domingo. 15.12.2019 |
El tiempo
domingo. 15.12.2019
El tiempo

Vaticinios

Os suevos seguen de moda, pero volverán ao hiperpoboado limbo dos esquecidos galaicos sen que se lles dedique unha mínima obra de ficción. Pero todos estaremos convencidos de que non se fixo outra cousa neste tempo

VISTA


A UN LIBRO importante o que acaba de publicar o profesor Anselmo López Carreira: Arte e escritura na Galicia medieval. Séculos VI-X (Xerais). Baixo ese título directo, López Carreira sitúa varias cargas de profundidade intelectual ao redor dos nacementos dos reinos do oeste peninsular, nunha liña na que xa leva uns cantos anos. Esa crítica, en parte, supón a visibilización de realidades ocultas que nos últimos anos cobraron unha nova dimensión, como a entidade institucional, cultural e sociolóxica do Reino de Galicia —e que curiosamente, se parecen moito ás que tiñan os historiadores galegos do XVII—. O interesante desta nova achega de López Carreira é como se centra apenas en tres formas: o arco de ferradura, as que se coñecen frecuentemente como cruces asturianas e a tamén coñecida como cruz visigótica. Son tres conceptos culturais atribuídos habitualmente ao reino visigodo ou ao nacemento do reino asturiano. Carreira desmonta estas atribucións e desvela unha realidade máis líquida: son formas estendidas ao longo de Europa e de uso documentado no reino suevo de Galicia, probable foco de irradiación peninsular destas. Xa o diciamos no SeiSentidos da semana pasada: os suevos están de moda.


OÍDO


Esta semana publiquei —xunto os compañeiros José Manuel Costa e João Fonte— un artigo en Mediterranean Archaeology and Archaeometry, unha revista de referencia sobre arqueoloxía. Nel presentamos, nalgún caso por primeira vez, 22 sitios militares romanos en Galicia e no norte de Portugal, todos eles presumiblemente ocupados de maneira temporal. O propósito do artigo non era só presentar novos achados, senón cuestionar o relato establecido ao redor da conquista romana do noroeste. Máis ben, a ausencia de relato. Os achados resoan fortemente nun territorio previamente silencioso, dándonos conta dun fenómeno histórico máis complexo. 


Vemos a estas alturas ás tropas romanas movéndose por aquí e acolá, en misións diferentes que non acabamos de entender, que poden ir desde o combate, a exploración do territorio ou misións policiais de posguerra. Todo isto vén a colación do esforzo de López Carreira. Se un acude á Wikipedia na procura de información sobre as Guerras Cántabras, aparece un mapa amosando, en verde, a extensión das operacións militares romanas na conquista do norte. É fascinante ver como a área verde dunha guerra de hai dous mil anos remata, nese gráfico, xusto onde comezan os límites da Galicia autonómica actual.


TACTO


Atopo un momento, non sei de onde, para ir ver Joker ao cine. É inevitable non fascinarse coa interpretación de Joaquin Phoenix. Gustei moito do retrato urbano de Gotham, da fotografía e da produción sonora. Pero levo días dándolle voltas ao que se nos conta nela. Un retrato da enfermidade mental cando se descontrola, pero tamén un síntoma da época. A revolta urbana construída a partir dunha mensaxe simple na que non existe un futuro ou un camiño. Unha revolta que é incapaz de artellar unha saída para si mesma, alén do seu propio estourido. E o Joker como unha consecuencia dunha sociedade, no que a responsabilidade persoal é mínima. A máscara é tamén importante, unha referencia do tempo: velaí temos as máscaras de Guy Fawkes ou os Dalís de La Casa de Papel. Afrontar a disconformidade desde un rol, non desde un mesmo, disolvéndose nunha multitude. Joker arrasou e vai arrasar mais: a súa violencia que non propón nada novo, perfectamente domesticada, é a resposta do sistema ao propio sistema.


OÍDO


Acompaño a Marilar Aleixandre na presentación da súa guía Santiago de Compostela desde dentro (Alvarellos). No acto, chamei a atención no que me parece o aspecto máis notable do libro: fuxir da caricatura da cidade. O gran perigo do relato de Compostela é que unha soa perspectiva, a da peregrinación, acabe por devorar o das outras que conforman a realidade complexa da cidade. Aquí, entre estas pedras, latexan historias moi distintas que son a memoria social da cidadanía; non só da cidade, senón de Galicia. Nos últimos anos, fun observando esa inercia que é inevitable cando algo se fai moi grande: como esta historia do Camiño vai devorando outras pequenas historias que constrúen unha memoria máis diversa da cidade, pero tamén do país. Libros como o de Marilar creban a inercia na que todos podemos acabar instalados, chamando a atención sobre outras Compostelas que nos falan dunha realidade: as sociedades son moito máis complexas que os reclamos turísticos.


GUSTO


En que medida todos os que nos queixamos da estandarización dos relatos non facemos o mesmo noutro lugar, non contribuímos á mesma apisonadora de historias? Non quero eu beber un bo barolo e unha bagna cauda se visito o Piamonte? Non aspiro a andar entre viñedos en Burdeos, a comerme unha hamburguesa en Nova York, a pararme diante dos cadros de Botticelli nos Uffizzi? Non compensa martirizarse por un asunto inevitable. Ese espazo compartido é parte da nosa experiencia social de sempre. Só hai unha cura sinxela para o morteiro de historias de turista: volver ao mesmo lugar dúas ou tres veces. Só nese momento pásase de ser turista a ser viaxeiro. E non hai outra.


DÚBIDA


Ando a traballar estes días na visualización dun universo intelectual. Se non saben a que me refiro, eu tampouco. Hai proxectos culturais de gran complexidade que é imposible abordar en equipo: só se poden forxar e coller forma a partir do sufrimento e as voltas, e as perdas de vida e tempo do que tivo a idea. Se eu encargara este traballo, tolearía á xente á que lle tivera que dar instrucións. Na comunicación cultural, o éxito non vén tanto da idea como da linguaxe compartida co equipo. E non sempre se pode. Ás veces a idea só chega case ao final do proxecto. Iso implica convivir coa dúbida como quen o fai cunha adicción. E o único que vai pasar 48 horas sen durmir para rematalo só podes ser ti. Vaticino.

Vaticinios
Comentarios