jueves. 21.01.2021 |
El tiempo
jueves. 21.01.2021
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

O caldo galego máis saboroso da Patagonia

Eu, con Nietzsche, non podo crer "nun Deus que non baila". Asistín á catequese por decreto paterno, coa fe xa malferida. Naquela adolescencia miña en Ribadeo, pesada como séculos de inocencia, miraba con desconfianza todo bispo chegado de Mondoñedo. Sabía, pola crónica local de Paco Lanza, que nos arrebataran a mitra de Paio de Cebeira no ano 1218.
Paco Lanza
Paco Lanza

CABANELA, que era o peirao orixinal de Ribadeo, aínda se conserva o marco da porta pola que Paio de Cebeira entraba e saía da horta. O limiar levanta metro e medio do chan. Ignoro como o noso bispo —"alto coma un arpón para balea vasca, ancho coma un chalano"—, atravesaba esa porta co seu báculo. Contan que, cando se golpeaba, baixaba a Porcillán todos os santos do día no que estivese. Podemos imaxinalo hoxe, petando coa cabeza contra pedra do limiar e berrando:
—Condenados sexan Santo Ananías, Santo Apfías, San Benigno de Milán, San Filemón, San Mauro Mártir, San Pedro Esqueda Ramírez, San Pragmacio e San Roxerio!

O bispo soamente citaba varóns, non porque tivese o lóxico respecto polas santas; senón porque cría que as mulleres eran un erro de Deus segundo doutrina de Ambrosio, mestre de Santo Agostiño. Teño para min que era unha prevención de célibe máis que de asumir que o Altísimo puidese equivocarse nunha tarefa biolóxica.

—A vontade divina é unha luz que nos cega —deixou escrito no Libro Paiensis, do que apenas se conservan uns fragmentos na biblioteca da Casa do Patín.

O seu concepto da alma debía ser paralelo ao de Vicente Risco. Xavier Seoane conta en Diccionario irreal para un país imposible (Xerais) que Risco estaba certo de que "a alma é unha bolboreta que o día menos pensado fuxe de nós e nos deixa arrecidos na friaxe da morte: unha bolboreta que voa no alén ebria de lembranza". Aceptemos que Risco era un miñaxoia cando encaraba unha metáfora. Prefiro a Baldo Ramos e mais Eva Veiga cando escriben que "habitar a ausencia nos devolve ao tempo feito memoria".

Vicente Risco era de mal comer. Todo se lle facía bóla na boca. As persoas que non aprecían unha robaliza abrazada de sal ao forno adoitan confiar máis no espírito que na carne. Escribe en Nós, os inadaptados:

—Os inadaptados son, por definición, os insatisfeitos do mundo sensíbele, os nemigos da realidade cotián, os que procuran fuxir do meio qu’os arrodeia.

Ramón Piñeiro entendera que a vida é un "infinito atesourar de desexo e melancolía"

Mesmo un señor desabrido como Valle Inclán percorría Galicia "con una alegría coordinada y profunda", que o facía sentirse "enlazado con la sombra del árbol, con el vuelo del pájaro".

Pero quen entendeu mellor a alma do país é Ramón Piñeiro. El gardábaa co amor daquel pintor ribadense —non lle sei o nome—que presumía de que gardaba a luz nunha caixa. Cando notaba que alguén dubidaba ou percibía que se burlaba, levábao para a casa. Abría un aparador do salón, acristalado con escudos nobiliarios, e quitaba unha caixa de ébano e marfil. Collíaa entre as mans con coidado. Poñíalla diante da cara ao incrédulo. Erguía a tapa unhas décimas de segundo.
—Non viches a luz? Non podo abrila durante moito tempo porque se me escapa. Foi traballoso metela.

Ramón Piñeiro entendera que a vida é un "infinito atesourar de desexo e melancolía" (Ramos/Veiga). Asumira que Franco, que sometía España coa bota marcial lustrada de barbarie, era un sol negro que tardaría décadas en poñerse. Así que, segundo as campás de Bastavales rompían a claridade do día, sentaba na súa tenda de regalar consellos, principios e estratexias.

Hai motivo para ese orgullo, pero non é mérito menor artellar país dende unha mesa camilla escuálida

Presumimos de que as nosas letras carecen dun home como altar maior, de que están mitradas por Rosalía de Castro. Admirámola como unha venus de Willendorf capaz da afinación precisa para escribir "Cando vos oio tocar,/ campaniñas, campaniñas,/ sin querer torno a chorar"; identicámola cunha venus de Milo incapaz de controlar a ira precisa para advertir: "Premita Dios, castellanos,/ castellanos que aborreso,/que antes os gallegos morran/que ir a pedirvos sustento".

Hai motivo para ese orgullo, pero non é mérito menor artellar país dende unha mesa camilla escuálida. Ramón Piñeiro organizou a infantería de estudantes que se poñía baixo a súa advocación e maxisterio. Foi coándoos polas regandixas do organigrama franquista. Non precisou saír do piso que lle prestara García Sabell ao casar nos anos 50, para trazar os planos da Galicia moderna. Piñeiro levaba o mapa de Fontán —coidadosamente pregado— na cabeza.

Amigos meus da UPG enfádanse cando lles digo isto, porque para eles Ramón Piñeiro foi un sosia de Philippe Petain, quen converteu Francia nun balneario para os invasores do norte. Pero nese tempo existía un grupo chamado Os Irmandiños. Planeaban salvar o proletariado galego co secuestro a Carmela Arias Díaz de Rábago, condesa de Fenosa. Era culpable de terratenencia pola posesión do 40 por cento do Banco Pastor; de Gas Madrid, Alúmina e Astano. Que me desculpen, pero a min secuestrar unha señora que con 88 anos toma de aperitivo xamón Joselito e wishkey das Terras Altas paréceme unha ordinariez. Menos mal que este país, incluídos os seus exaltados, ten unha violencia estéril e adiada. Explicado coa sinxeleza luminosa de Fole, en Galicia "hai máis escopeteiros que escopetas".

A UPG aínda teimou no asunto porque, cando Beiras abandonou o Bloque para formar Irmadiños —nada que ver cos anteriores— acusábano de estar "financiado pola condesa de Fenosa e promocionado por Santiago Rey" consonte o propio Principiño recordou nun mitin da Marea.

O galego é máis de pasmar que de secuestrar señoras condesas.

O galego é máis de pasmar que de secuestrar señoras condesas. Santo Ero escribía partituras cos cantos da aves que se lle presentaban na horta do mosteiro pontevedrés de Armentia. Nunha ocasión en que un cuco quedou enredado nas nubes da mañá tardou tres días con dúas noites en que lle volvese a conciencia.

Os peixes non cantan. Por iso ten máis mérito a habilidade do bispo Paio de Cebeira para distinguir unha pinta dunha maragota a trescentos metros. Identifícabaas dende a ventá da cociña, segundo os mariñeiros as sacaban, relocentes ao sol do mediodía, no Banco da Caravela. Sabíalle o pescado. Por iso —contoumo o pai, un home honrado—, mandara habilitar unha canle que nacía na ría, entraba no pazo episcopal polo leste para atravesalo por baixo da cociña e evacuar polo oeste da santa sede. A cociñeira non tiña máis que erguer unha reixa e meter a pota para quitar un polbo, unha lura, un mero, un bispo ou un sargo nadando en auga cantábrica verdeazulí.

O acompañamento na mesa eran chícharos co verdor de Ove e castañas da propia horta episcopal, que tiñan ese punto suave de sal do vento Terreiro que sopra templado dende o sur.

Como Paio de Cebeira andaba nesas artes culinarias na primavera de 1218 non esperou por el. Cando lle volveu a conciencia, o bispado fora trasladado de Ribadeo a Mondoñedo. A consecuencia é que a mancha de cinza que me confirmaba como católico untouma o bispo mindoniense Miguel Ángel Araújo, a quen Deus todo lle perdoou como alentador das Sagradas Escrituras en galego.

Unamuno definía o galego como "lento, acuoso e obstinado". O sabio vasco descoñecía que, cando se bota a andar, o galego non ten paradura. Xavier Seoane deume a coñecer ao ácrata Antonio Soto, un galego que montou un restaurante na Patagonia. O local estaba lonxe, nunha fin do mundo pobre de paisaxe e asolada polos ventos. O restaurante era esquemático, de tres ou catro mesas; pero Antonio tiña sona entre os gauchos de cociñar o mellor caldo galego da terra austral. Os clientes cabalgaban océanos para xantar en Casa Soto. O cociñeiro era máis inclinado á éxtase no fogón que ao servizo de mesa. Cando se queixaban de que Antonio os ignoraba, el retrucaba:

—Pero vostedes que se cren? Sírvanse na cociña! Este é un restaurante anarquista.

O caldo galego máis saboroso da Patagonia
comentarios