Blog |

Un mandala catalán

Queixámonos de que os mobiles e as redes sociais consumen toda a nosa atención emocional mentres lles dedicamos toda a nosa atención intelectual.
Gabriel Ferrater

"PACIENCIA É a fortaleza do feble e a impaciencia a febleza do forte"
Inmanuel Kant
65. Comentaba estes días que non aprecio un especial cambio de comportamento nos meus estudantes universitarios desde que comecei dar clase hai case vinte anos. Podemos debater sobre o nivel de coñecementos ou os hábitos de consumo cultural, si, pero non creo que eles saiban menos de historia ou de literatura que cando os da miña promoción chegamos a Compostela no ano 94. A principal diferenza cultural é máis ben etnográfica: eles xa nunca viron un carro de vacas cantando, e non é asunto menor á hora de buscar mentalidades distintas. Se me pedírades que me esforzara en atopar diferenzas, apostaría por unha que non consigo comprender: o seu interese por saber que vai suceder na vindeira clase. Esa curiosidade si que é cousa dos últimos anos e non parece indicar que sexan máis metódicos: non parece que precisen esa información para facer algo en concreto. Só precisan sabela. Diría que é máis ben unha ansiedade polo futuro inmediato ou, simplemente, algo peor: unha impaciencia. Para min non ten explicación doada. Téntase explicar todos os cambios culturais hiperbolizando o rol dos móbiles e das redes sociais. Queixámonos de que consumen toda a nosa atención emocional mentres lles dedicamos toda a nosa atención intelectual. E se cadra redes e móbiles sexan tan só o fenómeno superficial de algo que opera de xeito máis profundo en todos nós, alí onde o cultural se volve psicolóxico. Velaí é onde se atopan os grandes cambios sociais que estes rapaces nos están a desvelar.

"O filme de Stora ten que lidiar cun par de obstáculos de envergadura: a súa trama está estruturada como un enorme macguffin e os seus protagonistas pertencen á elite dos negocios, e resultan máis hostís que próximos". 
Sergi Sánchez en La Razón
66. A impaciencia é moitas veces o resultado dun desencontro. Nunha xuntanza, o impaciente concede un tempo determinado á conversa para obter o resultado que precisa, e frústrase cando calcula que vai pasado; o impacientado non calibra ben o tempo do que o outro dispón ou quere dispoñer, ou non lle dá a gaña de se adaptar ao ritmo do impaciente. Non creo que a impaciencia sexa un defecto de serie das persoas, como a avaricia, senón que é o resultado de como se calibra ás persoas das que se pretende obter algo. Teño visto impacientes que rematarían por impacientar ao Santo Xob nos asuntos importantes da vida, como a gastronomía ou o amor, e logo non saben agardar cinco minutos nunca cola por un xeado. Pero a impaciencia é tamén un prolegómeno, moitas veces, da traxedia. Obsérvase no filme El caso Villa Caprice (Bernard Stora, 2020), un thriller xudicial que se sucede a bo ritmo e que ten a virtude de que os personaxes nin caen ben nin o pretenden –cando escoiten a escritores falar de que o seu propósito é incomodar, desconfíen: case sempre é unha trola–. Stora conduce a película cun ritmo case clásico, apoiado en interpretacións notables como a do meu admirado Niels Arestrup. O seu personaxe, avogado implacable, brillante, excéntrico, aborda o seu particular descenso aos infernos. Pero no filme, de súpeto, sucede a impaciencia. E todo se precipita: os espectadores caemos por unha escaleira abaixo, expulsados da ficción a rolos. Por detrás desta montaxe percíbese a impaciencia no grupo humano que manufactura esta película: os que queren pechar o proxecto dunha vez, se cadra certos problemas de solvencia, os prazos, timings, alugueiros de material, presións de distribución. Nas xuntanzas, todo o tempo traballado esvaece no momento no que o impaciente demostra o seu talante e quere rematar. Nos filmes acontece o mesmo.

 E gústame a sensación de ler ás escuras, de perderme claves e de pasearme por un mundo no que, nin fun convidado, nin teño nada que opinar porque faría o ridículo

"Gabriel Ferrater é unha desas persoas –eu téñome por outra– que, cos mesmos defectos pero con menos cualidades, tería funcionado moito mellor"
Jaime Gil de Biedma

Gabriel Ferrater
Gabriel Ferrater

66. A cita anterior procede dun libro máis que interesante: Vencer el miedo. Vida de Gabriel Ferrater, de Jordi Amat (Tusquets, 2022). Interésanme moito as biografías de cataláns suicidas que elabora Amat e que lle permiten explorar ao trasluz interesantes aspectos da súa sociedade no século XX. Amat ten unha aproximación á biografía pouco académica, pero de elevado ton ensaístico, e móvese con soltura na Cataluña dos 50 e 60,é dicir, nun mundo do que non teño nin idea. Coñezo medianamente algúns da estensa nómina mencionada (Josep Pla, Gil de Biedma), sóanme outros citados con frecuencia, pero en liñas xerais móvome a cegas por esta Cataluña descoñecida, amparado só polo marco de referencia común do franquismo. E gústame a sensación de ler ás escuras, de perderme claves e de pasearme por un mundo no que, nin fun convidado, nin teño nada que opinar porque faría o ridículo. É como o goce de ler papers ou teses de fisioloxía vexetal ou de neurociencia, que funcionan como labirintos mentais nos que para avanzar necesitas interpretar o que está implícito: eses coñecementos que os lectores habituais xa comparten entre eles e dos que ti careces. Falaremos máis desta biografía, pero quería sacala aquí como un deses mandalas íntimos que contribúen a educar a paciencia. Case toda a miña vida está orientada á produtividade inmediata: no que leo, no que escribo, no que observo e vivo. Ler a sobria prosa de Amat, con quen comparto un xeito de ollar o século XX, contribúe a saber que moitas veces non é necesario saber onde se está nin o que vai suceder mañá.

Comentarios