Blogue | La vida en un hilo / A vida nun fío

Os contos de Eça de Queiroz

Adán e Eva no Paraíso, seguido de O señor Diaño e outros contos, recolle todos os contos que Eça de Queiroz deixou completos e publicou en vida. Recén saído do prelo é unha marabillosa achega ao labor narrativo dun dos máis sobranceiros escritores portugueses

Eça de Queiroz

JOSÉ MARÍA Eça de Queiroz (Póvoa de Varzim, 1845-París, 1900) é un dos novelistas máis importantes do século XIX. Obras como O primo Basilio (1878), Os Maias (1888), A ilustre Casa Ramires (1900) e a publicada trala súa morte, A cidade e as serras (1901), así o confirman dunha maneira indiscutíbel, pero a súa actividade como autor de contos tamén paga a pena que sexa coñecida. De aí a importancia dun volumen publicado pola editorial portuguesa Guerra e Paz dentro da súa colección Clásicos.

"Un libro amorosamente traballado", como se define no prólogo deste libro a cargo de Ana Castro Salgado, aludindo tamén ao cariño e coidado que poñía Eça de Queiroz á hora de facer e rematar os seus libros. Contén todos os contos que publicou en vida o autor e que apareceron publicados en diferentes xornais e revistas de Portugal e Brasil ao longo da súa vida. Estes contos foron publicados por primeira vez en conxunto en 1903, nunha edición a cargo de Luís de Magalhães con doce contos e que fixou o canon destes relatos, ao longo do tempo esta canonización foise discutindo e chegamos hoxe a esta nova disposición cun senso cronolóxico que permite coñecer as diferentes etapas literarias do escritor, que foron dende o romanticismo, pasando polo naturalismo e chegando a un eclecticismo no que se incorporaba a diferentes correntes literarias, como apunta o experto na súa obra, Carlos Reis.

Unhas etapas que son perfectamente definidas na súa novelístico e que teñen nestes contos unha especie de ensaio previo que lle permite traballar cunha maior liberdade, nunha mestura de poesía e prosa, de realidade e fantasía, onde a imaxinación séntese liberada e permite acadar un pracer da escrita que na novela sempre é máis complicado de atopar. É o propio Eça de Queiroz quen en 1886 presenta o que lle interesa deste xénero: "No conto todo necesita ser apuntado nun debuxo leve e sobrio: das personaxes débese amosar unha liña evidente e definidora que revela e fixa unha personalidade; dos sentimentos soamente o que caiba nunha mirada, ou nunha desas palabras que fuxe dos beizos e trae todo o ser; da paisaxe só o máis afastado, nunha cor común".

A lectura destes relatos amosa a importancia da súa escrita e a súa relación cos grandes novelistas do momento


Os relatos aquí recollidos amosan tamén as temáticas preferidas do escritor que van do adulterio, a imposibilidade do amor ou o divino e afástanse da crítica social que si está presente na maior parte das súas novelas, apostando por unha maior creatividade e achegándose a experiencias máis creativas que van da reflexión moral ata o universo fantástico. Isto lévanos a camiñar por territorios dos escritores que apreciaba como Walter Scott, Hans Christian Andersen ou Edgar Allan Poe.

O Eça de Queiroz escritor de contos nace do Eça de Queiroz xornalista, xa que con apenas 21 anos asume a dirección do xornal Distrito de Évora á súa chegada a Lisboa onde tamén publicará folletines na Gazeta de Portugal. Entre 1873 e 1875 exerce o cargo de cónsul na Habana e Inglaterra, anos máis tarde desenvolverá ese labor en París. Ao longo de todos estes anos seguirá enviando textos e contos á prensa portuguesa e brasileira. A lectura destes relatos amosa a importancia da súa escrita e a súa relación cos grandes novelistas do momento, sobre todo cos escritores franceses que se adicaron a plantexar nas súas obras a realidade do momento, como a sociedade do século XIX estaba a vivir un proceso de cambio nas súas actitudes e comportamentos e como o ser humano buscaba o seu propio lugar dentro dela.

Os comentarios de especialistas e coñecedores da obra de Eça de Queiroz son un acompañamento perfecto para estes relatos nos que xunto con esa cotidianeidade enguedéllanse temáticas de misterio e tamén un humor ou ironía que nos serve para aumentar a condición de modernidade da súa escrita. Outro dos anexos permite rastrexar estas publicacións ao longo da prensa, recollendo as cabeceiras nas que se publicaron e as datas nas que foron saíndo en diferentes números ata completar o relato dentro daqueles folletíns habituais na prensa do século XIX e principios do XX. O século dos grandes novelistas entre os que non debemos dubidar en incluir a José María Eça de Queiroz.

Comentarios