Blogue |

Carne queimada na memoria

O pasado recente é sempre amargo nas memorias políticas
Otero Pedrayo
photo_camera Otero Pedrayo

"OTERO [Pedrayo], o elo imprescindible entre Murguía e o propio Uzal, nunha sucesión ininterrompida de pais da patria, de varóns sabios e intempestivos que, por exceso de ambición ou falta de competencia, baixaran do mundo das ideas á lameira política e fracasaran (...) Despois de Uzal, nada. A Globalización, a televisión ou talvez a pílula anticonceptiva estragaran para sempre aquela cepa antiga de acios exquisitos da patrística erudita e nacional". 
Alberto Lema.
Pazo de inverno. (Galaxia, 2021).

34. Case daría asinado que non foron os anticonceptivos os responsables, pero non hai dúbida de que o elo, tal e como se entendía ata agora, crebou. O certo é que levaba algúns rodapés buscando pés para escribir sobre a idea da sucesión, e xusto chegou esta novela de Alberto Lema para servirmo en bandexa. Iso si, este pé literario de Lema debe ser, cando menos, do número 45. A novela do exconcelleiro de Turismo da Coruña, de innegables trazos autobiográficos, dá conta dos avatares do goberno da Marea Atlántica na cidade, camuflada no texto –sen especial interese por despistar– como Faro. O volume é ben inusual no noso panorama: unhas memorias que non son memorias, un ensaio escrito coa liberdade formal da ficción, unha narración que é como un paratexto da historia recente da cidade e dos seus protagonistas. De certo que me perdo unha significativa parte do rexoube ao faltárenme as claves locais. En Pazo de inverno a alcaldesa, que non se chama Xulia senón Helena, acode á casa grande mariñá onde vive Uzal, o petrucio do nacionalismo, a pedir beneplácito para xuntarse coa esquerda alternativa estatal ou similar. Uzal –aka Beiras?– é o último da súa caste, así que a petición vén ser case unha tentativa de sanción. Porque ao final, salvando as distancias, está ese debate que tanta tinta –ou tanto viño– fixo correr nos tempos de Piñeiro: unirse ou non a forzas políticas estatais. Como un eterno retorno. Pero na nova alcaldesa xa fica moi pouco daquela liña antiga do galeguismo, a sucesión está crebada.

"Ante a súa decisión envieille unha nova nota, claramente farisaica, xa que a encabezaba coa frase: Todos os que o rodeamos témonos inclinado por solicitar de vde. o sacrificio de presentarse por quinta vez como candidato á Xunta de Galicia. Mentira cochina".
Dositeo Rodríguez.
Mis años con Fraga. El gobierno desde la cocina (Hércules, 2021).

35. Na novela de Lema percíbese por escrito o amargor que tantas veces teño escoitado tralas derrotas da esquerda e do nacionalismo. Ás xeracións anteriores á nosa marcounas o paso dunha ditadura a unha democracia. E nas que son algo máis novas vainas marcando a derrota democrática, que coido eu que provoca un fatalismo e unha impotencia distintas, moito máis difusas e incomprensibles. O libro de Lema é unha tentativa para narrar algo que aínda non foi mastigado de todo. Eu aprecieino na xeración do bipartito. Naquel goberno entraron nas consellerías rapaces de vinte e moitos ou trinta e poucos. Cando volveron da desfeita política, a carne estaba queimada e parte da súa vida esnaquizada. Algúns tardaron moito en recompoñerse, outros desapareceron do país e aínda quedan algunhas almas perdidas polos bares. Como mínimo, falaría de trauma. Cando entras en política, alguén debera facerte ver como vas saír dela, que vas deixar polo camiño, e para que van valer todas esas horas de gabinete. E aí calibras a enerxía. Certa amargura apréciase tamén nas memorias de Dositeo Rodríguez, construídas coma o relato dunha relación subordinada ao presidente da Xunta. As memorias de Dositeo son coma el mesmo: técnicas; aburridas, mais efectivas; e velaí o seu valor. Hai uns anexos do máis substancioso coas notas que lle pasaba a Fraga sobre a actualidade. E nelas intúese o declive da estrela política case desde o primeiro momento, cando o conselleiro promoveu aquel Plan de Comarcalización. Visto desde a experiencia da autonomía de hoxe –non desde aquela, na que todo parecía posible–, sabes que vai fracasar porque o proxecto nin tiña padriños nin base territorial. No libro de Dositeo Rodríguez agradécese o relato do fracaso e da equivocación, tan escaso.  E a sinceridade do recoñecemento da mentira gabanciosa ao xefe, un parágrafo digno de novela satírica.

Termos nostalxia desas figuras referenciais significaría tela tamén dun mundo escaso, no que os galeguistas eran como a pita do monte, o lince ou o oso, animais en perigo de extinción necesarios para xustificar a autonomía

"É o que lles digo aos que parece que acaban de inventar as cousas: sen nós nin os que nos precederon nada quedaría. Queimamos as nosas vidas en defender a cultura do país. Agora outros recollen esta testemuña e transfórmana conforme os tempos, pero nós permitimos conservar esas raíces soterradas e perseguidas".
Francisco Fernández del Riego. Entrevista en
El País (26/01/2007)

36. Coñecín persoalmente aos últimos do Vello Mundo: a Antón Fraguas, a Avelino Pousa Antelo, a Neira Vilas se queremos poñelo no mesmo cesto, a Illa Couto, a Fernández del Riego, a Isaac Díaz Pardo. A xeración que tivo trato con eles entra agora ou milita xa na xubilación, e carece da aura simbólica dos anteriores. Son máis técnicos, non coñeceron aos Nós nin pasaron por unha guerra. Na altura da miña, a de 1976, o elo está practicamente crebado. Non hai que ser catastrofistas: a figura do petrucio polígrafo e activista tiña sentido no páramo cultural. Termos nostalxia desas figuras referenciais significaría tela tamén dun mundo escaso, no que os galeguistas eran como a pita do monte, o lince ou o oso, animais en perigo de extinción necesarios para xustificar a autonomía. Con todo, é normal que, no país dos vinculeiros, as melloras e as empresas familiares, nos preocupemos pola sucesión. Máis que salvar a idea petrucial, a min preocúpame a transmisión de determinados valores como a xenerosidade incondicional, que eu si coñecín en moitos deles. Ao entraren na vellez, escolleran con astucia distanciarse do activismo político para adoptaren certo rol equilibrado de presidentes dun estado ausente. Se cadra o que boto en falta, na miña xeración, é irmos máis alá da venda do produto persoal. Aínda que opinemos forte nas redes, é todo un conto inocuo. Nunha cultura como a nosa, tan contraditoriamente individual e colectiva, só nos salvará a xenerosidade e o compromiso público, que é o principal do seu legado. Na novela de Alberto Lema apréndese de que é moi difícil manter ese compromiso sen que este te arrastre a un lugar que antes odiabas, sen que un día vexas como cambia a mirada dos demais sobre ti. Se cadra é iso ao que temos medo.

Comentarios