domingo. 17.10.2021 |
El tiempo
domingo. 17.10.2021
El tiempo

A revolución cultural do nunchaku

En 1966, Mao Zedong, co apoio do Comité Central, impulsou a Revolución Cultural en China. Era un paso adiante do réxime no seu dominio asiático, e un movemento autoritario que buscaba a confrontación directa tanto cos seus inimigos máis próximos como na Guerra Fría contra Estados Unidos. Mao iniciou un culto á personalidade que asociou aos valores dunha China comunista e a eliminación directa de toda clase de disidencia
A revolución cultural do nunchaku

ESE MESMO ano, Hong Kong deseñou a súa estratexia para combater a batalla cultural que se estaba iniciando na zona. Desde o seu curruncho, o territorio ao sur do río Shenzhen era unha colonia británica construída ao redor de valores capitalistas de crecemento e economía de mercado. Como todos os lugares fronteirizos xurdidos da división en dous bloques da Segunda Guerra Mundial, a proximidade ao inimigo potenciaba a identidade a través da exaltación dos contrarios, e as potencias financiaban o choque cultural con todos os medios posibles ao seu alcance. A mediados dos anos 60, Hong Kong dominaba a industria do cinema de masas no sueste asiático, principalmente coa produtora dos Shaw Brothers, e co filón que descubriran co cinema de artes marciais.

Mentres tanto, o actor e adestrador Bruce Lee (1940-1973) trataba de facerse un nome en Hollywood. A mediados desa década Lee empezou a ser popular en Los Angeles grazas a exhibicións de Kung Fu e a torneos que se celebraban na zona. Estudoso das distintas ramas das artes marciais, Lee xa tiña as súas escolas en Seattle, Oakland e Los Angeles, pero a súa intención era dar o salto ao cinema, unha vocación herdada do seu pai. A súa primeira aparición estelar foi como Kato, o compañeiro de aventuras de The Green Hornet, unha serie de televisión de éxito inmediato, con acción, artes marciais e heroes enmascarados. The Green Hornet naceu como serial de radio nos anos 30, nos 40 converteuse en personaxe de cinema, e nos 60 de televisión. Kato foi xaponés, coreano e ata filipino, dependendo dos conflitos internacionais nos que estaba envolto Estados Unidos, ou nas alianzas interesadas con distintos países asiáticos.

O respecto que se gañou Bruce Lee na industria converteulle en adestrador, conselleiro e preparador de estrelas. Pero Hollywood non estaba convencida aínda para concederlle un papel protagonista a un asiático. Aproveitando o tirón comercial das artes marciais, en 1972 estreouse a serie Kung Fu. Bruce Lee presentouse para o papel do monxe shaolín Kwai Chang Caine, pero levoullo David Carradine, un actor branco que nunca practicara artes marciais. Chuck Norris chegou a dicir de Carradine que era tan bo artista marcial coma o actor.
Nesa viaxe de ida e volta entre Hong Kong e Estados Unidos. The Green Hornet estreouse alén do charco como The Kato Show. Lee decatouse do éxito da serie en Asia, e canso do rexeitamento en Hollywood, foise coa Golden Harvest de Raymond Chow, ex xefe de produción da Shaw Brothers que tiña os seus propios plans para conquistar o mercado. Lee rodou en Tailandia Kárate a matar en Bangkok (The Big Boss, 1971) e puxo a primeira pedra na construción dun mito que transcendía os conflitos políticos e culturais entre Hong Kong e China. En 1972, Chow e Lee estrearon Furia oriental (Fist of Fury), onde o Kung Fu é a ferramenta de defensa e a arma arreboladiza contra o enfrontamento secular entre China e Xapón. Cun discurso expresamente antixaponés, e a pesares de que Lee manifestou o seu descontento con el, China celebrou o enfrontamento e converteuno en heroe nacional.

Bruce Lee xa podía dirixir as súas propias películas, controlar a súa imaxe e armar todo un dispositivo que derrubase muros culturais


Entre 1971 e 1973, empezaron a verse os froitos da expansión comercial do cinema surasiático, e Hong Kong produciu ao redor de 300 películas de Kung Fu para o mercado internacional, moitas delas nin sequera estreadas no seu país. Era un movemento pensado para abrir mercados e establecer alianzas no epicentro cultural de Occidente, á vez que calculaban a onda expansiva dun alcance insospeitable. Bruce Lee xa podía dirixir as súas propias películas, controlar a súa imaxe e armar todo un dispositivo que derrubase muros culturais. En 1973 estréase Operación Dragón a primeira gran coprodución entre Hong Kong e Hollywood, e supón a revolución no cinema de acción norteamericano. O cantautor texano Phil Ochs, representante da  contracultura norteamericana dos anos 60 e 70, reaccionou así perante a plasticidade corporal de Bruce Lee despois de vela: "Non son os enxeñosos dispositivos de James Bond que veñen ao rescate, nin o puño de John Wayne que o arrastra no salón sobre mesas desmoronadas e imitación de fino vidro. É a ciencia do corpo levada a súa forma máis alta, e a violencia, por indignante que sexa, sempre é estrañamente purificadora". Operación Dragón estreouse seis días despois da morte de Lee, aos 32 anos nun apartamento de Hong Kong.

Na última película de Quentin Tarantino, Era unha vez en... Hollywood (2019), un actor en decadencia (Leonardo DiCaprio) e un extra de escenas de acción (Brad Pitt) esnaquizan o plan da Familia Manson de asasinar á actriz Sharon Tate. A pesar do seu final violento, a escena máis problemática foi unha na que o personaxe de Pitt fulminaba nunha pelexa a un Bruce Lee arrogante, chulo e prepotente (Mike Moh). En Estados Unidos, a comunidade chinesa sentiuse profundamente insultada pola representación dun dos seus santos aldraxados, e o que é peor, vencidos, por un especialista de pouca monta. O goberno chinés non autorizou a estrea de Era unha vez... en Hollywood ata que o director eliminase esa escena. Tarantino explicou posteriormente por que o fixo. Por unha banda, só quería xogar cunha desas preguntas que se adoitan facer entre personaxes de ficción, como que nunha pelexa entre Superman e Batman, quen gañaría. Polo outro, Era unha vez... en Hollywood é unha película sobre o fin dunha era. Significa o ocaso dunha industria e dunha masculinidade representada nese cinema dos anos 60. Pronto chegaron os 70, cos barbudos de Hollywood esnaquizando todos os estereotipos construídos ata entón, e a irrupción de novas formas de representar o home, en xeral, e o asíatico, en particular. Bruce Lee cambiou o estereotipo racial do asiático en Occidente. Ata entón, a figura elemental era Fu Manchú, o arquivilán racista e ocultista creado polo escritor británico Sax Rohmer nos anos 20 do século pasado. Lee achegou orgullo e identidade renovada a un grupo étnico que sempre estivo infrarrepresentado en papeis protagonistas e no imaxinario popular de varias xeracións.

É un triunfo da sensibilidade asiática na cultura mundial. Concretamente, na forma de expresión cinematográfica máis recoñecible en todo o mundo: a película de acción


As boas intencións de Tarantino con Bruce Lee non deberían estar en dúbida. O díptico Kill Bill (2003-2004) é unha homenaxe a Bruce Lee e unha oportunidade de vinganza fronte a David Carradine. A película está sementada de detalles que remiten ao mito: o mono amarelo de Uma Thurman, a banda sonora de The Green Hornet… Pero Tarantino, ademais, concédelle ese último desquite recorrendo a elementos e golpes recoñecibles en Lee. Carradine morre coa técnica do corazón explosivo de cinco puntos, unha variante aprendida por Beatrix Kiddo da puñada dunha polgada de Bruce Lee. En Bruce Lee e eu: unha aventura de artes marciais, Brian Preston sinala: "Na coreografía de Kill Bill tamén podemos ver o triunfo de Bruce Lee. É un triunfo da sensibilidade asiática na cultura mundial. Concretamente, na forma de expresión cinematográfica máis recoñecible en todo o mundo: a película de acción".

A primeira estatua de Bruce Lee no mundo construíuse na cidade bosníaca de Mostar, como símbolo da solidariedade nunha contorna étnicamente dividida. Bruce Lee morreu novo e no momento no que ía despegar unha carreira meteórica. No conflito China-Hong Kong, que está máis vivo que nunca, os dous bandos quérense apropiar do mito. Os hongkoneses porque foi o seu veciño máis internacional. Os chineses porque foi o mellor embaixador que tivo a súa extensa comunidade en Occidente.

A revolución cultural do nunchaku
comentarios