"Non descarto dedicarme ao cine, pero mellor detrás da cámara"

Amador Arias asegura que tras 'O que arde' se lle abriron moitas portas e salienta que o filme o converteu en embaixador de Galicia
Amador Arias. SEBAS SENANDE
photo_camera Amador Arias. SEBAS SENANDE

Cando un bo día o fonsagradino Amador Arias decidiu presentarse ao cásting dunha nova película rodada nos Ancares non imaxinaba o que este xesto lle cambiaría a vida. Sen experiencia previa no mundo do cine, embarcou nunha aventura que o levou a coñecer novos países como Arxentina ou China e a coñecer profesionais da sétima arte. 

O fenómeno O que arde colocouno no máis alto do panorama nacional, aínda que recoñece que meterse na pel dun pirómano non foi sinxelo, sobre todo porque se define como un amante da natureza e da súa terra. "Encántame Galicia, as súas paisaxes e cada pequeno recuncho. Síntome moi orgulloso de formar parte dunha película en galego e rodada na montaña, que logrou que só con xestos e miradas todo o mundo se sinta un pouco galego, sexa de onde sexa", indica este garda forestal, cuxo labor principal é a recuperación da fauna salvaxe. 

Arias recoñece que O que arde, do que é coprotagonista, lle abriu moitas portas. De feito, asistiu ao Festival de Cannes e acompañou ao equipo na estrea do filme por distintos países onde lle deron recoñecementos, como o premio a mellor actor que recibiu no Festival de Cinema de Tesalónica (Grecia).

"Coñecín moita xente e a película converteume nun embaixador de Galicia no mundo, algo que me enche de satisfacción". Este labor quedou patente nos premios Goya, onde desfilou pola alfombra vermella cun chaleco coa imaxe de Castelao. "Todo un privilexio". 

Este fonsagradino, un apaixoado do debuxo e da fotografía, defínese como un namorado da natureza, dos animais e da súa terra

Este actor novel afirma que as experiencias vividas ata o momento son "moi reconfortantes", polo que non lle importaría dedicarse a este mundo. "Teño varios castings entre mans e estou estudando guións. Non descarto dedicarme ao cine, pero mellor detrás das cámaras, pois é algo que me apaixoa desde que era mozo". 

De feito, o seu pasatempo cando ten un momento libre é coller a cámara e botarse ao monte. "Encántame fotografar a natureza e os animais, é algo que fago a modo de afección, ao igual que a pintura, que me relaxa", di o fonsagradino, quen é un excelente debuxante, arte que profundizou durante os anos que viviu en Barcelona a onde emigrou con só 17 anos. "Eramos unha familia con nove irmáns e ao chegar a certa idade tivemos que buscarnos a vida", sinala. Alí, durante seis anos aprendeu catalán, estudou debuxo e dedicouse o oficio de delineante. "Foron tempos difíciles pois botaba de menos a miña terra e a miña querida A Fonsagrada, pero aprendín moito", recoñece.

Pese a toda a súa traxectoria vital, a participación en O que arde defínea como inesquecible. "Aprendín moitas cousas porque Oliver Laxe nos fixo a todos partícipes de cada pequeño detalle, foi unha experiencia única".

Comentarios