Blogue |

González Ferrín e a polémica sobre o pasado árabe

A diplomacia europea estráñase do pouco aproveitamento que tira o Goberno español do pasado árabe da Península. Na mesma liña e se cadra polas mesmas razóns, un título como Cuando fuimos árabes, de Emilio González Ferrín, segue sorprendendo cando o atopamos entre as novidades dunha libraría

UNIVERSITARIOS e diplomáticos europeos, sobre todo do norte do continente, mostran nos seus encontros cos seus homólogos españois a súa sorpresa polo escaso protagonismo de España nas relacións entre a UE e os países árabes. Escaso papel que, segundo eles, vén acompañado dun rechamante desinterese polo tema musulmán. Todos coñecen, aínda que sexa superficialmente, a importancia da cultura árabe na Península, a historia común durante máis de sete séculos e os centenares de palabras procedentes do árabe que hai no castelán. De aí a súa sorpresa.

Tan certo é este distanciamento que, para encontrar entre os políticos españois expresións como "a tradicional amizade hispano-árabe", cómpre que nos remontemos ao franquismo; cando si formaba parte, cando menos retoricamente, da política oficial.
Tamén é verdade que o actual clima de violencia propiciado polo terrorismo islámico non axuda nada a unha achega. Consciente diso, Emilio González Ferrín, autor de Cuando fuimos árabes (Editorial Almuzara, 2018), insiste repetidas veces en diferenciar tres conceptos: a civilización histórica árabe, o islam como relixión, e o radicalismo integrista actual que, segundo el, pouco tería que ver co pasado. Solapar os tres significados sería precisamente o obxectivo dos terroristas, pero tamén unha crenza de moitos dos que, desde aquí, os rexeitan, coma se a Giralda tivese algunha culpa dos atentados inspirados por Bin Laden.

Emilio González Ferrín forma parte dunha corrente de historiadores marcada por Américo Castro, sobre todo desde a súa famosa polémica con Sánchez Albornoz, nos anos 50. O gran publicista do arabismo hispánico foi sen embargo, e como se sabe, o escritor, hai pouco finado, Juan Goytisolo. En medio, é posíbel encontrar estudosos de tanta valía, aínda que pouco coñecidos, como Francisco Márquez Villanueva, que González Ferrín cita en varias ocasións. Márquez Villanueva (Sevilla, 1931) foi profesor en varias universidades norteamericanas e canadenses e é membro de honor da Hispanic Society of America.

Cómpre explicar que González Ferrín, profesor da universidade de Sevilla, carece da vocación de heterodoxo


Con todo, e pesar dos anos transcorridos, o clima non parece ter cambiado moito desde os tempos de Américo Castro. Abonda con buscar na internet as críticas realizadas a González Ferrín por outros profesores que, sen dúbida, gozan de máis crédito oficial. A pesar diso, cómpre explicar que González Ferrín, profesor da universidade de Sevilla, carece da vocación de heterodoxo. Tampouco é un outsider. Ao seu papel académico e a premios como o Internacional de Ensayo Jovellanos 2002, hai que sumar a súa participación —como membro do xurado, durante sete anos— nos Premios Príncipe de Asturias.

Outra mostra da contradición que se manifesta entre os estudosos do pasado árabe encontraríase na propia editorial que publica o libro: Almuzara, editora significativa, pero que de ningún modo se pode situar entre as máis importantes. Almuzara foi creada polo ex ministro popular de Traballo Manuel Pimentel, un intelectual que sempre seguiu unha liña propia dentro da dereita española.

En xeral, poderíase dicir que este debate se vén desenvolvendo, desde hai anos, case na sombra e, case sempre, á marxe dos grandes foros. Se ben é verdade que González Ferrín foi entrevistado nos últimos meses por varios medios de prensa, tamén é certo que foi contestado -de inmediato e en ton rotundo- raiano no desprezo, por outros profesores, un fenómeno que dista de ser habitual, aínda que non de todo negativo.
Emilio González Ferrín xa era coñecido e xa foi polémico antes por outros libros. A súa obra de referencia é a ‘Historia general de Al Ándalus’, que conta xa con varias edicións e que, lonxe de ser unha historia particularista, enlaza de maneira fundamental a Idade Media de Europa coa de Oriente.

Vai lembrando detalles como o da imposíbel existencia do Diván del Tamarit de Lorca sen a tradución anterior do 'Libro das bandeiras dos campións', elenco de poesía andalusí


Este recente Cuando fuimos árabes presenta outro enfoque. Trátase, en boa parte, dunha autobiografía intelectual que narra o seu paso como investigador por diversas universidades, tanto europeas como árabes, e o descubrimento dos autores que lle abriron o camiño. É un texto ameno, non falto de anécdotas persoais e que nos vai lembrando detalles como o da imposíbel existencia do Diván del Tamarit de Lorca sen a tradución anterior do Libro das bandeiras dos campións, elenco de poesía andalusí.
Nesta autobiografía, González Ferrín, nacido en 1965, repasa tamén feitos hoxe case esquecidos. «As décadas 60 e 80 foron probabelmente as máis universalistas e reivindicativas de ambos espazos xeográficos»: o occidental e o islámico. Daquelas, por exemplo, os palestinos eran laicos e mantiñan o índice máis alto de universitarios do mundo árabe, cunha importante participación feminina. Nos anos 60, o propio Nasser estoupou en gargalladas cando un líder dos Irmáns Musulmáns lle pediu que lle esixise ás mulleres exipcias levar velo.

Así, chegamos a saber tamén que algúns dos teóricos arabistas máis relevantes que el coñeceu, nos anos 80 do pasado século, foron despois arrombados ou expulsados do país polo islamismo integrista en ascenso, de modo que as propias universidades árabes se foron vendo dominadas, pouco a pouco, polos seus elementos máis sectarios. 

González Ferrín insiste numerosas veces en que esta visión extremista, lonxe de ser a lexítima do Islam, é sorprendentemente nova, unha interpretación que, a pesar da súa forza actual, conta con moi poucos anos de traxectoria. Iso explicaría que algúns dos acusados de terrorismo islámico sexan uns recén chegados á relixión. O que non explica González Ferrín, porque quizais excede a motivación deste libro, é por que ese fenómeno de radicalización se produce e a que a novo contexto político intenta dar resposta.

Comentarios