viernes. 22.10.2021 |
El tiempo
viernes. 22.10.2021
El tiempo

Josep Fontana e o crecido interese pola Historia

A morte de Josep Fontana déixanos sen un historiador de referencia, nunha época na que a crise económica e a confusión política estimulan o público a acudir á Historia como fonte orientadora

3

O PASADO 28 de agosto finaba en Barcelona, aos 86 anos, Josep Fontana. A súa longa traxectoria intelectual, a súa bonhomía e a súa aposta pola claridade convertérano nun historiador respectado e lido. 

Xa se sabe que as crises inducen a volver a mirada atrás. De repente, os historiadores son invitados a debates televisivos e as librarías énchense de ensaios ben encadernados que tratan todo tipo de temas históricos, moitos deles impensábeis anos atrás. A propia novela histórica florece ao calor deste clima incerto. 

É coma se nos atopásemos perdidos ante uns acontecementos que se precipitan e sentísemos a necesidade de pararnos a reflexionar. Cando a vida cumpre as propias expectativas son poucas as persoas que se preguntan polas orixes ou polo como e o porque chegamos aquí. Agora, en cambio, aumenta o número de lectores que queren saber máis sobre un amplo número de temas. Así, dos ensaios sobre a crise dos sistemas económicos —comunismo, pero tamén capitalismo neoliberal—, ás veces non é difícil pasar a outros libros que tratan incluso a crise da antiga Roma.

Josep Fontana, sen ter sido nunca un historiador á moda, si se pode dicir que foron moitas as veces que tratou temas que preocupaban o público. Aínda está recente o seu volumétrico estudo: Por el bien del imperio. Una historia del mundo desde 1945. Máis de mil páxinas coas súas correspondentes notas, pero redactadas dun modo accesíbel, que tratan de enmarcar e facer entender os problemas actuais.

A esta eclosión da Historia contribúe tamén a transformación do propio xénero do ensaio

A esta eclosión da Historia contribúe tamén a transformación do propio xénero do ensaio. Pode dicirse que antes os autores da maioría dos libros eran os catedráticos máis prestixiosos das universidades, moitos deles non demasiado interesados en facerse entender fóra dos círculos académicos. Agora, en cambio, non só a edición de libros se modernizou —libros máis grandes e vistosos, con bo tamaño de letra— senón que os autores resultan ser expertos en combinar o rigor co ton divulgativo. 

Serva de exemplo que algúns dos ensaios máis difundidos hoxe en día proveñen de guionistas de series da BBC, é dicir de persoas a medias xornalistas e a medias historiadores, ben documentadas, na liña do tradicional empirismo británico, sempre aferrado aos datos e non demasiado dado á especulación ou á grandilocuencia.

Nesa liña estaba Fontana. A importancia que lle daba á claridade non provén dos últimos anos. Nunca foi raro ver nun texto del que, detrás dunha cita doutro autor, engadise frases como esta: "Aínda que está claro que podería telo dito de maneira máis simple e intelixíbel". Nun dos seus traballos máis lidos, un pequeno libro titulado: ‘La Historia después del fin de la Historia’, chama aos propios historiadores "Debemos dirixir o noso traballo ao conxunto dos que nos poden ler e nos escoitan, o que nos obrigará a falar daquilo que pode importar máis e a facelo de forma que o que escribamos resulte comprensíbel".

Nesta cita inclúe un aspecto importante, o de investigar e escribir sobre temas que interesen á maioría. E, aquí, o propio Fontana lembra que, segundo un estudo norteamericano, nada menos que o 95% dos artigos publicados por historiadores en revistas especializadas non foron citados nin unha soa vez. "¿Durante canto tempo —pregúntase— seguirá subvencionando a sociedade esta enorme masa de traballo irrelevante que non ten outro obxecto que nutrir os currículos persoais?".

Pero Fontana, que sempre se caracterizou polo seu espírito crítico, non deixou de observar os perigos que viñan á par das novas correntes historiográficas. Desde anotar que certas categorías, como a Historia das mentalidades, tiveran éxito quizais polo ambiguas que resultaban, até lembrar que "detrás de toda interpretación histórica hai sempre unha política".

Nin sequera el soubo ver con anticipación a época que se aveciñaba


De feito, detrás dun estilo intencionadamente popular, poden ocultarse, moitas veces, as formas máis inaceptábeis da propaganda, é dicir aquelas que terxiversan ou simplemente descontextualizan datos para poñelos ao servizo dun argumento preconcibido. Neste sentido, Fontana encontraríase no lado oposto a autores que, como Pio Moa, removen os arquivos para xustificar ideas que xa foran difundidas e rebatidas varias décadas atrás.

En xeral, Fontana non se opuña, nin moito menos, ás novas correntes da historiografía, desde as baseadas na deconstrución lingüística, até as que pretenden achegarse o máximo posíbel ás chamadas ciencias duras, co uso masivo de listados de cifras, buscando unha exactitude que non sempre pode axustarse ou explicar ben a historia real. Fontana pensaba que sería positivo recuperar un sentido global da Historia, pero engadíndolle todas as matizacións e correccións necesarias propias dos novos tempos. 

Con todo, nin sequera el soubo ver con anticipación a época que se aveciñaba. No seu referencial e breve ensaio, xa citado, La Historia después del fin de la Historia, publicado orixinariamente en 1992, xusto despois da caída do comunismo, non é capaz de adiviñar que ás novas relacións comerciais entre os países capitalistas avanzados ía sucederlle o cambio que estamos vivindo, impulsado sobre todo por China. Nese libro, Fontana informábanos de que as nacións máis desenvolvidas concentraban, grazas aos vínculos que mantiñan entre elas, o 80% do tráfico comercial do mundo, deixando só o 20% restante para aquelas relacións nas que tamén participaban os países de ingresos máis baixos. Neste momento, vemos, sen embargo, que a potencia asiática está a promover un crecemento xeométrico das relacións entre os propios países do antes chamado Terceiro Mundo, mentres que os Estados Unidos se apuntan a unha política proteccionista máis illada do exterior.

De exemplos coma este cabería concluír que ler Historia pode ser gratificante e útil, sobre todo se se trata de historiadores amenos, críticos e independentes como Josep Fontana, pero tamén que é demasiado pedirlle aos historiadores que nos ofrezan certezas sobre o futuro. A historia real estará sempre por escribir..

Josep Fontana e o crecido interese pola Historia
comentarios