Dúas persoas hospitalizadas tras o incendio dunha vivenda en Vigo

Oficinas do 112 en Santiago
photo_camera Oficinas do 112 en Santiago.

Dúas persoas foron trasladadas esta madrugada en Vigo ao hospital como consecuencia do incendio na súa vivenda.

Segundo informou este xoves o 112 Galicia, o incendio produciuse sobre a medianoite, momento en que un veciño alertaba de que as escaleiras dun edificio situado na Avenida Emilio Martínez Garrido estaban cheas de fume.

Os xestores do 112 alertaron aos Bombeiros da cidade, que xa estaban sobre aviso, así como ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e á Policía Local.

Unha vez no lugar, e tras apagar as chamas, os Bombeiros sinalaron que ardera o salón da vivenda.

As dúas persoas afectadas foron trasladadas polos servizos de urxencia ao Hospital Álvaro Cunqueiro.