martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

Non hai inocentes

O redactor xefe da revista Expo, Stieg Larsson, acaba de se estomballar no chan da redacción. O ascensor está avariado e vén de subir a pé os sete andares. Axiña chega a ambulancia, pero non hai nada que facer e morre unha hora despois nun hospital de Estocolmo. Un infarto masivo. É o 9 de novembro de 2004. En agosto de 2005, a editorial Norstedts Förlag publica Os homes que odiaban ás mulleres, a primeira dunha triloxía de novelas negras asinadas por Larsson que se converterá nun éxito instantáneo no país de Astrid Lindgren e Maria Gripe. Na terra de Maj Sjöwall e Per Wahlöö e de Henning Mankell.
Stieg Larsson. EP
Stieg Larsson. EP

O DÍA DO SEU pasamento, Stieg Larsson era un xornalista de 50 anos que fumaba tres paquetes de Malboro ao día e bebía unha ola de café. Botaba ata 18 horas seguidas diante do ordenador. Alimentábase de comida lixo. Durmía, con sorte, de catro a cinco horas. Logo das longas xornadas, trasnoitaba mergullado en arquivos sobre a extrema dereita que levaba décadas a compoñer, ordenar e investigar. Daquelas tres novelas dicía que habían ser o plan de pensións que terían el e a súa compañeira, a arquitecta Eva Gabrielsson. Quería escribir máis. Ata dez volumes, se cadra. E pretendía co rendemento que obtivese financiar a propia revista Expo, sempre pelada de cartos, e as causas que o movían: derrotar o racismo e o fascismo; a loita contra a violencia sobre as mulleres.

Nunha entrevista en Svensk Bokhandel, catorce días antes de finar, Stieg Larsson avanzaba que se propuxera pescudar como sería nos primeiros compases do terceiro milenio Pippi Mediaslongas, a criatura máis célebre de Astrid Lindgren. "Hoxe pensarían que é unha sociópata". Naceu así Lisbeth Salander. Rubia, como Pippi, mais tinguido o seu cabelo de negro. Unha moza bisexual. Unha hacker que gaña a vida nas marxes e que tece unha rede con outros expulsados do sistema coma ela. Unha muller intelixente, infantilizada pola sociedade e incapacitada legalmente por unha doenza mental.

Lisbeth débelle o nome a alguén que coñeceu Stieg Larsson na súa adolescencia en Umeå, a cidade das bidueiras, 400 quilómetros ao norte de Estocolmo, no golfo de Botnia. Larsson tiña 14 anos cando foi testemuño de como os compañeiros cos que fora de acampada violaban unha rapaza. Non foi quen de plantarlles cara. Días despois, atopou a vítima pola rúa e quixo pedirlle perdón. Ela rexeitouno. A moza chamábase Lisbeth e, coma ela, a Pippi cyberpunk das novelas de Larsson é tamén unha sobrevivinte de violencia sexual. Ao autor aquela covardía pesoulle toda a vida: "Non hai inocentes, só diferentes graos de responsabilidade", repetía como unha ladaíña.

Larsson recibira a súa educación sentimental en Måggliden, aínda máis no septentrión. Cando el naceu, os pais eran tan pobres que non podían mantelo e quedou ao coidado dos avós maternos. Alí, cabo do avó, Papá Severin, un antifascista que fora apresado polos nazis na Segunda Guerra Mundial, alternaba o neno Stieg con leñadores e sindicalistas da fundición de Skelleftehamn. O pícaro, segundo os seus amigos máis antigos, xa nacera ancián.

Nin Papa Severin nin Stieg chegarían a vellos. O avó morreu dun ataque ao corazón, aos 50 anos, e o neto repetiría a historia. Stieg tiña entón nove anos e á perda desta figura esencial tivo que lle sumar o feito de ser levado a Umeå cunha xente que apenas coñecía: os seus pais e o seu irmán máis novo.

A súa máquina de escribir, como unha ametralladora, non daba acougo. A súa máquina de escribir, como unha ametralladora, non daba acougo

Stieg Larsson era tímido e falaba nun dialecto que os compañeiros ridiculizaban. Aos doce anos mandárono ao garaxe. A súa máquina de escribir, como unha ametralladora, non daba acougo. Stieg foi un escritor prolífico desde adolescente. Fascinábano as novelas de misterio, mais o primeiro amor fora a ciencia ficción. Coeditou en 1972 co seu amigo Rune Fosgren o fanzine Sfären e chegaría a presidir a Sociedade Escandinava de Ciencia Ficción.

Neste aspecto, moitos de quen o coñeceron porfían que hai máis de Stieg Larsson en Lisbeth Salander, incomprendida e con dificultades para relacionarse —e unha friki— que en Michael Blomqvist, o arquetípico xornalista mullereiro, tamén bautizado como homenaxe a outro dos personaxes máis célebres de Astrid Lindgren, o detective infantil Kalle Blomqvist.

As militancias adolescentes puxeron no camiño de Stieg Larsson a Eva Gabrielsson, a muller da súa vida. El tiña 18 anos e ela, 19. Coñecéronse no comité organizador das manifestacións contra a guerra do Vietnam en Umeå. Estiveron xuntos 32 anos.

Ao rematar a Secundaria, Larsson quixo estudar xornalismo, pero suspendeu o exame de ingreso. Non lle quedou outra que facer os dous anos de servizo militar obrigatorio. Tiraría proveito daquilo para desprazarse a Eritrea durante boa parte de 1977, cando adestrou na arte de preparar granadas unha guerrilla marxista feminina da Fronte de Liberación. Nesa expedición, o autobús no que viaxaba foi emboscado en Etiopía, onde sería interrogado polo MI6 e despois caería doente.

Aquela noite xeada, o militante troskista chorou pola sorte do político socialdemócrata.


Stieg Larsson involucrárase desde moi novo no activismo radical de esquerdas mentres traballaba para os seus diferentes boletíns como fotógrafo. Foi integrante da Kommunistiska Arbetareförbundet (Liga dos Traballadores Comunistas), que editaba o xornal troskista Fjärde Internationalen, cabeceira da sección sueca da Cuarta Internacional. Tamén escribía para o semanario Internationalen e axiña comezou a colaborar coa revista antifascista británica Searchlight como correspondente en Escandinavia.

De regreso a Suecia desde Eritrea, instalárase con Eva en Estocolmo e foi recrutado como deseñador gráfico en Tidningarnas Telegrambyrå AB (TT), a principal axencia de noticias do país. Na madrugada do 1 de marzo de 1986, recibe a encarga de dirixirse á confluencia das rúas Sveavägen e Tunnelgatan. Ten que elaborar unha infografía para recrear o asasinato do primeiro ministro, Olof Palme, alcanzado pola bala dun Smith & Weeson cando saía do Gran Cinema de ver Os irmáns Mozart coa súa esposa. Aquela noite xeada, o militante troskista chorou pola sorte do político socialdemócrata.

Se ben as primeiras pescudas quixeron implicar as organizacións comunistas Rote Armee Fraktion (RAF) e Partiya Karkerên Kurdistan (PKK) e máis adiante situose a Palme no centro da Guerra Fría entre a KGB e a CIA, o caso —pechado esta primavera— levou a Stieg Larsson a facer investigacións pola súa conta. Segundo Jan Stocklassa, que recentemente continuou o labor de Larsson, o inxente traballo do autor de ‘Millennium’ conecta o Servizo de Seguridade (Säpo) da Policía Sueca coa Liga Anticomunista Mundial e os servizos secretos da Suráfrica do Apartheid. "Se Larsson estivese vivo, tería dado co asasino", insiste Stocklassa.

Tanto o asasinato de Palme como poñer ao descuberto a extrema dereitasueca convertéronse en obsesións vitais para Stieg Larsson. Os ataques e o odio racista incrementábanse a medida que Suecia se convertía en lugar de acollida para refuxiados: chilenos, arxentinos e kurdos, ao principio dos anos 80; ata un millón de persoas do Leste de Europa, co colapso do bloque soviético desde 1989. A extrema dereita, sempre coa teima da liberdade na súa propaganda —como sinalaría Larsson na primeira novela de Millennium—, entraba nas institucións e os mozos integrábanse en bandas neonazis arengados polas letras fascistas do Vikingarock.

Pouco despois, Stieg Larsson rodeouse de xornalistas e estudantes de vinte anos para crear a revista Expo


Atopou a colaboración de Anna-Lenna Lodenius, xornalista e profesora universitaria, para publicar en 1991 Extremhögen, o máis completo informe ata a data sobre as conexións da extrema dereita sueca. Pouco despois, Stieg Larsson rodeouse de xornalistas e estudantes de vinte anos para crear a revista Expo, que el concibía como espello da Searchlight británica.

Expo infiltrou redactores en grupos nazis. Os compañeiros de Stieg louvan a súa entrega e compromiso, mais lamentan que as máis das veces traballaban sen ver unha coroa e que era o propio redactor xefe quen lles prestaba cartos do seu peto para pagar as facturas ou comprar un bocadillo. A Millennium das novelas é un transunto da Expo de 1995, coinciden na redacción, pero menos de andar pola casa e máis profesional.

En 1996, a imprenta na que se tiraba a revista saltou polos aires pola acción terrorista da extrema dereita. Stieg Larsson non tiña ningún recibo ao seu nome, polo que puidese pasar, e decidiu que era mellor non casar non Eva Gabrielsson, para non poñela a ela na picaraña. Quen contaba co que había vir despois. A morte prematura. A loita co pai e o irmán de Stieg polos dereitos de autor.

Cando dos redactores de Expo, Peter Karlsson e Katarina Larsson, sufriron un atentado con coche bomba, moitos abandonaron. Ninguén podía culpalos.

Stieg Larsson, pola contra, deixou en 1999 o seu posto en TT para dedicarse de cheo a Expo. Empezara a traballar, tamén, en darlle forma de novela a un relato curto de vello. A trama comeza cun home que durante 36 anos, o día do seu aniversario, recibe unha flor seca, na mellor tradición sueca da botánica de Carl Nilsson Linnæus. En 2004 entregou tres libros ao prelo. O que segue xa é outra historia.

Non hai inocentes
comentarios