Blogue | La vida en un hilo / A vida nun fío

Pintar a inmensidade

Os vinte últimos anos do pintor Morquecho enchen o Pazo da Cultura de Pontevedra dunha natureza convertida en intensidade emocional. Sinais que identifican a un creador abraiado ante a capacidade da contorna natural para alentar a creatividade do ser humano
Inauguracion expo Morquecho. RAFA FARIÑA
photo_camera Inauguracion expo Morquecho. RAFA FARIÑA

A SALA DE exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra recupera a súa actividade expositiva, unha das primeiras en facelo en Galicia, a través da natureza e da obra pictórica do pontevedrés José Ramón Morquecho. Baixo o título de Morquecho. 2000-2020 fai un percorrido pola súa relación coa natureza como fonte de inspiración para propiciar unha traxectoria que nos afunde nas posibilidades da pintura na suxerencia desa intensidade que só ela posúe, sendo quen de acubillar e tamén de converterse en cómplice dun ser humano que, en non poucas ocasións, adoita darlle as costas.

Percorrer ese espazo a carón do río Lérez propón ese xogo entre o interior e o exterior, entre os ceos e o cauce dun río que poucos metros máis arriba se enche de árbores nas súas orelas. Porén, Morquecho compón a súa propia natureza, aquela que xorde da experiencia, neste caso dunha serie de viaxes a países como Finlandia, Marrocos ou Alemaña, suxerindo unha comuñón entre esas xeografías e as que propón a nosa terra.

Botamos, dese xeito, unha suxerente camiñada entre esas paisaxes cheas de verdes como notas dominantes dunha natureza que estoupa no interior destes cadros de cores planas, de formas suxeridas, de ausencias humanas, pero cheos dun fío de emoción que traspasa o lenzo para botarse enrriba do visitante a medida que imos enfrontándonos a esas diferentes latitudes; así como ás acaídas explicacións, nas propias paredes da mostra, sobre o que supón esa experiencia de home e natureza que firma o propio autor, desta vez mediante a palabra, pero tamén coa referencia de autores como Borges ou Whitman, axeitados escudeiros nesta poética pictórica que, ao fin e ao cabo, propón Morquecho dentro da súa domesticación da natureza, aínda que isto non sempre poida acontecer.

Como poucos é quen de representar Morquecho nunha espectacular serie adicada ás paisaxes de Baviera.

De feito, esa premeditada improvisación, esa ausencia do detalle, da composición perfecta, da copia do natural, por así decilo, é o que lle outorga á pintura de Morquecho esa autenticidade, un trascendentalismo que xorde desa puñada de herba coa que se enfronta nas súas paisaxes, con esa neve, a "albanelería do vento do norte" da que falara Ralph Waldo Emerson no seu ensaio Natureza, e que como poucos é quen de representar Morquecho nunha espectacular serie adicada ás paisaxes de Baviera.

A complexa, pero ben resolta, montaxe deste conxunto de 150 pezas tamén garda outras sorpresas, como a de poder asexar ao pintor no seu estudo, xerando ese milagre de converter un espazo natural nunha representación que vemos como pouco a pouco, pincelada a pincelada, xorde dese branco inaugural do lenzo. Tamén unha serie de obxectos amosan a capacidade da pintura para expandirse, para ir máis aló dese espazo máis cotiá no que adoita ser empregada.

Céntrase a mostra nos últimos vinte anos dunha longa traxectoria, pero faise dun xeito global, sen unha orde cronolóxica. Permite ao espectador conxugar esa liberdade da obra co seu movemento entre as obras, superando fronteiras xeográficas máis que temporais, e entendendo a evolución dunha pintura como un tránsito vital, como un camiño xenérico e non marcado co paso dos días ou das estacións, con idas e voltas que se afastan da liñalidade do reloxo e que aquí podemos comprobar vendo pezas destes últimos vinte anos, que entre elas xa amosan unha certa distancia temporal, pero que nos permiten ver como a pintura de Morquecho segue a procurar conquistas, con experimentacións na confrontación desas cores que o son todo.

Reflexos dunha mirada, dunha sensación que a natureza deixa no pintor e que el converte en suxerencia do vivido. As manchas de cores son contedores de natureza, árbores que emerxen con fondo senso panteísta, terras secas, liñas de costa, montañas. Cadros grandes ou pequenos apuntamentos. Miradas e máis miradas cara unha inmensidade contida nunha serie de obras que nos convocan ante esa natureza á que temos que voltar, que temos que recuperar tras o desprezo ao que a sometemos dende o noso presunto progreso.

Morquecho leva anos facéndoo ou, nas súas propias palabras: "Mergúllome nas súas entrañas formando parte dela, falando con ela, respirando e comendo con ela, ata o extremo dunha simbiose perfecta".

Comentarios