"A vida non hai que ferila"

A longa existencia da poeta Luz Pozo Garza, comezada en Ribadeo e desenvolta en Viveiro, apagouse na Coruña aos 97 anos
Luz Pozo Garza. CABALAR (EFE/ARQUIVO)
photo_camera Luz Pozo Garza. CABALAR (EFE/ARQUIVO)

A rúa de San Roque é a máis luminosa de Ribadeo. As casas encáranse unhas a outras con respecto e distancia, e teñen árbores diante e hortas ás costas. Luz Pozo Garza naceu na casa que pertencía a Amadora de Importancia en xuño de 1922.

Ela tamén era importante. A nai, Luz Garza, era mestra formada con elites de Francia, Bélxica e Alemaña; emparentada co Padre Feijoo. O seu caudal familiar remontábase aos construtores do pazo monfortino de Tor no século XIV. A escritora non coñezou a fortificación ata 2011. “Estaba dando clase, non tiña tempo”. O ano pasado dedicoulle un poemario.

O pai era un inspector veterinario de Lugo, entusiasta do republicanismo. A poeta lembrábase de nenísima desfilando pola casa coa escarapela tricolor coa que condecoraba aquel militante de Izquierda Republicana. O irmán, Gonzalo, nacido en 1918, sentíase cercano ás ideas paternas. Luz era católica. Levou sempre canda si un crucifixo do século XVIII que lle regalara a nai. Tamén monárquica: “Eu vía a raíña Victoria na revista La Esfera, cos fillos vestidos de mariñeiros,.. dábame pena que iso se perdese”.

Luz Garza escribía poesía. Despois de cear lían gregos, franceses, españois, galegos,... O xogo doméstico era recitar a Rosalía. Gañaba a nai. O discurso de ingreso de Luz Pozo na Real Academia Galega en 1996 estivo dedicado á poeta de Padrón. O pai, máis exaltado, prefería a Curros.

Con 24 anos manda un poema a La Noche. É editado por Eduardo Moreiras, con quen casaría case corenta máis tarde

A familia marcha de Ribadeo en 1929. Atrás quedan don Bonifacio, o que a nena chamaba O Rei das Lilas porque cultivaba esas flores nun xardín que lle prohibiran. Atrás queda un cabaliño de madeira sen unha orella, pero leva a infancia resolta: consagradas a comuñón e a confirmación, vistos os golfiños saltando no mar do horizonte.

Trasládanse a Viveiro, onde empeza a ser coñecida como A Nena do Patinete, e tamén por botar horas soñando á sombra da estatua de Pastor Díaz e recitar sen apoios a Virxilio e Ovidio. Na cidade aprende a ler na casa, faise xogadora federada de baloncesto e patroa de embarcacións.

O pai é detido en 1936 e conducido ao cárcere de Lugo, onde estará dous anos para ser desterrado a Marrocos outros dous. Ao primeiro, a nai viaxa á capital para visitalo. Un día fanlle saber que o coche non parara na Gañidoira por unha avería como lle xustificaran, senón que fora un receso para determinar se a mataban alí, nese momento.

Por seguridade e por cercanía co preso a familia establécese nunha pensión fronte á casa consistorial, en Bispo Aguirre. No edificio vive Luis Pimentel, pero está tan horrorizado coa barbarie que “non saúda aos veciños, é como un autómata”.

Luz Pozo estudara Música, Maxisterio e Filoloxía Románica. Deu clase de lingua e literatura españolas en institutos de Corcubión, A Coruña e Vigo, para xubilarse no centro de Nigrán en 1987

Luz Garza crea a academia Estrella del Mar para preparar bachareles. A filla axuda dando clases de Literatura, Francés e Debuxo. No tempo libre, cando chove, escoita Unión Radio. Con 15 anos empeza a colaborar en Radio Lugo como Lucita Pozo. Ese mesmo ano debuta como poeta con ‘Romance de la blanca Merceditas’ no xornal ribadense Las Riberas del Eo.

O seu irmán Gonzalo, enrolado ao cabo cos nacionais, dispara no Ebro. Ten 20 anos e unha doenza pulmonar. A familia consegue que quede en Lugo, na Comisaría de Guerra. Ao pouco volven precisarse soldados na fronte. Hai un sorteo. Libra, pero cédelle o posto a un pai recente. Morre en Jaca.

A familia regresa a Viveiro en 1940 tras ser o inspector reposto no cargo. Luz continúa escribindo. Con 24 anos lembra unhas cereixas que probara en Foz sendo cativa. Cóntao nun poema que envía a La Noche, o periódico de Compostela. Edítao Eduardo Moreiras. Acabaría casando con el en 1980. Ela fixérao antes, en 1944, con Francisco Vázquez, profesor na academia Minerva de Viveiro e alcalde uns anos.

Luz Pozo estudara Música, Maxisterio e Filoloxía Románica. Deu clase de lingua e literatura españolas en institutos de Corcubión, A Coruña e Vigo, para xubilarse no centro de Nigrán en 1987. Despois estableceuse na Coruña —onde finou onte— e botaba tempadas en Irlanda.

Morreu convencida de que podía ser indiferente a moitos, pero non odiada por ninguén porque “a vida é sagrada, non hai que ferila”. Nunca esqueceu a casa luminosa: “Estaba rodeada de una huerta amurallada y llena de árboles frutales. En el crepúsculo, tendría yo cuatro años, me invadía una gran tristeza. Parecería como si toda la saudade cayese sobre mí. El sonido lejano de los carros...”

Comentarios