CIRCULA estes días polas redes as imaxes do curioso baile dun choco no fondo da enseada de San Simón. Todo un festival de cores baixo a a auga que sorprende pola súa luminosidade e a variedade de tons que estes animais despregan no seu hábitat natural. O vídeo, elaborado polo cámara Pedro Alonso, reflicte a beleza das profundidades das Rías Baixas cunha paleta de cores que vai do vermello intenso ó azul turquesa, pasando por amarelos e verdes brillantes. Quen practica mergullo sabe que, segundo as zonas, un pode atopar nas profundidades do noso mar, cabaliños de mar, nécoras e centolas, sepias e polbos, ademais da estrelamar e as corais, e unha ampla variedade de peixes que conviven entre anémones, vales mariños e furnas. Un universo de riqueza descoñecida.
Pero, ollo, corremos o risco de acabar con ela. Que acontecería se o mar fose unha alfombra que se puidera levantar para ver o que gardamos debaixo? Probablemente levariámonos as mans á cabeza. Non é preciso que veña un buque enferruxado a descargar toneladas de chapapote na bocana da ría para acabar coa vida que contén. Pouco a pouco imos nós mesmos contaminando os fondos. O plástico é o principal inimigo da biodiversidade mariña en todos os océanos, pero tamén a contaminación das cidades.
Nos últimos días, os bateeiros da ría de Pontevedra amosaron nas redes sociais outro vídeo. Este outro máis escuro que amosa unha enorme tubaxe, a do emisario da estación depuradora de Os Praceres, verquendo augas residuais polas súas chemineas. Faino moi preto das Illas Atlánticas, á beiriña de Tambo.
O resultado? Unha das zonas produtoras de mexillón máis importantes non pode comerciar o seu produto fresco desde hai cinco anos, só se se destina a fábrica ou conserva. Ó tempo, Europa nos saca tarxeta vermella e advirte que, ou se corrixen os problemas que están a deteriorar a calidade das augas, ou caerá sobre nós unha vergonzante sanción.
Durante a campaña electoral todos os partidos políticos, sen excepción, puxeron entre as súas prioridades o saneamento da ría. A recuperación dun ecosistema que forma parte dun paraíso único. A eliminación das augas industriais, a separación de pluviais e fecais... Nas súas mans está axilizar prazos e poñer en marcha as medidas precisas para mellorar o tratamento das augas residuais que morren na ría. E nas nosas está esixirlle ós gobernantes que non o demoren máis, pero tamén reciclar, separar e reducir o consumo de plásticos.
Os océanos xeran a maior parte do osíxeno que respiramos, absorben parte das emisións de carbono que chegan a atmosfera, ofrécennos alimento ó tempo que regulan o clima e son piares económicos para os territorios que apostan polo turismo, a pesca e os recursos mariños. Son fonte de vida.
A Plataforma polo Saneamento da Ría de Pontevedra concéntrase hoxe -sen siglas políticas- para reclamar que se limpe a ría. Din que todos deberiamos ir canda eles porque a contaminación das augas non só afecta a quen vive directamente do mar. Tamén a hosteleiros, empresarios do turismo, e en xeral a toda a poboación porque entraña un risco real para a saúde. Que afecta a quen se inspira baixo os seus ceos azuis, quen devece polas paisaxes augamariña de areas brancas e airexa que calma tormentas. E tamén ós que gozan dos deportes acuáticos, das súas postas de sol, dos xogos dos arroaces fronte á praia ou do baile alumado dun choco nas profundidades mariñas.
Corremos o risco de deixar que a luz dos nosos océanos se apague, que a súa cor esmoreza. Algunhas organizacións ecoloxistas advirten que xa estamos en tempo de desconto para salvar o noso planeta azul... É agora ou nunca.