Ana Pontón: "Galicia podería ser, cun goberno do BNG, envexa de toda Europa"

O BNG pega o empurrón final da campaña cunha mensaxe clara: todo aquel galego que queira un cambio na Xunta o 12-X debe elixir a papeleta nacionalista
Ana Ponton
photo_camera Ana Pontón. PEPE FERRÍN

Que sensacións lle deixa a campaña superado xa o seu ecuador?

Sigo vendo unha gran mobilización arredor do BNG, que é a candidatura que está catalizando as ansias de cambio no país. Estou segura de que o vindeiro 12-X podemos dar a sorpresa cunha presidenta nacionalista en Galicia.

Ve ambiente electoral ou segue todo parado polo coronavirus?

Si que hai. Precisamente moitos galegos déronse de conta coa crise do Covid-19 que Galicia non pode seguir na liña que marcan as políticas do PP, porque son o contrario ao que se necesita. O BNG é a alternativa que pode facer que se produza ese cambio, que neste momento pasa por defender o noso, pola economía verde, a ciencia, a innovación, frear o abandono do rural, políticas de igualdade... En definitiva, pór en marcha un país novo. Cando algúns falan de nova normalidade queren volver á vella, pero necesitamos novas ideas. O BNG representa ese proxecto renovador, de futuro, que nos poña no mapa. Cun goberno do BNG Galicia pode ser a envexa de Europa.

O que non muda nada na campaña son as enquisas.

Nas enquisas hai que quedar coas tendencias e non coa asignación de escanos. E hai que ter en conta que estamos nun contexto moi volátil onde hai movementos de fondo que as enquisas non perciben. Eu o que noto na rúa, nas conversas, nas redes e na campaña é que hai moitísimas persoas que nunca colleran a papeleta do BNG e que o van facer neste momento porque confían na alternativa que lles ofrecemos. Están cansos de ver como Galicia vai a menos ou dos pim pam pum inútil do bipartidismo no que PP e PSOE se botan culpas sen atopar solucións. O mellor exemplo é Alcoa, onde a nacionalización non está enriba da mesa. Se eu son presidenta o 12-X, Pedro Sánchez terá unha proposta de intervención pública da fábrica onde a Xunta participará. Non deixaremos caer Alcoa porque é fundamental para nós.

Agarda un anuncio estrela para salvar Alcoa esta semana?

Os anuncios electorais de Feijóo teñen a mesma credibilidade que o de Pemex, sobre o que por certo non nos deu explicacións malia que está a ser investigado pola Fiscalía de México. A Feijóo e o PP perségueos a corrupción e os galegos non poden fiarse xa dos seus anuncios. Así que outro Pemex non, por favor!

E por parte do Goberno central?

O que ten que facer o Goberno central non é anunciar nada, senón dicirnos que parte dese fondo extraordinario que aprobou para nacionalizar empresas irá destinado a Alcoa. O que non podemos aceptar é que se salven empresas de Madrid e se deixe caer o tecido produtivo galego.

Quedou satisfeita co debate?

O debate é un dereito que teñen os cidadáns e unha obriga dos candidatos. Nel evidenciouse que o PPdeG é un proxecto esgotado e que a alternativa é o BNG, xa que fomos quen de desmontar ese triunfalismo e esa Arcadia feliz na que só vive Feijóo. E o máis grave é que o candidato do PP non volveu a ningún debate, así que debe ser que non quedou satisfeito. Feijóo agóchase dos debates e tamén das súas responsabilidades, como se está a ver no rebrote da Mariña.

Por que o di?

Non coñecemos ningún protocolo da Xunta. O único que dixo Feijóo é que había que pechar dous ou tres bares. Como pode actuar con tal imprecisión ou tratar de minimizar un brote destas características! E agora quere responsabilizar os concellos do control dos rebrotes. Primeiro agochouse tras o mando único e agora tras os alcaldes; Galicia non pode ter un presidente que se esconda senón unha presidenta que se poña de fronte e diga a verdade. E eu quero ser esa presidenta.

Teme unha caída da participación nas eleccións?

Agardo que non. Que a cidadanía vaia votar, de xeito seguro e cumprindo as normas, porque todos temos a responsabilidade de definir o futuro deste país. Se a mobilización de todo o voto inconformista se concentra na papeleta do BNG deixaremos atrás o pasado que representa o PP e abriremos un futuro esperanzador.

Estes días desembarcaron moitos políticos nacionais por Galicia, pero o BNG non ten padriño.

Confiamos tanto no noso país e nas nosas forzas que non precisamos o turismo electoral, que o único que demostra é que os outros están moi nervisosos.

Que será o primeiro que faga tras o 12-X se é presidenta?

Hai moitas urxencias e moitas medidas que tomar xa no primeiro día, pero unha das prioritarias para o Bloque será chamar a Sánchez para dicirlle que non imos Ana Belén Pontón Mondelo (Sarria, 1977). deixar caer Alcoa.

"Que meus pais me quixeran acompañar para dar a coñecer as miñas orixes foi emocionante"

Non sae da casa sen...

Sen darlle un bico á miña filla.

Vaia, o normal era dicir o móbil.

Non, non. Prefiro deixar o móbil que non darlle un bico a Icía.

Cambia a campaña sendo nai?

Pois si, non vou enganar a ninguén. Ademais sigo aleitando, o que me require un esforzo extra cando chego á casa.

Icía xa acudiu a algún mitin.

Xa foi a moitos actos antes porque fixen unha campaña enteira das xerais embarazada. Pero nesta campaña seu pai quería estar nos actos e levouna a un par de mitins. Por certo, portouse moi ben!

Tamén meteu a seus pais en campaña. Como se lle ocorreu?

O que me parecía importante era que os galegos souberan quen son eu, de onde veño e cales son as miñas orixes porque iso quizais axuda a entender melor o país que quero construír: orgulloso de quen é, que aproveite todo o potencial e o orgullo da xente da terra. Que meus pais me quixeran acompañar paréceme moi emocionante.

Por certo, que tal levou as semanas de confinamento?

Con preocupación, como todo o mundo, pero tamén con calma e aproveitando ese tempo libre, que tendo unha filla recén nacida que requería moita atención foi importante. Así que disfrutei moitísimo eses días con ela.

É moi activa nas redes sociais. Faino vostede soa?

Si.

Quédalle tempo para ler?

En campaña só a prensa.

A onde fará a primeira escapada en canto teña tempo?

A primeira será a Chorente, por suposto. Pasar alí uns días coa familia e as amizades de toda a vida, que son un puntal importante.

Unha viaxe soñada?

Teño moitas, pero nos próximos meses e anos vouno ter complicado porque desde o 12-X teremos responsabilidades de liderar o futuro de Galicia.

Praia ou montaña?

As dúas. Gústame moito a praia, pero o monte ten un magnetismo do que non se pode prescindir.

Vida orgánica ou parlamentaria?

Na parlamentaria estamos defendendo a institución que representa os galegos, pero é difícil ter forza no Parlamento sen unha grande organización detrás. Eu estou moi orgullosa da miña, onde o que nos move é o amor por Galicia.

Comentarios