Blogue | La vida en un hilo / A vida nun fío

Terra e enerxía

Pamen Pereira traduce coa súa escultura as vivencias obtidas durante unha estadía na África subsahariana. A experiencia levou a artista ferrolá a facer dunha serie de sensacións vencelladas ao valor da comunidade e ao poder atávico da terra semente para unha obra comprometida.

Caracterizada sempre pola sensibilidade que repousa no tratamento dos materiais, pola capacidade simbólica das súas pezas, e polo compromiso co ser humano, a obra de Pamen Pereira non podía permanecer allea a unha experiencia tan intensa como a de coñecer de primeira man a realidade da África subsahariana. Un territorio que, visto dende o noso cómodo primeiro mundo, móvese entre as coordenadas do exotismo, da fascinación pola contorna natural e polas limitacións das persoas que viven naquelas terras. Pero está claro que iso é a postal, o cliché que nós mesmos acuñamos dende a nosa, tantas veces, pretenciosa posición, ou unha mal entendida pose de progreso. 

Percorrer a exposición Rewired de Pamen Pereira na compostelana Galería Trinta supón recuperar, dende o artístico, a esencia daquel territorio a través dunha lectura intelixente, chea de sensibilidade e, sobre todo, moi ben proposta dende a simboloxía da cada peza, así como no conxunto da instalación ao longo do espazo expositivo. Cada unha das pezas é unha reflexión sobre unha terra posuidora dunha relación especial co ser humano, tanto dende o físico, o poder telúrico do territorio, como do social, co sentido colectivo de pertenza a unha etnia que, na maioría das situacións, actúa dun xeito grupal de maneira moito máis intensa e reflexiva que o que acontece na nosa sociedade, cada vez máis definida pola individualidade da persoa, illada de xeito manifesto fronte ao conxunto.

A potencia dos materiais que emprega, tomados da propia raíz do territorio, con fortes vencellos tanto cos elementos da natureza como coas manufacturas da poboación, dota a cada peza desa intensidade que precisa a forma para converter o seu significado en algo emocional. Xorde así o compromiso, a capacidade da arte e das propostas de Pamen Pereira para visibilizar un territorio e os seus habitantes. Teas, cornos, elementos vexetais... súmanse a esa explicación do percibido, a materialización física daquelas sensacións cunha forte carga sensorial. Respiracións diferentes, texturas descoñecidas, sabores especiais, ritos. Ingredientes dunha cultura que se move na propia poboación como parte do seu ritmo cotiá. Materiais que nos unen a terra como un fío ancestral. Unha conxura fronte á superficialidade das nosas vidas, unha renuncia ao elemento temporal e a unha fugacidade que se ralentiza no territorio africano onde non se entende de presas.

Pamen Pereira incorpora ao seu discurso na procura de visibilizar esa unión que o tempo pasado en Tanzania e Mozambique se encargou de converter nalgo atemporal.

Eses materiais, realizados pola propia natureza de vagar, son unha concentración de vidas e proxectos, pero sobre todo o resultado dun elemento procesual alleo ao propio ser humano que se incorpora a el na procura dun interese, e que Pamen Pereira incorpora ao seu discurso na procura de visibilizar esa unión que o tempo pasado en Tanzania e Mozambique se encargou de converter nalgo atemporal. Un belisco na alma do que abofé será imposible desprenderse e que neste caso motivou un discurso artístico que a nosa protagonista soubo enguedellar coa su traxectoria artística, unha das máis interesantes da arte contemporánea en Galicia.

Ante cada unha das pezas da exposición séntese ese fío invisible, cheo dunha contundencia que, por feble ou aparentemente sinxela que poida parecer a proposta formal,  cáusalle ao espectador un intenso impacto e, sobre todo, acciona ese interruptor sempre tan necesario cando nos achegamos a todo o relacionado con ese continente da reflexión, de pensar cal é a nosa posición ante a deles, ou como os nosos países ou, tamén nós mesmos, actuamos fronte a unha situación chea de males —moitos deles provocados ou polo menos incrementados, dende este hemisferio— que marcan de xeito contundente as súas posibilidades vitais. 

Pamen Pereira, a través das súas pezas, adéntranos nunha proposta tan suxerente como firme nas súas conviccións e, sobre todo, nas súas posibilidades expresivas. Figuras que levantan o vóo como un soño vivido ou non. Unha percepción case máxica dunha realidade que medra dunha cama para encher a nosa mente de mensaxes coas as da imaxinación, pero sobre todo, do compromiso.

Comentarios