Blogue | La vida en un hilo / A vida nun fío

Espellos de papel

A obra do cántabro Eduardo Gruber convócanos no Marco a presenciar dúas series de debuxos que nos levan a traspasar unha sorte de espello co que achegarnos a outras vidas. Vidas que enchen de posibilidades o azar, a palabra e diferentes escenarios personais
cof

O BO DE calquera exposición é que te sorprenda. Que por inesperada que sexa a proposta do artista deixe un impacto no visitante. Así acontece cando un se achega ao primeiro andar do Museo Marco de Vigo e se adentra na exposición de Eduardo Gruber (Santanter, 1949)  na que —baixo o título de ‘O salón dos espellos’ e co comisariado de Miguel Fernández Cid— percorremos dous espazos ben diferenciados pero unidos polo manexo do debuxo como ferramenta para impactar ao espectador e, sobre todo, como camiño para contar e narrar a partir dunha serie de imaxes.

Hai moito de narración na proposta de Gruber, xa que ese triángulo literatura, pensamento e imaxe ésta moi presente en todo o seu discurso plástico. Un debuxo entendido como parte final do proceso creativo, e non, como acontece en moitas ocasións, como parte inicial ou escala dentro dun proceso de creación que despois deriva noutras técnicas. Aquí o debuxo é o punto final, pero tamén é o comezo da relación cun espectador que se mergulla nesa dialéctica que xorde das imaxes entendidas case como fotogramas dun filme.

Anacos de vida que, secuenciados dende a singular montaxe da exposición, compoñen un making of do interese do artista por percorrer a fugacidade da vida, as compoñentes azarosas que a conforman, o cruce da violencia coa calma e a necesidade da cultura como parte dese proceso existencial. A destreza na súa execución, a sensación de lixeireza e finitude desa técnica, mesturada coa acuarela e ata co bolígrafo, xunto coa palabra inscrita como unha sorte de anotación a carón da imaxe, concédelle a moitas das pezas esa percepción do inmediato e, polo tanto, de achegamento directo á realidade.

Dous espazos e dúas series. En O salón dos espellos atopamos un gran cisne que tenta arrincar o voo mentras a ameaza dunha serie de cubertos fai perigar a súa vida. Unha irónica metáfora dos perigos da vida que logo se despregarán ao longo da sala, unha historia que é parte de tantas historias ao longo da nosa propia cultura. Dende a antigüidade ata os textos de autores máis recentes. Narracións que forman parte dos libros e de escritores que saen en moitos deses debuxos como xeradores doutras historias, de sombras e de fantasías que foman parte de nós mesmos.

Cambiamos de sala e o tamaño das pezas medra. O impacto faise maior e aínda levedará cando nos imos involucrando en cada unha das historias ou narracións que se agochan detrás desas imaxes da serie ‘Femme fatale’. Azares e amores platónicos conxúganse tras eses rostros imponentes, impactantes para quen se pon ante eles. Un texto ao seu carón ábrenos á porta á literatura, pero tamén á vida.

Cada unha desas historias xorde do azar e do amor platónico do creador que de xeito fortuito atopouse coas fichas policiais de mulleres prisioneiras en Australia. Convertéronse en amores platónicos para Eduardo Gruber que construiu a súa vida posterior. Que acontecería se a boa sorte formara parte desas vidas resumidas nun terrible primeiro plano policial? Un feito de rebeldía artística fronte á mala sorte que se agocha nas súas historias reais, máis tamén unha fiestra á imaxinación e á capacidade da arte para xerar novos universos. De novo traspasamos o espello e así, dende esas pezas sobre papel feitas con acuarela, carbón, grafito ou collage, poder formar parte doutra realidade que substitúa a que se fixou na historia.

Saímos e de novo nos atopamos con ese cisne ameazado, con esa sensación de acoso á natureza, pero tamén acoso a nosa propia realidade. Unha ollada rápida ás paredes cheas de debuxos e un derradeiro pensamento antes de deixar a exposición. A importancia da descuberta na vida, entender como outras realidades e outras propostas seguen sen ser atopadas para, cando o fan, configurar un deses momentos que converten a vida nun territorio cheo de beneficios e, neste caso, coa arte como espello que atravesar.