martes. 07.07.2020 |
El tiempo
martes. 07.07.2020
El tiempo

Un mañá que foi Poeta en Nueva York

É un dos poemarios cume do século XX. Unha declaración poética feita dende a modernidade proposta entre a persoa e a metrópoli. Cidade e persoa mídense en Poeta en Nova York que cumpre oitenta anos dende a súa accidentada publicación

ENTRE OS meses de maio e xuño de 1940 publícanse en Estados Unidos e en México as primeiras edicións, en inglés e castelán, de Poeta en Nova York, de Federico García Lorca. Concluía así un longo proceso iniciado once anos antes coa presenza do poeta granadino na cidade dos rañaceos e a súa escrita, inicialmente casual, a súa posterior conversión en libro e a complexa publicación do mesmo, cunha Guerra Civil polo medio, o fusilamento do escritor e o exilio de moitos dos protagonistas desta edición que veu a dar nun dos grandes poemarios do século XX.

No véran de 1929 Federico García Lorca sae por primeira vez de España e, tras unha breve estadía en París, chega a Nova York, máis en concreto á Universidade de Columbia, onde pasaría alí aloxado nove meses. Nese tempo escribe unha serie de poemas que non tiñan a intención de conformar un libro, pero que co tempo se converteron nese poemario co que o poeta se adentraría na modernidade e racharía cunha das súas teimas: superar a sona que tanto o marcara como poeta de lúas e xitanos, polo seu aplaudido Romancero gitano. Con Poeta en Nova York, Lorca súmase a poetas como Pablo Neruda con Residencia na terra ou a T. S. Elliot e a súa A terra baldía, isto é, a unha nova proposta poético, un camiño no que chantar os pés para facer do subxectivo un xeito de entender unha nova realidade que se abría paso no mundo. A cidade como entomoloxía humana, o vidro e o formigón acubillando almas cheas de dúbidas e incertidumes ante esa nova paisaxe asoballadora que, como unha fiestra aberta, permitía mirar non tanto ao lonxe como ao noso interior.

Federico García Lorca nunca tivo presa por facer deses poemas un volumen. Sen título, o propio Pablo Neruda, que sabía deles, propúxolle ‘Introducción á morte’, e con varios publicados en diferentes revistas da época, ou lidos en recitais e en diferentes aparicións públicas  -como cando estivo en 1932 en Pontevedra-. Aos mozos creadores da revista Cristal permitiulles a publicación de Asesinato. Na Boa Vila tamén falou da súa impresión sobre os Estados Unidos do que dixo que “o mellor daquel país foran Abraham Lincoln e Walt Whitman. En xeral, aquel poderoso país era Senegal con maquinaria”.

O tempo ía pasando e Lorca vía como seguía na sociedade fixada a súa figura como poeta do popular, baixo a pegada que supuxera o Romancero gitano dende a súa publicación en 1928, así que en 1935 comeza a pensar naqueles poemas que escribira en Columbia como un xiro total na súa presenza poética. Xa dende os primeiros meses de 1936 se reúne con José Bergamín para falar da publicación do libro na sede madrileña da revista Cruz e Raia. Nesa sede entrou por fin Lorca o 13 de xullo, dese fatídico ano, co libro baixo o brazo. Follas manuscritas e mecanografadas na orde en que terían que ser publicadas. Bergamín non estaba e Lorca marchou, deixando ese orixinal e unha nota: "He estado a verte y creo que volveré mañana. Abrazos. Federico", Pero o mañá xa non existiu, só en forma de libro. O poeta dirixiuse cara a Granada, onde pensaba que estaría seguro ante os acontecementos dos días seguintes e Bergamín fuxiu de España; iso si, co libro na súa equipaxe, grazas ao rescate da súa secretaria, Pilar Sáez, que, coa sublevación militar, levara á casa materiais da oficina.

Bergamín recolle a finais de ano o poemario e trasládase con el a París dende onde dirixía a Junta de Cultura Española. O seu labor nese campo e á espera da resolución da Guerra Civil parou a posible publicación de Poeta en Nova York. No mes de maio de 1939 co resultado da contenda xa claro José Bergamín marcha a México á fronte dunha delegación española de intelectuais que se establecerán alí. Na capital funda a editorial Séneca, onde en xuño publicará Poeta en Nova York. Só unha semanas antes a editorial Norton publica en Nova York a edición que o propio Bergarmín lles confiara para dar máis difusión a un texto que se xestou naquela cidade á que Lorca chegara para mudar a poesía española, para construír un poemario polo que moitos outros poetas subiron como se o fixeran polas escaleiras dun rañaceos. Unha nova perspectiva da humanidade, poema a poema, chanzo a chanzo.

Un mañá que foi Poeta en Nueva York
comentarios