jueves. 06.08.2020 |
El tiempo
jueves. 06.08.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Temos un embigo cativo, pero precioso

Cheguei pensar que Leonard Cohen mirara o mapamundi do revés, que confundira Galicia con Andalucía, que The Night of Santiago globalizaba un erro: unha canción sobre Compostela con guitarras españolérrimas e palmas granadas máis propias dun luar sobre Triana que sobre o Preguntoiro.

VIAXEI A Estados Unidos na primavera. Esa que agora florece no meu instagram. Levaba tempo con ansia de coñecer o país e este ano logrei que ninguén me roubase o mes de abril, que abril non fose o mes máis cruel; desmentín a Sabina e a Eliot ceibando dous paxaros dun so tiro.

O destino foi Maine, tan ao norte como ao leste. Aterrei nunha chaira tan septentrional e contaxiada de quebecquismo que quedan vellos que falan en francés entres eles para notificarse decesos, cancros ou divorcios coa fin de manter os netos afastados das amarguras, como cando na casa do meu pai se comunicaban en euskara para irritar a miña curiosidade.

Paco Martín, o sobrevivinte da mellor xeración galega de novelistas, contábame o xoves, diante dun cortado, que o seu As cousas de Ramón Lamote fora traducido ao español e ao inglés polo Departamento de Defensa estadounidense coa intención de que os soldados latinos lesen literatura en xeral e lesen inglés en concreto. Os norteamericanos son tan pragmáticos que se reservan un punto de candidez para que non os delate o cruel utilitarismo.

Eu dei en ser descreído dende que as monxas do meu colexio nos puxeron na clase un póster. Non era dos heroes do Ribadeo —esas luces que nos deslumbran aos 10 anos—, senón o testamento do xeneral galego que convertiu a vinganza,o rosario e a mediocridade en forma de goberno. Pedía: "Mirámede por España". A morte non ten zapatos. Franco morreu desarmado.

'Teño cabalos e cans, pero non para montalos. Soamente para contemplalos', contárame

Por certo, Miguel Olarte revelaba uns días atrás en El Progreso que o pintor Labajjo Grandío continúa sen poder ser enterrado despois de dous meses de ser atopado morto na súa casa de Friol, segundo vai un cara á fin do mundo. Todo o que non lle comeron os cans tras esvaecerse no abandono e a soedade está sendo comido pola burocracia. Internet acelerou a vida e ralentizou o esquecemento.

—Teño cabalos e cans, pero non para montalos. Soamente para contemplalos —contárame.

Non son afeccionado os animais porque me parecen imprevisiblemente salvaxes. Soamente me fío das especies que soltan burbullas nas peceiras dos restaurante e as que me serven asadas cunha reineta na boca. Pero algo lles ven os pintores. Cando estaba sometido a morrer e medido para o cadaleito, Dalí escapaba do leito sen ‘cada’ para debuxar cabalos.

Franco tamén pintaba. A saber como. A saber que. Foi unha mágoa que non fose máis talentoso como artista. Podería ter vivido diso e non dar a coña durante oito lustros como deu.

—Quería contar como os que sofren o poder se adaptan a el. Era tempo de apandar, como escribiu Valenzuela –sinaloume unha vez Eloy Enciso, que anda roldando polo país coa estrea de Longa noite. Esa película faiche pensar na ditadura coma un cadro de Caravaggio: escuro, tráxico e bidimensional.

Leonard Cohen despediuse cun álbum (Grazas polo baile) tamén escuro, pero poliédrico. Canta, xa digo, á noite de Santiago. La Noche de Santiago foi un xornal que Fernández del Riego e Isla Couto usaron para gorecer con páxinas a un Cunqueiro expulsado do Edén joseantoniano ou a un Ferrín que aínda velaba armas independentistas. Cohen non coñeceu ese periódico, pero lin en internet que a súa canción A noite de Santiago era un traballo de amor perdido e atopado en Lorca que o poeta andaluz ambientara na nosa capital.

Patxi morreu hai tres décadas, sen tempo a recuperar os 40 meses de abril que lle roubaran

O meu avó Patxi desenvolveu un instinto desconfiado e covarde tras ser degradado e humillado laboralmente nese franquismo ao que se houbo de adaptar. Patxi morreu hai tres décadas, sen tempo a recuperar os 40 meses de abril que lle roubaran. El aprendeume a comprobar se apago ben o lume insospeitado da vitrocerámica.

España soprou o venres as velas inchadas da súa Constitución —41 anos, aínda que aparenta máis—. Como consecuencia esperable, os escritores galegos aproveitamos o festivo para mirar o noso embigo, que pasa desapercibido por pequeño, pero hai catro gatos os que nos perde amosalo en Twitter do interesante que o atopamos.

Patxi nada me advertiu de desconfiar das redes sociais porque morreu sen coñecelas, así que estiven argallando nunha crítica de César Lórenzo Gil a Infamia, o último libro de Ledicia Costas. O comentario premeu no botón nuclear para estoupar nunha polémica que acabou salferindo de metralla a varios viandantes radicalmente ocasionais e inocentes, como o escritor Pedro Feijoo.

Non vou citar parágrafos da análise de César. Poden googueleala buscando por Indixesta lectura. Evito referila porque quero que o marco deste comentario sexa máis amplo. O escritor Manuel Esteban percibiu nese comentario sobre Infamia como un "desprezo disfrazado de opinión e agresividade que linda co matonismo".

Eu teño por hixiene poñer a feder a aos críticos que puxeron a feder as miñas novelas. Dou asumido que levan razón, pero discutir cun crítico que me remexeu as tripas facilítame a dixestión.

Nunca concebira que un pode revolverse contra un analista que triturou a novela dun terceiro. Estou agradecido a Manuel Esteban por descubrime o xénero da crítica da crítica allea, pero temo que a súa pretensión como criticado colateral era ben outra: "Unhas poucas e miserables voces seguen coa teima de botar por terra o que se está a erguer con moito esforzo e máis empeño na literatura galega. Eles saberán por que o fan", escribe severamente.

Ese tuit provocoume unha leve e molesta acidez estomacal porque volvemos a ese debate que me aburre tanto como a reforma constitucional: Debemos cuestionar unha cultura tan débil como a galega ou apoiar cegamente a quen trata de construíla? Manuel Esteban está convencido: "Síntome MOI orgulloso de contar nas nosas letras con dous xigantes como @LediciaCostas e @pedrofeijoo".  Apunto que Costas e Feijoo eludiron o asunto.

O entusiasmo é o motor da Historia, pero a literatura galega é a maior de idade. Se non vai soportar unha crítica de contido razoado e ton vehemente será mellor que lle peguemos un tiro como facían cos cabalos extenuados os alemáns e irlandes famentos corrían para apoderarse das terras comanches no Oeste.

Custoume ben facer entender aos meus anfitrións, norteños afrancesados, que ao igual que eles non montan bois salvaxes como en Texas, en Galicia non toureamos animais para matalos

Este ano viaxei a Estados Unidos, relataba antes. Custoume ben facer entender aos meus anfitrións, norteños afrancesados, que ao igual que eles non montan bois salvaxes como en Texas, en Galicia non toureamos animais para matalos, nin vestimos de lunares, nin cantamos dando palmadas cada vez que saímos da casa. Se a néboa fose outra, tal vez.

A crítica permítenos comprender e situar a nosa literatura, informarnos dos costumes de Maine ou das tradicións de Galicia e non deixarnos levar pola emoción de ser citados por Leonard Cohen confundindo a noite do día de Santiago coa lúa sobre a Quintana de Mortos.

En canto a xigantes literarios, un pode atribuírlle ese cualificativo a Paco Martín. A súa nova novela, O home que mercou un libro fala exactemente diso, do nacemento da gloria. Está protagonizado por un mozo que compra un libro sen querer e vai descobrindo a súa potencia social, situada entre a admiración e o desprezo.

Todo escritor debe ter presente que facer público o que seu traballo é venderllo á sociedade —mesmo a ese sector arisco da sociedade que se expresa nas redes— e que os autores galegos somos ananos camiñando a ombros de ananos por moitos que os nosos embigos sexan tan deliciosos e tenros que os comeriamos.

Temos un embigo cativo, pero precioso
comentarios