Blogue | A lume maino

Montañas de sorrisos

A Fundación Amigos de Galicia segue a cambiar tapóns de plástico por risos

O maleteiro da Taponeta solidaria. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O maleteiro da Taponeta solidaria. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

SOBRE O microondas da cociña durme un recipiente prateado ateigado de tapóns de moitas cores. Cada vez que baleiramos un cartón de leite nas cuncas dos nenos botamos alí a tapiña de plástico. Desde hai tempo, os tapóns dos iogures que se toman sen culler rematan no bolso ou no peto do abrigo, e cando me lembro, ó chegar á casa, botámolos naquel molde de biscoito sen doce. "Toma mamá, para Nahir", dime a miña pequena de tres anos e logo marcha correndo a xogar de novo. Outras veces dou co seu sorriso ó agochar as mans do frío e tocar un tapón perdido no fondo do peto xunto a algún céntimo solitario e un tícket esquecido.

Cando o molde desborda gardamos os tapóns nunha bolsa e levámola á caixa de cartón que hai na entrada do cole. En centos, milleiros de casas de distintas vilas galegas repetiuse o mesmo xesto nos últimos meses. A Fundación Amigos de Galicia puxo en marcha a campaña Un tapón, una sonrisa, a fin de reunir 23 millóns de taponciños para sufragar os gastos do tratamento de Nahir, unha pequeniña de Pontevedra cun sorriso tan grande como un monte de tapóns. E polas estradas galegas empezou a ser habitual atopar o mercedes de Quique Magdalena co maleteiro ateigado de anacos de plástico.

"Valen máis que as moedas?", preguntoume nunha ocasión a miña filla. Pois deben de valer, pensei eu, porque con eles os pais de Nahir podían custear seis meses de rehabilitación que estaba a axudar á pequena, que padecía parálise cerebral, a desenvolverse un pouquiño mellor cada día, a camiñar cun andador e a xogar cos seus compañeiros da clase.

Hoxe serán outros os risos que perseguirá a Taponeta

Hai unha semana Nahir decidiu voar e esta cidade quedou un pouco soa. Lin que hai en marcha un libro cheo de mensaxes agarimosas en lembranza da pequena e do seu sorriso imborrable. Nas redes hai quen pintou estreliñas e deixou palabras preciosas latexando na honra da cativa que vimos botar a andar no Lokomat na súa loita cotiá. Dalgunha maneira o seu sorriso volve ó pensamento de todos cada vez que botamos un tapón de plástico no recipiente prateado.

Como Nahir, Eric, Paula, Valeria, Joaninha, Saúl ou Álex, desde distintas cidades galegas, cada un coa súa doenza e o seu historial ás costas, precisaron nalgún intre da solidariedade dos seus veciños para chegar a onde o sistema pú- blico de saúde non chega e por algún motivo inexplicable non ten pensado facelo. Grazas a toneladas de pensamentos recibiron o número de sesións necesarias de neurorehabilitación, logopedia e terapia ocupacional ou acadaron as medicinas que os laboratorios teñen polas nubes. Así que co impulso das oenegués, a solidariedade das persoas e a base de sumar sorrisos, os nenos foron construíndo varias montañas de tapóns sobre o baleiro que deixan as administracións e que reflicte o sistema que temos para eles.

Coñezo a unha rapaza que desde hai un tempo pinta xirafas de pescozos longos, flores e árbores de pólas estarricadas salpicadas de folliñas verdes nas paredes de improvisados centros de saúde dun lugar moi afastado de aquí, onde non chega a Taponeta. Pola parte alta do seu lenzo debuxa unha bolboreta cara o sol axitando as ás con forza, para que os nenos soñen en voz alta e os pais albisquen cando menos unha esperanza, e a poucos centímetros do chan esboza caminiños de formigas con sorrisos enormes, para que os rapaces crucen as olladas con elas.

Di que pinta as formigas con mochilas ó lombo. E eu penso que van cargadas de tapóns.

Comentarios