jueves. 26.11.2020 |
El tiempo
jueves. 26.11.2020
El tiempo

O bo inimigo

Volver a eses filmes bélicos das tardes dos domingos supón un fenómeno estraño. Aínda que coñezamos de memoria os escenarios da II Guerra Mundial, a quen non recoñecemos é o inimigo ao que vencen británicos e americanos.

VISTA
Vexo A batalla do Río da Prata (1955), un filme inglés de 1956 sobre o episodio real sucedido en decembro de 1939 no esteiro que divide a Arxentina do Uruguai. O acorazado de peto alemán Graf Spee, que estaba facendo o corsario por todos os mares á caza de buques mercantes que aprovisionaban o Reino Unido, foi localizado por unha escuadra británica. O caso deu moito que falar: tras provocar grandes danos nos buques británicos, o capitán do Graf Spee decidiu retirarse ao porto de Montevideo para reparacións e repostaxe, aproveitando a tregua de 72 horas que concedía o dereito internacional. Sucedeu de seguido unha tensión radiada a todo o mundo: os barcos ingleses fixeron correr o bulo de que chegaba unha escuadra de apoio, e o goberno uruguaio atopouse nunha difícil tesitura. Ao non conceder máis tempo de asilo, condenaba ao barco alemán a unha derrota —súmenlle adxectivos tráxicos— máis que probable. O seu capitán, Hans Langdorff, decidiu afundilo para evitar o desastre e a morte dos tripulantes ao seu cargo. A historia, como todas as grandes historias do mundo, ten ponlas galegas: un ano antes, os mariñeiros do Graf Spee xogaran contra o Deportivo da Coruña, segundo me contou Rubén Ventureira. O iate no que catro oficiais fuxiran do seu confinamento uruguaio nunha épica navegación a través do Atlántico cara Alemaña consérvase tamén na cidade de cristal.


TACTO
Ao pouco de comezar a película, comezo a me decatar dun detalle estraño. Se cadra non volvera ver un filme bélico dos anos 40 ou 50 desde que era adolescente. A miña memoria dos filmes de guerra comeza máis adiante: se cadra con Rambo ou Platoon. E de aí para adiante. Pero neste filme os alemáns afunden mercantes británicos tras evacuar as tripulacións, deixar os mariñeiros en terra e levaren con eles os oficiais. Os alemáns tratan os ingleses cun coidado exquisito, son cabaleiros do mar. Langdorff é un modelo militar, doído polas perdas dos seus homes, astuto, educado, íntegro. Velaí todo o estrañamento. A miña memoria cinematográfica da II Guerra Mundial pasa por un alemán que é sempre nazi, convertido en monstro perverso, doado de odiar, que sitúa o espectador claramente dun bando da pantalla. Fiquei abraiado: cando se filma A batalla do Río da Plata os bombardeos aínda botan fume, as familias de medio mundo crebadas polas ausencias, os campos de batalla cheos de restos. Pero no filme non hai rencor, mesmo ata algo de admiración. A miña ollada está acostumada a entender a literatura e a arte no seu contexto, pero non tanto o propio cine. Como debía interpretar esa ollada sobre o inimigo?.


OLFACTO
Lembrei entón o meu propio proceso de documentación da novela O exército de fume. Eu preguntaba pola presenza alemana en Galicia, por xente que traballara cos alemáns no Ferrol, nas minas, nas dotacións militares semisecretas destacadas polo país. Falei con xente moi maior que lembraba aqueles alemáns de principios da década dos 40, negociantes, mariños, soldados. Decateime de que as súas lembranzas se parecían sospeitosamente a esa ollada da película do ano 1955. Describían xente educada, limpa, pagadeira, fiable para os negocios, respectuosa, que facía favores. Entre os que non foran militares, as miñas fontes e máis eu sabiamos que en moitos casos prestaban dun xeito ou doutro servizos ao Reich e contribuíron —por medo ou por convicción— a ese desastre que case remata con todos nós. Lembrei as memorias do pintor Álvarez de Sotomayor, gabando a educación dos soldados alemáns cedendo os asentos do tren aos franceses na Francia ocupada. Unha fonte recordoume o arrecendo dun postre prodixioso feito con mazás da Estrada, que a eles, nenos de pes descalzos, lles ofrecían na porta da casa os domingos á tarde. Pola descrición souben que tiña que ser apfelstrudel. Desas historias é de onde sae o material co que construín psicoloxicamente algunhas personaxes alemás da novela, coma o cónsul alemán en Vigo, Richard Kindling, ou o propio Albert Speer.

Conforme nos distanciamos desa guerra no tempo, o nazi dos filmes adquire un carácter máis tenebroso, máis terrible, máis separado do humano


GUSTO
A construción do inimigo pasou por varias fases. Eu non son experto no cine da Segunda Guerra Mundial, pero son ben coñecidos os filmes dirixidos por John Ford, William Wyler, John Huston, Frank Capra e George Stevens durante o conflito. A serie documental Five came back (A guerra en Hollywood) dá boa conta deles en Netflix. Aínda así, penso eu que o nazi deses filmes é menos monstruoso que o que veremos nas décadas posteriores. Certo é que o mundo non era igual antes de Auschwitz. E hai ligazóns visibles e invisibles: Emilio Grandío tenme lembrado as conexións directas entre aliados e alemáns nas embaixadas de Madrid antes da guerra, case como unha familia que discute nas sobremesas. Pero aínda así hai algo estraño: semella que, conforme nos distanciamos desa guerra no tempo, o nazi dos filmes adquire un carácter máis tenebroso, máis terrible, máis separado do humano. Aparece a crueldade, a psicopatía, a tolemia. As películas narran bandos xa non só antagónicos, senón sobre todo irreconciliables. Sería posible hoxe, por exemplo, aquela mítica serie de humor sobre un café na Francia ocupada, Allo Allo? Moito me sorprendeu que a magnífica Jojo Rabbit, que constrúe un mal tremendo nun envoltorio irónico, conseguira saír adiante.


OÍDO
A nada que pensaramos atopariamos unha explicación doada para esa visión atemperada do cine dos anos 50, cando Norteamerica estaba construíndo a Europa do bloque occidental fronte á URSS e contribuía con moitos dólares á rápida reconstrución da Alemaña vencida e escindida. A mesma máquina de propaganda que labrara o perverso nazi fílmico dos 40 era a mesma que dez anos despois nos explicaba que Alemaña tamén tiña nobles combatentes de a pé, e que o cancro ideolóxico xa fora extirpado. Podo mercar esa explicación, cando menos tanto como mercamos a diario outras tan tranquilizadoras para dar conta do voto conservador do país ou a plantación de eucaliptos. Pero o dato non me explica por que atopo o mesmo discurso de Hollywood na diversidade das fontes orais ás que escoitei. Elas eludían sempre o trasfondo bélico para se centrar nas persoas, é dicir, sabían ben o mundo no que se moveran aqueles alemáns radicados en Galicia e evitábano. E, sobre todo, esa explicación da propaganda americana non explica o mecanismo ao completo. Se nos 50 o cine buscaba a reconciliación, que é o que busca entón o cine da II Guerra Mundial das últimas décadas?.


AMBICIÓN
Visito a exposición Galicia, de Nós a nós, na Cidade da Cultura. Chámame a atención a ambición inicial dos creadores: a idea de construír unha revista de vocación europea. Carentes dunha ampla rede de contactos internacionais e cun país que non tiña o mesmo interese, a vocación é tan loable como inxenua, vista en retrospectiva. Máis ben Nós trouxo unha idea de Europa —que diría De Gaulle— a Galicia. Aínda así, pregúntome canto desta ambición nos quedou a día de hoxe. Pode que sexamos máis realistas ca eles, ou ben pode que teñamos as miras máis curtas.

O bo inimigo