Abrir Santiago, Ourense e A Coruña e as medidas para Nadal, a debate do subcomité clínico

A Xunta tomará unha decisión este venres coa mirada posta nas cidades con menor incidencia
O conselleiro García Comesaña. EP
photo_camera O conselleiro García Comesaña. EP

O subcomité clínico que asesora a Xunta en materia de medidas contra o coronavirus volverase a reunir, como cada semana, este venres, e farao con asuntos aínda pendentes de pechar, como un protocolo de medidas e normas de face á celebración da Nadal, así como coa incógnita de se os datos permitirán levantar xa os peches de hostalería e perímetro nalgunha das cidades, concretamente en Santiago, Ourense e A Coruña, as máis próximas. 

Na rolda de prensa tras a reunión do comité do martes, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, admitía que as cidades que mellor evolucionaron desde as medidas restritivas –peche perimetral e da hostalería– son Ourense, Santiago e A Coruña, que se atopan preto dos obxectivos que marca o borrador de criterios para a desescalada dos concellos. 

Por iso, volverán analizarse as súas circunstancias e, se os datos así o avalan, tomaranse decisións, algo que sempre defendeu tanto o conselleiro como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que apelan " prudencia" para non eliminar as medidas con demasiada celeridade. 

Tendo en conta a evolución epidemiolóxica na comunidade, Sanidade decidiu pechar perimetralmente as cidades galegas –principais focos de contagios– o pasado 31 de outubro, antes da ponte do primeiro de novembro. A medida foi posteriormente ampliada a strong<> 60 municipios, aínda que algúns deles xa foron saíndo na medida na que melloraron as cifras. 

Con todo, o peche perimetral de Ourense mantense desde case un mes antes, xa que foi decretado o 6 de novembro. As cifras, segundo avalan os expertos, melloraron desde entón especialmente nesta urbe, así como en Santiago e A Coruña. 

Na outra cara da moeda está Pontevedra, cuxa evolución e datos preocupan de forma especial á consellería. No conxunto de Galicia, segundo despréndese da última reunión de expertos, a tendencia é "favorable". 

Outros dos concellos nos que a Xunta puxo o foco pola súa evolución, aínda que polo momento aínda non se tomaron medidas, son Ribeira, Petín, A Rúa, Dumbría, Muxía e A Lama. Fisterra está en especial seguimento por parte das autoridades sanitarias, que tamén seguen de cerca a evolución da covid-19 en Sarria e Chantada.

UN PROTOCOLO PARA NADAL

Outro dos puntos a debate por parte dos expertos galegos é a fixación dun protocolo de medidas e restricións de face ao Nadal, que dependerá, no entanto, de que as cifras se moderen a medio prazo.

Nesta liña, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ratificou tras o Consello desta semana que as medidas se debaterán no seo do comité durante as próximas semanas, con propostas como que computen para os máximos de reunión as unidades familiares –no canto dos seus integrantes individualmente– e que "non conten" os menores de 10 anos.

Así, Feijóo defendeu a importancia de "diferenciar" entre "sumar persoas e sumar unidades de convivencia" e puxo como exemplo: "O risco entre doce persoas de dúas unidades familiares é menor que o risco entre seis persoas que pertencen a tres familias".

Tamén se reafirmou nunha cuestión que xa deixara sobre a mesa na pasada xornada: a posibilidade de que os nenos non computen como un adulto no límite das reunións. Se na pasada xornada avogou por empregar "unha metodoloxía distinta" para os menores, este xoves foi un paso máis aló e esgrimiu que os pediatras son os que están a avaliar "cal sería a franxa de idade idónea", co comité clínico como referencia.

Neste sentido, apuntou que na contorna dos dez anos para abaixo os expertos apuntan que os nenos teñen unha menor capacidade de transmisión dos virus. Por iso, a proposta da Xunta é que se analice a posibilidade de que "os nenos menores de 10 anos non conten".

Comentarios