Blogue | A lume maino

Silencio, nenos xogando

Niños jugando al fútbol. EFE
photo_camera Niños jugando al fútbol. EFE

HAI UNS anos dous amigos apaixonados do fútbol metéronse a adestradores dun equipo de nenos da comarca. Seica porque se recoñecían na ilusión daqueles charabiscas de perniñas áxiles que bulían campo arriba e abaixo detrás dun balón, seica porque un día eles tiveran un entrenador que lles fixera sentirse coma nunha final da selección. O caso é que alí estaban, puntuais cada día para ensinarlles a chutar, pero tamén a pasar a pelota e a celebrar os goles todos xuntos.

Adestraban un par de veces por semana e xogaban todos os sábados pola mañá. E todos os sábados pola noite, cando nos xuntabamos o grupo, escoitabamos coa boca aberta o relato daquel submundo de algarabía infantil que, sen embargo, xa desde os benxamíns zumegaba violencia polas bancadas. Como acontece hoxe en día coas redes sociais, de cada tres chíos que se escoitaban pola banda, un era un insulto para acordarse do sobrepeso do porteiro, da nai do árbitro, da vida amorosa do adestrador e do que fixera falta. Contaban que sempre había algún asno asomado ó campo, orneando en todos os idiomas, coa vea do pescozo a piques de rebentarlle e puro veleno agromando da gorxa e, á par, algún pobre neno ou nena avergoñado tratando de lanzar o balón ben lonxe, cos gritos do seu proxenitor golpeándolle na orella.

Para varrer a violencia no fútbol hai que amosar tolerancia cero

Dez, quince anos despois, algúns campos locen un decálogo de boas prácticas ás portas, baseado no respecto ó rival e no xogo limpo. Pero non sempre vale de moito. Porén, a pasada fin de semana suspendéronse en Galicia alomenos tres partidos de fútbol base: un na Illa de Arousa, por insultos racistas a un xogador da categoría de alevíns (entre nove e once anos); outro no Grove, porque o adestrador do equipo infantil de Ribadumia deulle unha cabezada ó árbitro; e un terceiro en Ourense, onde unha árbitra detivo un encontro de fútbol 8 logo de recibir todo tipo de improperios e ameazas por parte do pai dun xogador que a intimidou e a chegou a asustar. Tamén hai dous días, en Xixón, e cun campo de fútbol base como escenario, un árbitro negro e unha linier tiveron que escoitar todo tipo de lindezas misóxinas e racistas dun espectador. Se cadra, un par de partidos expulsado e volta empezar. Desde hai trece anos, a árbitra María López Hervés percorre os campos de fútbol galegos. Asegura que "xa vin e oín de todo". Alomenos unha vez sentiuse en perigo. Daquela, os espectadores podían entrar na pista e incluso baixar á zona de vestiarios. Despois dun partido, varios pais, non moi contentos coa súa arbitraxe, seguírona ata o vestiario e petaron na porta a golpes, amedrentándoa.

As actas dos partidos recollen o episodio que se repite a pé de campo de domingo en domingo, con palabras que empuñan odio e espiñas e que debuxan unha sociedade violenta á que non lle doe exhibir a cara máis escura do deporte diante desas pequenas esponxas que son os nenos.

"As sancións deberían ser exemplarizantes. Se non sabes estar non esteas", sentenza María. Eu concordo con ela. Para varrer a violencia dos pequenos campos e despois dos grandes estadios, os propios equipos e a Federación deberían amosar tolerancia cero ás ameazas, ós insultos e a todo tipo de agresións. E máis cando estas se producen diante dos nenos.

En certa ocasión, aqueles adestradores de besbellos contaran a historia dun pai que lle gritaba ó míster, ó liña e a todo o que se movía. Colocábase trala portería e non escatimaba en berros e insultos. Un día empeñouse en que o seu fillo fose o que marcase o gol da vitoria. "Sube joder! Sube!", pedíalle que encarase a portería e tirase dunha vez cun aderezo de orneos propios da corte. Xa coas orellas fervendo, o seu fillo detívose no medio do campo, volveuse a el e, achegando ó índice ós beizos, reprendeuno: "Cala dunha vez papá! Que eu son defensa!".

Comentarios