Blogue |

Non hai escusa

"Agrafoxo prefire sacrificar esas faíscas literarias en prol do realismo da viaxe, nas que os aspectos de loxística —atopar fonda, buscar transporte, transaccionar con locais— ocupan sempre unha parte central do tempo"

senegal

Chega o verán e comezo a pensar en baobabs e sicómoros, aínda que os africanos saben ben que é o peor momento para andar preto deles. Para compensar a miña ignorancia africana, adéntrome nas dúas Áfricas: na negra con Xerardo Agrafoxo e na branca con Robert Omar Hamilton.


GUSTO

É tan rara a literatura de viaxes no país que cando se edita un libro novo hai que aplaudir coas orellas. É o caso de O país sen fronteiras. Trinta días a través do Senegal (Galaxia, 2018), de Xerardo Agrafoxo. Estes xéneros pouco frecuentados son un excelente índice para calibrar onde consideramos que está a nosa literatura. "Si, pero xa houbo outros autores que fixeron literatura de viaxes", coméntanme cando falo desta novidade. "Como quen?", pregunto. "Nos noventa, fíxoo X", respóndenme con naturalidade. A ver: isto non se trata de completar ocos dun andel, senón de dispor dunha oferta literaria en galego rica e diversa, destinada a un público heteroxéneo e de gustos distintos. Tanto me ten que se publicaran unhas memorias políticas en 2006. A cuestión é a que tipo de libros accede o lector aquí e agora, para este verán de 2018.


OÍDO

Dito isto, este libro de Agrafoxo sobre África é un bo libro de xénero. A lectura dun país alleo sempre se fai desde os intereses propios, que no texto do noiés son caiucos, a emigración e a educación. Agrafoxo evita ese truco frecuente nos libros de Javier Reverte: salvar o teu libro chuchando dos clásicos. Non me entendan mal: as viaxes literarias son magníficas, pero encher medio kilo de libro cos textos dos autores que inspiraron a aventura non o é tanto. Agrafoxo prefire sacrificar esas faíscas literarias en prol do realismo da viaxe, nas que os aspectos de loxística —atopar fonda, buscar transporte, transaccionar con locais— ocupan sempre unha parte central do tempo. O resultado é envolvente e, sobre todo, veraz.


TACTO

O mellor de O país sen fronteiras é o que non se conta. Agrafoxo documéntase moito pero non precisa demostralo: ese traballo plásmase na ollada, tranquila, sobre o terreo, no que el non ve a un outro exótico, senón tan só a outro ser humano coas súas circunstancias. Non se sobredescreben a bondade, a miseria ou a brutalidade do indíxena, como pasa un pouco en Hijos del Nilo, de Xavier Aldekoa (Planeta, 2017). En suma, é un dos relatos máis serenos de África que teño visto ultimamente, que alenta a ler con confianza e curiosidade.


VISTA

Non puiden evitar facelo dialogar coa opera prima de Robert Omar Hamilton, a novela La ciudad siempre gana (Sexto Piso, 2018), baseada nas revoltas da primavera árabe exipcia, na "África branca", como a chaman os senegaleses de Agrafoxo. O libro ten moita biografía persoal de Hamilton, quen marchou para alá en canto comezaron as mobilizacións na praza Tahrir do Cairo. Está o inevitable asombro visual do primeirizo, de quen viaxa desde Occidente para participar nunha revolta de Oriente. Tamén o gancho para millennials occidentais, que é a presenza continua de internet na revolta. Por fortuna, a narración gaña veracidade ao separarse da nosa ollada, cando Hamilton nos leva a través das moi islámicas ideas dos mártires e das testemuñas.


OLFACTO

Hamilton conta nunha entrevista en The Guardian que cando volveu a Nova York con varios discos duros cheos de vídeo co que montar un documental de dúas horas, o que lle saíu finalmente foi unha novela. O sentido documental sobreviviu na polifonía de voces. A fascinación pola algarada colectiva é previsible nun escritor novo de formación occidental, pouco acostumado a disolver a súa identidade individual na turba.
Pero Hamilton coidouse moito de quedar aí. A súa mirada é única porque é quen de atopar o nexo entre o global —o activismo distribuído das tecnoloxías móbiles— e elementos propios da cultura oriental, como non terlle noxo aos cadáveres e enchelos de sentidos para os vivos.


EQUILIBRIO

Visito no Auditorio de Galicia a exposición de Catalá Roca. Imaxes turísticas da Galicia de finais dos 50 e 60. Sorpréndeme a elegancia, a composición, a limpeza das imaxes. Catalá traballaba por encargo, para editoriais, pero escapou do tipismo previsible, conseguindo un meritorio equilibrio entre a fotografía social, a documental e a turística. Catalá demostra que mesmo no encargo de construír o Outro hai marxe de fuxida para un traballo digno. Non valen as escusas.

Comentarios