Blogue | El Ojo Público

A incomodidade militante de Alain Resnais

Cando os distribuidores viron a versión final de O ano pasado en Marienbad (1961) de Alain Resnais, asustáronse. Aquilo era imposible de comercializar de ningunha maneira. Resnais, discípulo do teórico André Bazin, convencido de que a súa película exploraba novas posibilidades na linguaxe cinematográfica, empezou a organizar pases privados onde asistían personalidades culturais da época.
Alain Resnais

POR ALÍ pasaban, entre outros, Jean-Paul Sartre, Jean Cocteau ou Michelangelo Antonioni. Nun deses pases, Resnais (Vannes, 1922; París, 2014) convidou a André Breton, a quen a película ía dedicada nun principio e tiña interese en mostrarlle o que cría era un experimento sobre a memoria, sobre a diferenza entre o tempo subxectivo e o tempo físico, e sobre o surrealismo. Bretón abandonou a sala en metade da proxección dando un portazo.

Alain Resnais (1922-2014) naceu na localidade de Vannes, na Bretaña francesa. Fillo dun farmacéutico, pertencía á clase media de provincias. Trasladouse a París aos 17 anos a estudar no Instituto de Estudos Cinematográficos Avanzados, pero máis interesado na interpretación que na dirección. Asmático desde neno, estaba exonerado de facer a mili e librouse de loitar na Segunda Guerra Mundial. Durante a ocupación alemá, Resnais centrou a súa atención no teatro. Anos máis tarde, arrepentiuse de investir tanto tempo na escritura e tan pouco na Resistencia. 

A finais dos 40 produciu unha serie de curtametraxes sobre pintores (Gauguin, Van Gogh, Picasso), a medio camiño entre o documental e a exploración visual da arte pictórico. A pesar de que chegou a dicir que Nanuk o esquimal lle interesaba bastante menos que Tarzán –incidindo na pouca importancia que lle daba á representación naturalista da realidade fronte ás posibilidades da ficción no cinema– nos seus primeiros traballos utilizou as ferramentas do documental para denunciar o colonialismo e o racismo francés.

En As estatuas tamén morren (1953), a súa primeira colaboración co documentalista Chris Marker, reivindica a autenticidade e a importancia da arte africana desvencellada da mirada europea, que entón diferenciaba entre Arte Negra e Arte Real. Esta crítica supúxolle a censura da súa película durante máis de dez anos. Tamén sufriu o rexeitamento das autoridades por Noite e néboa (1956), o monumental retrato dos campos de exterminio nazi, con imaxes de arquivo que foran requisados ás SS, xustapostas a planos contemporáneos en cor. 

‘Hiroshima, mon amour’ converteuse na primeira película de ficción de Resnais e nun capítulo máis do seu ensaio cinematográfico sobre a memoria

Noite e néboa estreouse no Festival de Cannes a pesar da forte oposición do goberno federal alemán, alegando que as normas do certame impedían o pase de calquera película que ofendese ás nacións participantes, e aquela facíao coa memoria alemá. Mentres François Truffaut defendía que era a mellor película da historia do cinema, Jean Luc Godard manifestou os seus reparos: "Hai unha cousa que me molesta en Hiroshima, mon amour, e que tamén me molestou en Noite e néboa, e é unha certa facilidade para mostrar escenas de horror, pois pronto nos situamos máis alá da estética". Godard enunciaba a famosa tese de que "o travelling era un problema moral", ou dito doutra forma, de que as películas deben valorarse polos seus elementos formais, e non só a partir da súa temática, da súa denuncia, ou das intencións do autor. Importa tanto o que se conta como o xeito de contalo.

Resnais embarcouse nun novo documental sobre os restos da Segunda Guerra Mundial coa mesma produtora coa que fixera Noite e néboa, pero en Xapón e co terror atómico de fondo. "Vou para constatar que este filme é imposible, sinxelamente imposible", díxolle ao seu produtor antes de marchar. Hiroshima, mon amour converteuse na primeira película de ficción de Resnais e nun capítulo máis do seu ensaio cinematográfico sobre a memoria. Con guión de Marguerite Duras, entra pola porta grande na revolución que se está producindo no cinema feito desde París. Os mozos turcos, desde a Nouvelle Vague; e Resnais, Chris Marker e Agnès Varda, desde a veciña Rive Gauche. 

"A pesar de que a súa primeira longametraxe, Hiroshima, mon amour, estreouse na mesma edición do Festival de Cannes que Os 400 golpes, algo máis que o Sena separaba a Alain Resnais de François Truffaut". Así resume Esteve Riambau as conexións e desconexións entre as dúas correntes que, oficialmente, naceron naquel festival de 1959. A data é unha anécdota; un fito para certificar o inicio dunha etapa fundamental na historia do cinema.

A Nouvelle Vague, no seu amplo sentido e incluíndo á marxe esquerda do Sena, aínda que non son o mesmo, levaba xa uns anos cociñándose, e o termo era unha etiqueta coa que o semanario francés L'Express definía ás novas xeracións de franceses e francesas de 18 a 30 anos. "A Nouvelle Vague chega!", titulaba L'Express unha serie de reportaxes nos que se incluían os resultados dunha enquisa realizada a oito millóns de mozos, e onde falaban de como vestir, de formas de vida, de valores e de comportamentos culturais. Mentres a Nouvelle Vague cinematográfica –nada a partir das páxinas de Cahiers du Cinema– defendía a idea de que as películas estaban definidas na personalidade creadora do director e, por tanto, autor, Resnais contradicía esas teses reivindicando a figura do guionista. Marguerite Duras en Hiroshima, mon amour, Alain Robbe-Grillet en O ano pasado en Marienbad, Jean Cayrol en Muriel (1963), e Jorge Semprún en A guerra terminou (1966) e Stavisky (1974) eran novelistas antes que guionistas, polo que a autoría das películas, cando menos, estaba compartida.

A película chamábase 'Smoking/No smoking', e todo cambiaba dependendo de se se prendía ou non un cigarro

Mentres Resnais define O ano pasado en Marienbad como "un documental sobre os mecanismos da fascinación", Robbe Grillet descríbeo como unha "historia sobre unha persuasión". En calquera caso, a película é unha obra inabarcable que suxire ao espectador tantas referencias literarias, psicolóxicas e matemáticas como sexa capaz de asimilar. As imaxes presentes entrelázanse coas lembradas dos personaxes. Recupera a montaxe como elemento narrativo fundamental, e convérteo nunha peza á que van recorrer os seus coetáneos –e veciños do outro lado do Sena– para subliñar que, no fondo, todo é representación. 

A principios dos 90, e mentres buscaba como sacar adiante un musical longamente aprazado –que finalmente fixo en On connaît la chanson (1997)– adaptou a obra de teatro Intimate Exchange do británico Alan Ayckbourn; un texto que consistía en oito obras desdobradas cada unha delas, á súa vez, en dous finais distintos. Se alguén quería ver a obra enteira tería que ir 16 veces ao teatro. A película ideada por Resnais proxectaba unha exhibición totalmente nova na industria do cinema. 
O espectador compraría unha entrada e, aleatoriamente, tocaríalle unha ou outra película, dependendo da sala. A película chamábase Smoking/No smoking, e todo cambiaba dependendo de se se prendía ou non un cigarro. As autoridades francesas non lle permitiron executar o experimento porque podería alterar o efecto contable das dúas películas, así que se estreou, finalmente, cun díptico cuxo concepto se perdía. Para Resnais, o cinema era un instrumento de exploración que ía máis aló do puramente narrativo. Tamén quería buscar novas formas de conectar co público a través da exhibición. Algo que agora mesmo está a facer Marvel co seu multimillonario proxecto transmedia, onde cinema, televisión e cómic fúndense nunha multiplicidade de relatos, personaxes e universos. As teses de Resnais ían por aí, pero cun público adulto.

Cando aínda era crítico de cinema en Cahiers du Cinéma, Jean-Luc Godard escribiu: "se a curtametraxe non existise, Resnais inventaríaa". Desde o formato curto, o documental e a ficción, Resnais deixou unha filmografía complexa, moi crítica cos acontecementos históricos que lle tocou vivir –a descolonización francesa, as guerras con Alxeria e Vietnam– e cunha influencia que chega ata os nosos días. Aos 92 anos dirixiu a súa última película, Amar, beber, cantar (2014). Morreu días antes da súa estrea en Francia.

Comentarios