viernes. 22.10.2021 |
El tiempo
viernes. 22.10.2021
El tiempo

De Toro, Reixa e Pereiro, os rupturistas

A literatura galega da fin do pasado século estivo marcada por tres autores: Suso de Toro, Antón Reixa e Lois Pereiro. Os tres polo mesmo motivo, porque se guindaron sobre o río sen pensalo, só con gañas de mergullarse de despois emerxer dando gritos: Uuaah!

Os Resentidos
Os Resentidos

TEÑO UNHA IDEA para un libro e, ao final, o que escribo e outro diferente. Igual sucede coa literatura. A crítica e os lectores enmarcan as obras que definirán a época, pero despois resulta que o relevante, o que influirá na seguinte xeración, e outro autor, outro tipo de obras. A crítica e os lectores navegan polo centro do río. Pero os libros e os autores que permanecen son os que cambian o curso dos acontecementos, como esa fervenza inesperada que se lles aparece a Bogart e a Hepburn en A raíña de África.

Ás veces, as revolucións literarias tardan décadas en reflectirse nas estatísticas. Os fotógrafos da literatura son lentos e tenden ao clasicismo. Case resulta anómalo dicir que a literatura galega da fin do pasado século estivo marcada por tres autores: Suso de Toro, Antón Reixa e Lois Pereiro. Os tres polo mesmo motivo, porque se guindaron sobre o río sen pensalo, só con gañas de mergullarse e despois emerxer dando gritos: Uuaah! As augas literarias sempre están frías, pero eles sorriron co pracer que dá escribir sobre o que a un lle apetece.

Suso de Toro empezou dicindo que había que facer croquetas co corpo de Castelao e acabou estudando as obras dos galeguistas coma se fosen filósofos alemáns. Reixa especializouse en facer de todo. Por iso o alcumaron de raro, sen decatarse, a maioría que pensaba así, de que camiñabamos cara unha época na que o raro era precisamente facer só unha cousa. Cando Reixa meteu nun verso o neotopónimo ‘Sarria Leona’, estaba anticipando algo moito máis claro agora: a cultura galega ou cabalga a onda internacional ou non terá futuro. Toda identidade viva é mestiza. A algúns parécelle unha afirmación contraditoria, porque se fixan en exceso na lóxica de Aristóteles, pero Antón Reixa foi sempre presocrático, por iso acertou.

Lois Pereiro escribiu unha poesía incorpórea e saíulle a alma que só o Greco conseguiu pintar. Unha alma triste, informe, como un trapo de cociña elevándose ao ceo. A poesía, como a salvación divina, é iso, apenas un trapo de cociña elevándose, iluminado por un raio tenue de luz que pronto desaparece. O Greco pintaba o instante, tipos irrealmente delgados, como Pereiro. O Greco pintou a Pereiro avant la lettre, porque recoñeceu a alma de verdade, a que non ten forma, a que apenas se pode coñecer. A poesía ben feita é como esa froita de cor intensa e formas correctas que non sabe a nada. Os verdadeiros froitos da poesía son engurrados, feos e sen rima. Pereiro era unha mazá caída dunha árbore da súa casa familiar do Incio. Unha mazá picada polos paxaros e dixerida polos vermes, como lle ocorre á froita auténtica, na que ninguén se fixa, sen edulcorantes nin conservantes. A poesía de Pereiro é a que non gusta a ninguén, salvos aos vermes e aos paxaros que non foron educados, como os humanos, na hipocrisía das formas simétricas.

O bo escritor é o que caza cun banquiño que coloca no burato polo que nalgún momento debe saír o animal


De Toro, Reixa e Pereiro coincidirían co pintor Underwasser, que declarou o seu odio á liña recta, non por nada, simplemente por antinatural. Estamos empeñados, dixo, en reproducir unhas liñas rectas que ofenden a vista, porque non están na natureza.

Os contemporáneos nunca recoñecen os escritores do futuro cando se cruzan con eles. Os escritores do futuro pasean confundidos entre a masa. Os contemporáneos compran os libros, asisten aos coloquios e pídenlle autógrafos, aos autores que ocuparán a letra pequena dos textos escolares do futuro, unha letra pequena de consolación, posta alí por nostalxia, máis que porque interese xa a ninguén.

O bo escritor é o que caza cun banquiño que coloca no burato polo que nalgún momento debe saír o animal. A caza é unha espera. O mal escritor é o que escribe millóns de palabras, caza con metralladora, arrasa o campo. Deixa constancia de que estivo alí porque detrás del non queda nada, máis que ducias de libros inútiles e milleiros de lugares comúns, cartuchos baleiros.

De Toro, Reixa e Pereiro, os rupturistas
comentarios