sábado. 18.01.2020 |
El tiempo
sábado. 18.01.2020
El tiempo

Paula Rego. Berro, imaxinación e poesía

A gran pintora portuguesa, unha das máis relevantes da plástica internacional, enche a Casa de Serralves cunha obra que define a súa traxectoria creativa dende os anos 70. Tamén, xunto ao poeta Joan Margarit, comparte protagonismo nun libro titulado Una mujer mayor

A  FUNDACIÓN Serralves no Porto establecera no ano 2004 un fito arredor da obra de Paula Rego cunha gran exposición que puxo en valor a obra que dende unha gran intensidade procesual facía a artista nada en Lisboa en 1935. Dende aí a súa presenza é constante en centros de referencia da arte contemporánea como a Tate Britain, o Centro Reina Sofía a Fundación Gulbenkian e unha chea de espazos artísticos de todo o mundo que consolidaron esta muller nos últimos tempos como unha das grandes artistas figurativas e a pintora que definiu un novo paradigma na pintura portuguesa contemporánea.


Ata marzo a Fundación Serralves, nun espazo tan singular como a Casa Serralves, renova a o seu vencello coa artista. Paula Rego. O grito da imaxinación é o título desta mostra que permite percorrer as etapas máis importantes na produción da súa obra, baseada nunha constante perda da inxenuidade do ser humano, o universo infantil aniquilado pola propia condición humana. Visualmente rachouse, a finais dos anos 50 a inocencia da artista que bota a andar ao enfrontarse á obra de Jean Dubuffet.
Aquelas obras, aquela arte do salvaxe, propoñía un novo itinerario a seguir que Paula Rego asumiu, primeiro dende unha violenta abstracción surrealista, no contexto das ditaduras portuguesa e española. Máis tamén a súa arte sempre se caracterizou por un forte contido narrativo, por ser parte, as súas pezas, dunha historia ou historias. Moitas delas afundidas no xa referido espazo da memoria infantil. Imáxes do biográfico, ilustracións das lecturas de infancia, pero tamén a narratividade de nomes como os de Eça de Queiroz, Franz Kafka ou Charlotte Bronte. Asoma Kafka e xorde a muda e o cambio do real, tamén o grotesco, desta vez da man do caricaturista Rafael Bordalo Pinheiro, incorporando eses elementos a unha pintura que non deixa de medrar nas súas posibilidades expresivas.


O mundo dos contos populares, as fábulas, animais que asumen comportamentos humanos forman xa parte da súa obra ao longos dos anos 80, énchendose de novos significados. Ao final desa década falece o seu home, o pintor Victor Willing, tras unha longa doenza,. Unha certa escuridade intégrase nas súas pezas que se centrarán na muller, unha complicidade para asumir posicións feministas. Sexualidade, subversións, misericordias, dominacións e compaixóns son aspectos dunhas obras que xa se asumen plenamente dentro da traxectoria dunha artista que se convertía en Portugal en toda unha referencia, ao tempo que comezaba a asomar por todo o mundo coa forza vital das súas obras, desa figuración que se impoñía a calquera proceso de abstracción. O corpo reclamaba tamén unha posición central no seu traballo, a súa expresividade, os xestos dos rostros, enfróntannos coa tensión das escenas e cunha ambigüidade inquedante para o espectador.

Constrúese así todo un universo do que podemos gozar na súa terra, non lonxe da Casa das Historias de Paula Rego 


Óleos, pasteis ou gravados son parte da súa linguaxe, é capaz de asumir dende diferentes técnicas os conceptos da súa pintura que se explican en tres elementos claves, que son os que se procuran salientar dende o comisariado desta exposición: cuestionar o cotiá, discutir o papel da muller na sociedade contemporánea e amosar espazos para a sorpresa e o imprevisíbel. Constrúese así todo un universo do que podemos gozar na súa terra, non lonxe da Casa das Historias de Paula Rego, que se inaugurou en 2009 en Cascais para gardar e amosar de xeito permanente a súa obra, permitindo achegarse a sesenta anos de traxectoria artística.


Coincide no tempo con esa exposición a publicación pola editorial La Cama Sol dunha desas conxuncións de talentos e sensibilidades que non deixan de abraiarnos. Baixo o título de Una mujer mayor debuxos e pinturas de Paula Rego conviven con poemas do recentemente nomeado Premio Cervantes, o poeta catalán Joan Margarit. Unha xoia que estremece só de pensar nela, canto máis poder gozar desas imaxes e deses poemas de dous xenios que, no crepúsculo das súas vidas, reflicten o paso do tempo e as sensacións de que todo pode ser o último que se faga.

Paula Rego. Berro, imaxinación e poesía