Blogue | O Cabaret Voltaire

Do que arde pola Curva España

Imaxinemos declaracións sobre o noso ser. Xosé Carlos Caneiro podería asegurar que "os galegos somos independentes na alma, sigamos así e seremos eternos". Alfredo Conde apuntaría: "Estou moi agradecido de que calificárades Galicia como Europa". Peculiaridades do noso weltanschauung.
Andrés Dobarro
photo_camera Andrés Dobarro

AS DÚAS FRASES do encabezamento son falsas. Forman parte dun experimento levado a cabo por dous amigos nun pub de Santiago e descorchando gaseosa, que era como recomendaba o exministro do Interior José Luis Corcuera que se fixesen os experimentos, aínda que el nunca chegou a entender a dimensión desas palabras.

O medio era a mensaxe, presumía Mc Luhan e especulaban os meus amigos o outro día. Imaxinaron que sucedería se, en certos ambientes nacionalistas de esquerdas nos que se idolatra a Oliver Laxe se collesen frases do director e se lles presentasen como ditas por outras persoas pubicándose en Twitter. "Indignaríanse!", supoñía o meu amigo.

El, que non me deixa revelar o nome, acusa  "reaccionarismo" en O que arde, atopa unha expiación do criminal que prende o monte, pero sinala un consenso arredor do filme "porque vemos o que queremos ver, pensamos en que Laxe filmou a Galicia máis auténtica e en Madrid senten que se confirmou a imaxe de Galicia atrasada que teñen eles. Por iso gustou tanto".

Eu non avanzo tanto coma o meu amigo. Concordo en que Oliver Laxe e Santiago Fillol conceden escasa información no guión. A sobriedade é buscada para que cada espectador arme o seu O que arde portátil na casa. O perigo das propostas abertas é que o volksgeist,o espírito do pobo, se revela e en Galicia persuadímonos de que todos os nosos males son unha pandemia que vén de fóra e que, mesmo un mal endóxeno, como un incendario que arruina os montes, as casas e as vidas dos outros pode ter unha xustificación. "Fai sofrer porque sofre", afirma a personaxe de Benedicta no filme, como se iso tivese que ser a expiación do pirómano e aliviase en algo o dano que causa.

O domingo pasado acudín a Curva España, a representación de Chévere. O auditorio Gustavo Freire estaba desabrigado coma sempre e saudei unha señora que sdoita pasar o Nadal nun cruceiro, desta volta arredor de Madeira. Pensei no que nos atrapa o territorio os que aceptamos o frío como unha circunstancia que non poida evitar unha axencia de viaxes.

Fascinoume a indagación, a meticulosidade, a exposición sen o máis ínfimo medo; sobroume metraxe na pantalla que usan en 'Curva España'

Curva España pareceume unha denuncia valente das causas do atraso económico de Galicia —Beiras escribiuno hai cincuenta anos—, unha peza sobrada de didactismo, unha obra representada con maxisterio por Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, e  unha vinganza particular contra o Partido Popular compostelán por fantasiar o imaxinario necesario para dar un fundamento ao peche da Sala Nasa, que rexentaba a compañía, como un centro de ideación de actos terroristas.

Fascinoume a indagación, a meticulosidade, a exposición sen o máis ínfimo medo; sobroume metraxe na pantalla que usan na obra. Quería máis teatro en directo, quería ver na sala a Patricia de Lorenzo descubríndome en persoa a complexa personalidade da xornalista María Victoria Fernández España e a Miguel de Lira reconstruíndo diante de min a Joaquín Soler Serrano, un mestre da entrevista cun traballo nos anos 70 deberían buscar na canle en branco e negro de You Tube. A miña entrevista favorita é a de Cunqueiro.
—Y, dígamos, don Álvaro. ¿Está usted preparando algún nuevo libro?
Don Álvaro, que está fumando no estudio, mira para a manga do traxe, respira un segundo, ergue os ollos con solemnidade e solta:
—Sí, claro. Acabo de terminar un libro de memorias. Se llama ‘Ceniza en la manga de un viejo’. Saldrá publicado próximamente.

 Poucas persoas dominaban a arte da mentira como o ilusionista de Mondoñedo. Os meus amigos do pub de Santiago non se atreveron a levar a Twitter a impostura,pero coincido con eles en que Xosé Carlos Caneiro ou Alfredo Conde non provocarían os levitamentos que pode provocar calquera cousa que diga Oliver Laxe. Por outra banda, ese xogo non falta nos páramos galegos desa rede social.

Algúen meteu na páxina de buscas da Real Academia Galega a palabra weltanschauung. O termo está recollido como xeito de concibir o mundo e a vida e xa ascendeu na listaxe de termos máis procurados na rede. A broma lanzouse agora por buscar de xeito masivo a palabra soviet.

O que arde fala do noso weltanschauung e Curva España, do weltanschauung que puidemos ter. A peza teatral de Chévere vén documentar que o trazado que se lle debuxou ao tren polo sur do país non atendeu aos intereses de Galicia, senón os da empresa que tendeu as vías. No canto de guiar o ferrocarril pola parte máis poboada e fertil de Ourense, elevouse aos lugares máis montañosos e arduos. Agora farían duplicidade contable ou inventarían unha teoría singular sobre comunicacións para evitar o escándalo, pero daquela a morte dun obreiro nun accidente laboral era un trámite administrativo e un drama íntimo.

Benedicta fixo a dixestión sacando a personaxe nunha representación continua que lle achega enerxía.

Benedicta Sánchez paseou esta semana por Lugo. Camiña polo longo a paso breve, pero se ve saudada e admirada a cada dous metros. Debe de desconcertar vivir anominamente durante 84 anos e, no derradeiro tramo, pasar a ser famoso. Ela fixo a dixestión sacando a personaxe nunha representación continua que lle achega enerxía. Está desfrutando do mundo e da sona. Non a coñezo, polo que ignoro se se alegraba de estar viva antes do éxito da película, pero agora resulta evidente que se quere e que quere aproveitar os seus quince minutos de fama warholianos.

Cando o maremoto da popularidade te sube no alto da máis elevada das ondas podes intentar agarrarte á onda para non caeres ou podes erguerte e facer surf sobre ela. Benedicta comprendeu a alternativa e acertou coa súa opción. A maiores, aproveita para difundir o seu discurso ecoloxista e vagabundo.
—¿No lle dá medo vivir soa?
—O medo é un sentimento de culpa e falta de curiosidade.

O mércores asistín a unha charla de Aitor Esteban, deputado onde corre San Jerónimo en Madrid. O voceiro parlamentario do PNV veu a Lugo para explicar o weltanschauung da sociedade vasca convidade polo voluntarioso e eficacísimo Ateneo Galeguista de Lugo. O país do que falaba era un país tan distinto do noso que aínda que estabamos falando o mesmo idioma, a koiné do español, falabamos doutras realidades. A miña linguaxe é o meu mundo, concretou Wittgenstein; a lingua era a idéntica e as linguaxes ben outras.

Sentín unha envexa sincera dos problemas e desafíos que ten o País Vasco, de lamentarme de quen houbo de facer o financiamento da alta velocidade. Consoleime pensando que dentro de cincuenta anos igual estamos discutindo sobre se o trazado da alta velocidade que nos debuxou o exministro de Fomento José Blanco é o axeitado. Como denuncia Chévere en Curva España o tren velocísimo que nos prometeron avanzará en paralelo ao engano que nos realizaron durante a ditadura de Primo de Rivera. Eles sospeitan que había outra construtora que socorrer. Eu non podo crelo, menos dun político de Palas de Rei.

No remate da charla, varios asistentes apabullan a Aitor Esteban coa reivindicación do reino suevo de Galicia como primeiro de Europa. O reino suevo é o novo éxito que subimos ata o máis alto do noso hit parade da nos lista Pasado Glorioso versus Miseria Actual, a nosa historia favorita de familia ben vida a menos. 

Ningún deles ten en conta que o político vasco comezou por ser experto en películas de vaqueiros e indios nin en que anunciou que vai dar unha charla en euskera sobre o idioma dos sioux, que tanto estudou. E seguían dando a turra de equiparar países. Galicia e Euskadi están a 400 quilómetros. Os tempos e as preocupacións son ben outros.

Comentarios