Para os pasaxeiros era un tempo para atoparse, falar e saír ao mundo máis moderno que o dos casaríos e as aldeas.

Xunto a esa cara solleira do tren aparece outra sombriza.
—O tren era básico para o estraperlo. As casetas das vías, onde se gardaba o mineral ou as bicicletas dos viaxeiros mentres ían a Ribadeo, tamén servían para o estraperlo.

O imperio ferroviario mantívose ata os anos 50, cando a sociedade mudou outra volta.
—España estivera pechada por Franco, pero Estados Unidos quería montar unhas bases en España e, a cambio, España entra na FAO e na Onu. As mulleres empezan a ter vida. Empezan a verse mulleres en bicibleta e mesmo, excepcionalmente, algunha conduce un coche. Acaba o racionamento, escoitase máis radio e nace a televisión, aínda que tarda quince anos en facerse popular. Na radio escoitase a Los Panchos, é unha música que gusta a todos. Os medios de comunicación son un elemento de ampliación do mundo rural, sábese o que acontece máis aló das fronteiras. Tamén cambiara o tren. No 1941 nacera Renfe. Asumira as pequenas vías, pero non a de Vilaoudriz a Ribadeo. Julio de Lazúrtegui intentouno, pero morreu no ano 1943 sen logralo.

Nos anos 50 o tren desapareceu en Vilaoudriz e quedou en vía morta en moitos outros lugares de Europa

O escritor mantén a ambición polo avance de Galicia. Agora confesa que xa non está "preocupado do Senado nin da Policía, soamente polos catro netos". Na Cámara Alta tamén atendeu a Galicia. 
—Levei máis de seiscentas iniciativas como senador por Ourense. Había diferenza cos outros senadores. Viña da policía co hábito de estar activo. A miña forma de sentir non era a mesma que a doutros senadores.

Nos anos 50 o tren desapareceu en Vilaoudriz e quedou en vía morta en moitos outros lugares de Europa
—Fanse novas estradas. A estrada entre A Pontenova, Taramundi e Vegadeo supón unha diferenza. Os coches eran máis libres; pero o tren pasa por catro estacións e dous apeadeiros, todos sabían onde subir e baixar.  

García Mañá acepta que se vive unha volta do tren.
—Fun a Madrid desde Ourense para ver un espectáculo. Tardei dúas horas e media. Podes ir, facer o que teñas que facer, e vir no mesmo día.

Cando falo con el dubido sobre se Lazúrtegui ten unha rúa en Ribadeo. Sóame que é unha que baixa á vella estación do tren. Confirmo que hai rúa e mesmo un hotel que se chama Casona de Lazúrtegui nela. A vocación do enxeñeiro vasco de que Ribadeo tivese un tren que o unise con Lugo e León quedou no desexo que nace cada noite de  verán nas terrazas das cafeterías e que se apaga coma os lucecús na caída do outono.

Comentarios