Blogue |

O espello das verdades

COINCIDEN NAS librarías dúas biografías moi distintas do poeta Manuel Antonio, a de Xosé Ricardo Losada e a de Xosé Luís Axeitos. De maneira inusual, son tamén dúas formas de ver o pensamento e obra dun poeta que marchou demasiado pronto, pero que segue tendo lecturas de actualidade

ManuelAntonio3
photo_camera Manuel Antonio, cos seus compañeiros na mar

ManuelAntonio3Vista
Se cadra abrín moito os ollos, pero o asunto xustificábao. Estaba a ler ‘Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego’ (Galaxia, 2018), de Xosé Ricardo Losada, e de súpeto apareceume este parágrafo: "Cando Rafael Dieste está en plena guerra no norte de África, xogando a vida, Manuel Antonio pídelle que deserte do Exército español e acaba chamándolle covarde por non facelo. Mentres, el está na casa intentando facer todo o posible —enchufes incluídos— para librar dese mesmo exército por enfermo". Paren máquinas que aquí hai algo. Algo distinto.

Olfacto
E así de seguido. Losada traza un relato de Manuel Antonio no que a exploración psicolóxica e a indagación das motivacións son centrais. A partir da correspondencia e outros textos, o escritor debulla un Manuel Antonio adolescente que define como eterno resentido contra o seu amigo Dieste, de quixotismo pueril, grandes carencias afectivas, acomplexado, inmaduro, limitado nas súas lecturas, un "intelectual de bufarda" desinteresado polas circunstancias sociais dos mariñeiros que venera literariamente, un nacionalista máis preocupado polo postureo que polas ideas e un rebelde de palabra máis que de obra. E con eses dubidosos vimbios adolescentes, fórxase a obra de Manuel Antonio, quen segundo Losada dá un salto enorme de madurez aos 18 anos trala súa primeira navegación de prácticas e remata por escribir, segundo o biógrafo, unha das grandes obras da literatura universal, De catro a catro. A tese de Losada é que non se pode entender ese universo literario sen eses difíciles trazos previos

Oído
Xa se imaxinan o que fixen despois. Busquei a outra biografía recente: ‘Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía’ (Xerais, 2017), de Xosé Luís Axeitos, quen leva toda a vida traballando ao redor do poeta. Algúns adxectivos sobre el citados en desorde do texto de Axeitos: "Boa persoa, teimoso, destemido, nacionalista comprometido, grande amigo, camarada de pescadores e navegantes". Comparen. Atoparse con dúas lecturas contrapostas do mesmo personaxe, separadas apenas por meses na súa publicación, é algo abraiante en Galicia. No traballo de Losada hai un escritor que busca entender a outro, literatura para comprender a literatura. Se cadra toma demasiado en serio a un adolescente —se lesen os papeis de calquera de nós a esas idades!—. Pola contra, a biografía de Axeitos é, de algún xeito, a da súa propia vida construíndo durante anos a Manuel Antonio para a literatura do país, facéndonos escoitar o rianxeiro no seu tempo e lugar, mesmo tras a súa morte, pousando a figura no escolleito fornelo do retablo, con didactismo ateneísta e devoción documental.

As dúas visións, a de Losada e a de Axeitos, non son contrapostas, senón complementarias

Tacto
As dúas visións, a de Losada e a de Axeitos, non son contrapostas, senón complementarias. Os dous admiran o seu biografado, pero desde coordenadas distintas do mesmo mapa. Losada e Axeitos son de Rianxo e iso crea unha curiosa proximidade entre biógrafos e poeta e engade unha textura espesa e rugosa: falan dun veciño, e xunto co material documental, hai un substrato oral e algo de nostalxia. Relatar unha vida bruscamente interrompida é sempre estraño. Os cadáveres dos mozos nunca son bonitos.

Gusto
Sempre necesitamos a Manuel Antonio. Cando eramos máis novos, el era o punto de fuga, a saída referencial. Nas fotos, era case coma nós, non un vello santificado ao servizo da causa ao estilo da época. Falabamos del mentres comiamos enormes bocadillos de zorza con queixo no bar Viño e viviamos nun país que parecía aínda por construír. No manifesto ‘Máis alá’, marcábanos que había máis dun camiño se criamos no futuro da nosa literatura. Iso aliviaba tanto!

Incógnita
Cústame saber como me sentaría comparar esas biografías de Axeitos e Losada hai vinte anos, porque daquela os heroes estaban cheos de virtudes. Hoxe, case teñen que ser o contrario: coa súa cara escura na que brillan cráteres de xenialidade. Vinte anos despois, aquel país por construír parece que se nos cae a cachos. E Manuel Antonio amósanos unha cara máis sincera, chea de contradicións humanas, unha cara máis aceptable para estes tempos nos que temos que enfrontar todas as verdades.

Comentarios