El tiempo
miércoles. 07.12.2022
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Con toda a pompa e co boato preciso

Pompa e Boato vive con Croque, Chaval e Muchacho. Samuel Merino bautizou os catro. Impúxolles un nome, coma cando se apoiaba unha espada bruñida nos ombros dun heroe para chamalo cabaleiro. Marcoulle o principio dunha vida nova.

SAMUEL MERINO manexa dous calendarios, coma acontece cos xudeos e cos musulmáns. Polo seu almanaque máis gastado vai cumprir corenta anos, pero nas redes ten doce. "Vivín ata os oito anos e nos últimos catro". Os outros 28 que pasou esperto sentiuse coma un envase. Croque, Chaval e Muchacho son da súa xeración. Croque é atento, grato, cumplidor; con ese pulsión servicial que ás veces resulta agradable e ás veces parece meritoria. Chaval e Muchacho viven sen molestar e aspirando a non ser molestados. Son autárquicos, emancipados, exentos e caladamente soberbios. A vantaxe dese tipo de persoas é que nunca incomodan, o defecto é que non escoitan. Os acompañantes de Samuel Merino responden á cadansúa natureza.

Croque é un can, e Chaval e Muchacho son gatos. Samuel imita os tres.

Defínese como "artista de variedades". Non usa case Twitter, pero vino pasar nun deses camiños azuis que se entreveran ata o infinito. Empecei a seguilo. Escribe poucos tuits porque limitan o discurso. Ten toneladas de ideas sentidas e emocións sufridas neses 28 anos de medo, ataduras e noxo. Quere amosalas abertas en canle e sangue. Prefire Instagram.

Neses medios firma coma Pompa e Boato.

—Uso Pompa e Boato como nome artístico. As redes sociais amosan a cara bonita. Esa expresión vén das películas e os libros nos que se celebran recepcións en palacio "con pompa e boato". Esa burguesía púrpura é unha analoxía das redes, onde todo é bonito. Estudei Filosofía para tratar de entender o suxeito, a nosa relación cos outros, cos obxectos, por qué e para qué estamos no mundo. En realidade, quixen facer Filosofía pola miña profesora, Inés; non lembro agora o seu apelido. Admirábaa non tanto pola nota que me poñía  —non era moi boa, quitaba mellores notas en Lingua e Literatura— como pola cantidade de cousas que sabía de temas que me interesaban.

Eses temas estaban relacionados coa epistemioloxía, que trata sobre o mundo que nos rodea e sobre o xeito en que a ciencia o explica.Pero primeiro houbo de atreverse a pensar, o  sapere aude dos iustrados. Empezou Psicoloxía. Imaxinou que lle axudaría a entenderse e superar os seus problemas, pero era un placebo da Filosofía. A avoa Lola mandoulle volver a casa para recuperarse da bancarrota de futuribles, que reemprendese a universidade por onde lle parecese máis acompasado coa súa apetencia.

— Deixei esa carreira con pesar, pero a miña avoa díxome: ‘Fai outra carreira que che guste máis’. Atopei na casa o que non atopoaba fóra.  Lembro ese tempo. Estaba anulado en Mos. Non ía a un pub. En Santiago fun ao colexio maior Monte da Condesa. Cheguei un mércores, metínme na habitación e non saín ata o domingo. Pero saír foi natural. Grazas a unha amiga, que me presentou outra. Axudáronme a ver a realidade. Filosofía foi unha salvación. Atopei xente de todo tipo. En Psicoloxía eran todos parecidos. Cando me matriculei en Filosofía non sabía moi ben o que era. Non tiña afán lector. Descubrín a lectura. Fixen o último ano de Filosofía en Granada. Ao rematar fun a Santiago de novo. Traballei en hostelería e  nunha tenda por non violver a Mos, en Mos non tiña nada. Atopei un traballo no departamento de Recursos Humanos dunha empresa de Porriño. Despois fun administrativo.

Reorganizou as súas pezas en Londres. De novo empregado en Recursos Humanos. Resulta irónico

Samuel non era feliz, extraviara ese costume cando tiña oito anos. Antes vivía en Mos con Lola, unha tía e dous tíos. Miraba cada día unha paisaxe luminosamente feminina. A nai deixou de ser solteira. Quixo refundar a familia cunha nova constitución. O neno non marchou lonxe; foi a Porriño, pero marchou.

—Ese cambio supuxo unha brecha. Eu procedía do ámbito rural. Nunca vira un paso de cebra nin un semáforo. O Porriño parecíame unha gran cidade. Estudaba nunha escola unitaria, pasáronme a un colexio grande, do Opus.

Empezaron dez anos de ataques. Por isto, polo outro. O motivo tanto ten, Samuel.

Artista indisciplinar en peches, Merino é poeta de tres libros, actor, dramaturgo, profesor de teatro, recitador e compañeiro de piso de Chaval, Muchacho e Croque. Chegou ao teatro por dous amigos que montaran a compañía Xerpo en Porriño, foi docente na Escola Municipal de Teatro, deu entrado na Escola de Arte Dramática de Vigo e, cando todo rodaba, todo parou. Primeiro ingreso nun hopital. Antes esquecera os mecanismos que activan a satisfacción e agora esquecía o modo de alimentarse.

Ao saír botou seis meses na casa. Reorganizou as súas pezas en Londres. De novo empregado en Recursos Humanos. Resulta irónico. Ao aterrar na Lavacolla "estaba peor". Volveu ingresar, "de novembro a marzo". Convertido en Sísifo, marchou a Madrid estudar Artes Escénicas e pouco tardou en domiciliarse novamente na casa branca dos doutores e enfermeiros. Outra vez regresou camiñar pola vida. Outra vez iniciou un máster de Filosofía. Un paso adiante, un reingreso atrás.

Hai catro anos volveu ser autónomo. Hai dous que se converteu en autónomo empresarialmente. A poesía entrou na conta de resultados, inesperadamente.

—Publiquei o primeiro poemario, Enésima patada con amor, hai tres anos , por ter algo publicado. Encarguei 25 exemplares para a familia e os amigos. Os maquetadores animáronme a publicar cen porque custaba pouco máis. Xa os vendín na primeira presentación. Publiquei outros douscentos, e outros douscentos, e outros douscentos. E se esgotaron. Non sei se o recuperarei para publicalo de novo. O ano pasado apareceu Trementina, en Talón de Aquiles, e escribín Guantanamera, o primeiro en galego. Editáronmo en Urutau. Vai en segunda edición. 

Hai unha novela de Torcuato Luca de Tena, Los renglones torcidos de Dios, que está ambientada en Conxo. El finxiu unha enfermidade para poder pasar quince días no psiquiátrico

Evito a tentación. Esquivo preguntar a Samuel pola reacción de Lola á súa poesía. Paréceme unha cuestión impostada, tendida ante  o lector e falta de relevancia alén de que el admire á avoa.

A admiración é unha das categorías máis depuradas do amor, a única na que asumes que non podes esperar unha ollada que se cruza, un agarimo; nada máis dunha dedicatoria reiteradamente formulada nun libro.

—Unha compañeira de Filosofía recomendoume a Leopoldo María Panero. É un poeta cun universo propio inmenso que me chega. Hai textos de Poemas del manicomio que eu lin estando atado á cama do hospital. Atáranme durante dez días e dez noites para que non me quitase a alimentación intravenosa. Estaba moi medicado, pero había unha postura que poñía coas mans que me permitía ler. Eu vivín o que Panero conta. A xornada pasaba rápido polos horarios marcados. Erguerte, ducha, comedor,... Recordo eses días como se fosen hoxe, cando veu a psiquiatra ordear que me atasen. Non sei se é o mellor método. En Conxo hai mortos vivintes, persoas que levan 20, 30 ou 40 anos. Hai unha novela de Torcuato Luca de Tena, Los renglones torcidos de Dios, que está ambientada en Conxo. El finxiu unha enfermidade para poder pasar quince días no psiquiátrico. Fala dunha muller de setenta anos que non se movía nin falaba; tiñan que levantala da cama cun guindastre. Eu coñecín esa muller.

—Garda rancor á sociedade por sometelo a esa disciplina médica?

—Foi unha oportunidade, un punto de inflexión. A existencia foi un páramo. O anterior non fóra vivir. Non podo explicar o que sente unha persoa cando empeza a vivir. Vivín plenamente ata os oito anos e precariamente ata hai catro. Sinto agradecemento cara ás profesionais. Aínda hoxe teño relación coa psiquiatra. A mesma persoa que ordeou que me atasen vén agora escoitarme aos recitais. Eu estou orgulloso de verme como me vexo e penso que tamén hai algo de orgullo por parte dela.

Con toda a pompa e co boato preciso
comentarios