jueves. 09.04.2020 |
El tiempo
jueves. 09.04.2020
El tiempo

O tesouro da inocencia

A historia dun hipopótamo de nome Amani, (Pacífico) é o relato do diferente, daquel que, polo seu carácter, se move segundo uns patróns propios e distintos os do resto da sociedade. Unha intelixente reivindicación dende o mundo da ilustración da man de Miguelanxo Prado.

XUNTÁRONSE Miguelanxo Prado e Retranca Editora para poñer en circulación Amani. Un fermoso relato de palabra e imaxes que funden a abraiante capacidade de Miguelanxo Prado para suxerir universos coa construción dunha mensaxe que ten moitas conexións con feitos que acontecen na nosa sociedade e todo iso partindo dun relato protagonizado por animais e nun lugar tan afastado de nós como pode ser a sabana africana.

Nese espazo, o hipopótamo, ese cabalo de río —como o bautizaron os exipcios ao ver como este animal eran quen de pasar ata 16 horas diarias metido na auga—, é un dos animais máis espectaculares, polas súas dimensións; pero tamén pola súa agresividade, algo que nos pode chocar se nos deixamos levar por esas imaxes tan habituais dos documentais de hipopótamos metidos en ríos ou lameiras con paxariños pousados no lombo. Pero as cifras de vítimas por ataques de hipopótamos sobrepasan con moito as de animais como leóns, tigres ou elefantes, dando conta da súa agresividade pola teima de protexer o territorio, así como pola defensa das crías.

Todo isto xera unha serie de comportamentos que Miguelanxo Prado pon en discusión ao contarnos a historia de Amani, que significa pacífico en suahili. Un hipopótamo que non ten ningunha desas preocupacións baseadas na violencia e na reprodución dos estereotipos que a sociedade agarda del e o único que procura e a calma, o xogo, e levarse ben coas outras especies coas que comparte territorio.

O seu comportamento, completamente alleo a enfrontamentos cos outros machos ou a súa falta de interese por agradar ás femias, converten a Amani nun animal 'rariño'

O seu gran tamaño, moi superior ao dos seus conxéneres, os seus ameazadores cairos, convertían a Amani nun inmellorable futuro líder da manda. Pero o seu comportamento, completamente alleo a enfrontamentos cos outros machos ou a súa falta de interese por agradar ás femias, converten a Amani nun animal rariño, nun animal diferente os seus compañeiros de especie, que seguen os patróns habituais desa especie.

A decepción dos pais ou o desprezo da manda levan a Amani a procurar o seu propio espazo, a atopar unha poza na que ter o sosego que ese grandullón precisaba para atoparse feliz. O contacto coas outras especies, sorprendidas polos seu comportamento, o establecemento de novas amizades e un feito que o levará de novo a ser respectado polo grupo, sen abandoar os seus comportamentos singulares, son o desenvolvemento desta historia que ao tempo que nos enfeitiza coas ilustracións de Miguelanxo Prado fainos pensar en cuestións como a importancia da inocencia como un valor, a necesidade de escoller un camiño propio sen seguir as obrigas dos grupos maioritarios ou como ese ser diferente fronte aos demais non nos debe facer renunciar a nosa personalidade.

Un texto con moita maior relevancia do que é habitual neste tipo de publicacións, e as imaxes enguedéllanse aquí para converter a Amani en todo un heroe, un valente que non precisa da forza para facerse querer. 

Miguelanxo Prado fai de cada ilustración unha obra de arte. Grandes tintadas con acrílico que nos levan ata unha sabana de ceos azuis recortadas arredor dos lombos deses hipopotamos cos seus tons violetas.

Esta relación entre a editorial pontevedresa e o noso ilustrador máis recoñecido terá continuidade nos próximos meses coa publicación da 'Triloxía do tríscele'

Todo un imaxinario de animais e paisaxes engaiolantes para esta historia que Retranca Editora, dirixida polo tamén debuxante Kiko da Silva, produce coa súa calidade habitual, convertendo o álbum gráfico ou o cómic nun obxecto a valorar máis alá do seu propio contido visual ou narrativo.

Esta relación entre a editorial pontevedresa e o noso ilustrador máis recoñecido terá continuidade nos próximos meses coa publicación da Triloxía do tríscele, que terá en O pacto do letargo o seu primeiro volume. Mentres, acompañemos a Amani na súa historia de testosteronas estúpidas e convirtamos a súa sabana no reflexo da nosa sociedade.

O tesouro da inocencia
Comentarios