O BNG recorrerá as multas polas protestas na inauguración da ampliación de Rande

Di que a actuación policial  "atenta contra a liberdade de expresión" e é unha mostra "dun Estado represivo"

Puente de Rande. RAFA FARIÑA
photo_camera Puente de Rande. RAFA FARIÑA

O deputado do BNG Luís Bará anunciou que os nacionalistas recorrerán pola vía contencioso-administrativa as multas que o Ministerio de Interior impuxo a nove militantes que participaron na protesta levada ao cabo o pasado 30 de decembro durante a inauguración das obras de ampliación da ponte de Rande por parte do presidente do Goberno, Mariano Rajoy. 

Son sancións de 100 euros por considerar que se trata dun "peón circulando por unha autoestrada ou autovía" ou porque o denunciado se detivo nunha zona "non habilitada" e dirixiuse "a pé interrompendo a circulación para despregar unha pancarta". 

Nunha rolda de prensa celebrada na sede do BNG en Pontevedra, Bará compareceu acompañado de seis dos nove militantes que recibiron estas sancións pola súa protesta que pretendía facer fronte a unha "inxustiza", en referencia á subida das peaxes este ano. 

Segundo Luís Bará, aquel acto só tiña como obxectivo dar aparencia de que as obras finalizaran para xustificar así xa "a aplicación da subida da peaxe" en 2018. Foi un "acto de provocación, burla e ofensa", reprobou. 

O parlamentario do Bloque sinalou que a retención e posterior sanción por parte da Garda Civil aos militantes supón unha actitude que "atenta contra a liberdade de expresión" e é unha mostra "dun Estado represivo, que se ampara na utilización da 'lei mordaza' e a reforma do Código Penal para someter á sociedade". 

Bará apuntou á existencia dunha estratexia "máis ampla" do Goberno "de persecución de todo tipo de protesta e de discrepancia" para crear "un ambiente de medo e autocensura". 

Fronte a este feito, afirmou que o BNG non se amedrentará e seguirá denunciando as medidas executadas por Audasa, ao asegurar que a empresa concesionaria non sufriu ningún expediente sancionador polas reiteradas retencións nas peaxes e na ponte de Rande como consecuencia de accidentes. 

Ademais, denunciou "privilexios fiscais de orixe franquista" e outras "prebendas" que recibe a compañía, como a bonificación do 95% do IBI ou a rebaixa nos últimos anos do Imposto de Sociedades. 

Xunto á interposición dos correspondentes recursos pola vía administrativa, o Bloque ten previsto trasladar o asunto ao Parlamento galego. 

Comentarios